Periko Solibarría, Igrexa a pé de obra


Ilustracion CartaCarlos C. Varela (dende o Centro Penitenciario de Topas-Salamanca)

Dous anos no mosteiro de clausura de Topas dan para moita soidade. Tamén para moito aprender, cando a compañía é boa e as conversas enriquecedoras. Cun compañeiro vasco, asinante da Herria 2000 Eliza, souben de Balentxi, crego da zona vella de Donosti, activista incansábel e pioneiro con Txus Congil na loita pola prevención e tratamento dos problemas da drogodependencia, ás veces contra a incomprensión dos seus propios compañeiros. Falabamos de Balentxi a partir de Moncho Valcarce, pois os dous coñecéranse en Roma; e de crego en crego chegamos a Periko Solabarria, vello coñecido de Irimia, e exemplo de dignidade.

Periko Solabarría criouse entre os bombardeos fascistas ao País Vasco, efectuados pola aviación franquista e a Legión Condor. Unha bomba derrubou parte da súa casa, onde unha muller traballadora e un mineiro loitaban por sacar adiante unha familia. Feito xa un cura obreiro, Periko tanto organizaba reunións clandestinas antifranquistas como montaba unha escola no cinto obreiro de Bilbao. Nunha entrevista recente recordaba o apuro que pasara nunha inspección das falanxistas da Sección Feminina, cando un meniño, perguntado polas suas oracións, recordou que “Don Pedro sempre di que Deus parece que nos esqueceu”. Xamais cobrou do Vaticano. Traballou sempre de peón da construción –nunca tivo un contrato indefinido-, cóbado con cóbado con galegos e outros emigrantes: nas obras da Universidade do País Vasco, na Ponte de Rontegi, no túnel de Malmasin, no tren de bandas de Altos Fornos de Biscaia… Morou en Barakaldo nun sótano, que por veces nin tiña colchón; “Levouno un que o precisaba máis ca min”, escusábase. Non sorprende que desenvolvese a afección respiratoria crónica que ten. Obviamente, Periko Solabarría tamén coñeceu os cárceres españois, en retiro espiritual.

Na folga xeral de marzo de 2012, aos seus daquela 83 anos, Periko foi agredido pola policía cando participaba nun piquete. Os compañeiros levárono de urxencia ao hospital onde o operaron. A loita laboral tiña unha baixa, mais o movemento na defensa do sistema público de saúde gañou un mozo activista. Inmediatamente, incorpórase ás protestas do persoal sanitario contra os recortes. “É que eu son militante sempre”, di con timidez.

Desde entón é como un compañeiro no meu encerro: véxoo a diario na prensa, como un avó co que sempre se pode contar para renovar a fe na defensa da alegría. Periko en muletas abrazando unha muller que queren botar da súa casa; Periko tras incontábeis pancartas polos dereitos laborais; Periko no Nadal, disfrazado de Olentzero (o Apalpador vasco) entregándolle carbón a un empresario que despediu traballadores… E mesmo, en pleno debate sobre os métodos das Femen, espido e en muletas na rúa esixindo a readmisión dun condutor de ambulancias despedido inxustamente. Tamén en muletas se chantou, como un carballo case centenario, perante o neoinquisidor da Audiencia Nacional que o pretende xulgar por participar no acto de despedida dun preso morto en estrañas circunstancias.

Hai dous anos as súas veciñas e veciños de Barakaldo escollérono como pregoeiro das festas do Carme. Querían que falase no nome do pobo enteiro, e o mozo crego obreiro non se cortou: lembrouse dos galegos emigrados a Barakaldo, dos desposuídos, dos presos, da xente humilde… E criticou a festa dos ladróns do capital, do machismo e os gastos militares. “Fagamos da festa loita, fagamos da festa un paraíso de convivio”, encoraxaba. Disque agora Periko Solabarría descubriu as redes sociais e, tamén aí, é exemplo de humanidade.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Carta. Ligazón permanente.

4 Responses to Periko Solibarría, Igrexa a pé de obra

  1. Hai dúas cousas que me resultan disonantes nesta publicación de Irimia. Primeira: o autor está preso pero non se di por que está preso. Segunda: o personaxe que se presenta como referente moral estivo na dirección de Herri Batasuna cando ETA estaba no apoxeo da súa campaña terrorista, e iso tampouco se menciona. Non dubido que este crego é un exemplo en moitos sentidos, pero creo que Irimia debe aclarar se respalda esta sorte de haxiografía na cal se silencian os trazos problemáticos e posiblemente contradictorios. Saúde.

