Desexos e desafíos para 2015


Deixamos logo atrás o 2014, que foi o ano internacional da agricultura familiar, do que, chama a atención, ninguén pareceu decatarse en Galicia, sendo como é a terra por excelencia das pequenas explotacións familiares, as que labraron e debuxaron o rostro do país. E adentrámonos en 2015, que di a ONU que é o ano internacional dos solos, o que tamén deberiamos poñer nas nosas axendas, xa que os solos do planeta, e de Galicia tamén, están en perigo pola urbanización sen control, pola deforestación ou a forestación especulativa, pola contaminación e pola agroindustria.

Pero ademais diso, neste ano electoral, temos que poñer en vermello no nosa lista de desexos e desafíos varias cousas. Coma no berro seco da romaxe. Temos que subliñar, por exemplo, a necesidade de impulsar a integridade e a decencia en tempos de corrupción. A fervenza de novas sobre partidos, cargos públicos e institucións corrompidas non nos pode inmunizar. Pidamos logo sensibilidade e alerta máxima, e que a nosa actitude de denuncia sexa acorde con condutas persoais íntegras, que anuncien que outra maneira de estar no mundo é posible.

Escribamos, tamén a palabra igualdade. E despois poñámoslle os adxectivos “real e efectiva”. Non nos podemos permitir outro ano de mulleres mortas e maltratadas polos machos da súa contorna. Quen e como se están educando os nosos adolescentes? Escribamos na nosa lista: outra educación na igualdade e o respecto: urxente.

Despois escribimos a palabra diversidade. Temos que xestionala e esixir que se practique polos unificadores e uniformadores. Cómpre sermos flexibles e tolerantes, evidentemente, pero tamén esixir que as cifras estarrecedoras de morte do idioma galego comecen a reverter. Escribamos, logo: dar exemplo á xente nova de que o idioma galego é atractivo, útil, unha regalía.

Tamén poñemos na lista as palabras “prioridades sociais”, miramos para o que acontece, vemos como os gobernantes –locais e menos locais- seguen empeñados en facer inutilidades que se poidan inaugurar para quedaren ben (ver páxinas centrais), e despois de solidarizarnos coas loitas de Coia-Vigo, anotamos o propósito: non admitir un dispendio nin unha “ocorrencia construtiva” máis a ningún alcalde ou similar, mentres se sigan recortando os dereitos e servizos básicos.

E, por último, na nosa lista, escribimos algo así: animar ao irmán Francisco – o de Roma- a que siga intentando facer posible o que é necesario e conveniente, isto é, a disidencia contra unha herdanza que merece ser depurada e transformada para ser minimamente crible.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s