    • irimegos di:

      Ola. O ideal sería darche unha resposta sopesada e consensuada da mesa de redacción, pero neste momento é difícil que iso ocorra porque non temos xuntanzas. O que si podemos é convidarte moi gustosos a que nos redactes a túa opinión e malestar verbo deste artigo, e encantados, cha habemos publicar no seguinte número da revista e máis no blog. Como substituto da tal resposta, vaia este breve comentario do webmaster do blogue, a título individual e sen representar a ninguén máis ca a min mesmo.

      Sobre o autor: quizais sexa un problema de estilo da revista: só se fan pequenas presentacións das persoas entrevistadas, non das autoras dos artigos. Por outra banda, o estilo da revista tamén inclúe o respecto ás persoas, en liberdade, sen estigmatizacións. Non se descualifica unha opinión polos antecedentes penais do seu emisor. Teriamos que censurar o evanxeo, inspirado por un convicto antisistema. En calquera caso, todo o que nós sabiamos sobre o autor é o que podes ler en http://praza.gal/perfil/300/carlos-c-varela/ Recibido o teu comentario, atopamos tamén isto, que pode ser do teu interese: https://devoltaparaloureda.wordpress.com
      O autor, como toda colaboración externa e especialmente as que van dentro dos apartados Carta ou Opinión, como é o caso, é o único dono e responsable do que escribe e, entanto non explicite algún punto de vista que saibamos que claramente vai en contra da postura da nosa Asociación, non hai motivos para rexeitar o que nos envía, pois precisamente procuramos iso, colaboracións.

      Sobre o contido do artigo e Periko Solabarría. Eu descoñecía todo deste home até que se publicou este artigo. Leo o artigo e podo concordar ou non. Máis nada. Nel fálase dunha faceta solidaria e de compromiso social dunha persoa que, coma todos nós, ten os seus brancos, negros e grises. Dis que pertence a HB, seguro que tes razón, pero nese ambiente tamén houbo sempre persoas que traballaron desde dentro polo abandono da loita armada… En calquera caso, no artigo non se tocan eses temas. De só publicarmos artigos sobre persoas ou grupos cos que concordamos ao 100%, podemos facer 2 revistas ao ano.
      Afortunadamente temos lectoras críticas da revista e que cuestionan todo. Non penso que ninguén vaia pór nos altares ao tal Periko, como moito buscarán máis información (se están interesadas).

      Eu pódoche dicir que nós apostamos pola non violencia e pola solución dos problemas dialogada, pacífica, á luz do evanxeo e tratando de poñer por diante sempre aos máis febles, ignorados e esmagados pola historia. Anímote de novo a que nos mandes o teu comentario a xeito de carta e con moito gusto a habemos publicar. Unha forte aperta.

  2. Como dis que “o estilo da revista tamén inclúe o respecto ás persoas” podería incluír aquí os nomes e apelidos das persoas asasinadas por ETA mentras Periko Solabarría xustificaba os seus asasinatos desde a dirección de HB. Son varias ducias.

    E non descualifico a opinión de Carlos Calvo Varela polos seus antecedentes penais. Intento sinalar unha contradicción entre o terrorismo e a mensaxe dese Xesús, que segundo vós foi un “convicto antisistema” que puxo “por diante sempre aos máis febles, ignorados e esmagados pola historia”. Unha persoa así tería presentes ás víctimas do terrorismo cando houbese que publicar algo.

    Desculpade se me saín do ton, doume conta de que non tivestes mala intención, pero dóeme que a publicación deste artigo poida ser usada contra Irimia en termos semellantes ós que eu acabo de empregar. Sabedes moito millor ca min que clase de paixóns moven ós seres humanos nun colectivo tan heteroxéneo como a Igrexa.

    Non esperedes nova carta miña sobre este asunto. Xa dixen máis do que debía e moito pior do que debía. Como quería comunicarme convosco, e xa o conseguín, douvos permiso ademais para retira-los meus comentarios se queredes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s