Conversa con Alba Canoura


María Loira

xaruma fotoO día 5 de decembro celebrouse o Día Internacional do Voluntariado, co que se pretende poñer en valor a todas aquelas persoas que apostan por comprometerse de maneira altruísta na transformación da sociedade. A efeméride pareceunos unha boa desculpa para falar con Alba Canoura, que, dende hai anos vén realizando tarefas voluntarias en organizacións como Implicadas no desenvolvemento, o Centro de Emerxencia para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero, a Cruz Vermella ou a Asociación Xaruma.

Que é para ti o voluntariado?

Para min o voluntariado é un compromiso libremente adquirido coa entidade a través da cal realizas a acción voluntaria pero, sobre todo, coas persoas ás que vai dirixida. Non existe unha retribución económica polo teu labor, pero é un traballo moi ben pagado con aprendizaxes, compartir experiencias, risas, achegarte a outras perspectivas e outras realidades e, sobre todo, saber que estas participando nun proceso de transformación e de mellora.

Porén, tamén creo importante lembrar que o voluntariado debe ser iso, voluntario, e que en ningún momento pode substituír un posto de traballo. É algo que cómpre mencionar especialmente na situación na que estamos, na que as entidades se ven con moito traballo e poucos recursos económicos para a contratación.

Cres que é importante o papel do voluntariado na sociedade?

Considero que é fundamental que as persoas se impliquen en todo aquilo que pasa ao seu redor para melloralo, e creo que o voluntariado é unha boa forma de facelo.

Hoxe en día podemos facer voluntariado de todo tipo e utilizando diversas ferramentas: voluntariado presencial ou virtual, voluntariado ambiental, social, internacional, etc, o que nos permite coñecer contextos totalmente novos e diferentes. Ademais as persoas voluntarias atópanse con numerosos recursos: tanto á hora de acceder ás diversas ofertas de voluntariado como para recibir a formación necesaria para desenvolver o labor voluntario. Nas oficinas de voluntariado dos concellos, en páxinas web e as propias asociacións teñen estruturas propias para atender esta necesidade.

Opinas que é un labor ao que se lle dá visibilidade na sociedade?

Creo que, en xeral, non é unha figura que teña moita visibilidade. Paréceme que aínda non somos moi conscientes de todas as organizacións e proxectos que están dando servizo e se manteñen grazas ao labor de tantos voluntarios. O voluntariado pode facer o papel de sensibilización social. E, sobre todo, de proximidade á realidade, sendo así un vehículo de comunicación constante coas institucións nas que colabora.

Como foi a túa primeira experiencia como voluntaria?

A miña primeira experiencia no ámbito do voluntariado foi na ONG “Implicadas no desenvolvemento”. A raíz dunha formación da ONG xurdiu a idea de crear un grupo de voluntariado en Santiago. O noso obxectivo era sensibilizar sobre a realidade de dous países do sur: India e Etiopía, cos que Implicadas traballa, e dar a coñecer o labor da organización alá. Con este fin organizabamos mesas informativas, proxección de filmes, conferencias, exposicións, eventos para recadar fondos, etc.

Ademais trátase dunha organización que aposta pola perspectiva de xénero, tanto para transformar as realidades do sur como para modificar a discriminación machista dentro do noso contorno. Polo tanto, gran parte do noso labor de sensibilización ía orientada neste sentido.

Esta primeira experiencia foi enormemente positiva, estabamos cheas de ilusión e vontade de mudar o noso arredor. Sen dúbida, o feito de ter total autonomía á hora de deseñar e desenvolver as actividades, así como pertencer a un equipo moi unido, foron as claves do éxito desta experiencia.

1933881_131562903345_642232_nFoi aí cando viaxaches á India?

Si, gran parte do grupo de voluntarias tivemos a oportunidade de viaxar á India, á Tamil Nadu (no ano 2008) para coñecer os proxectos que Implicadas desenvolve alí xunto coa súa contraparte PDI (People Development Iniciatives). Esta viaxe foi especialmente significativa porque coñeces os proxectos in situ e a realidade da cal estás realizando un labor de sensibilización, descubrindo a grande implicación que a xente nova volca no cambio da súa propia comunidade.

Tras esta experiencia, foron xurdindo moitas outras, todas aportándome grandes vivencias e positividade.

Dos ámbitos, nos que realizaches actividade, cal é o que máis te impactou? Por que?

Como comentaba anteriormente, comecei realizando voluntariado cunha ONG de cooperación ao desenvolvemento, e logo participei con algunha outra asociación deste ámbito. Tamén tiven a oportunidade de colaborar en organizacións de inmigrantes, feministas, contra a violencia de xénero, do ámbito da discapacidade e en proxectos de educación para a saúde e loita contra a marxinación social.

Creo que agora mesmo me gustaría destacar a participación na asociación Xaruma, que traballa no eido da saúde mental. Esta entidade procura, desde unha perspectiva crítica, fomentar a inclusión social das persoas con trastorno mental grave, facendo un traballo día a día cos usuarios, pero tamén tentando mudar a mentalidade do barrio no que se insire para lograr unha inclusión social plena. Para iso organiza, entre outras moitas cousas, actividades de ocio abertas como: festas, saídas, clubes de lectura, etc nas que vos animo a participar.

Quero destacar a experiencia nesta asociación porque creo que traballa moi ben no ámbito do voluntariado; procurando unha formación constante, está aberta a novas propostas que os voluntarios desexen facer; e, sobre todo, mantendo a acción voluntaria como o que é, sen substituír postos de traballo.

E, por outra parte, destaco esta experiencia polos usuarios/as dos que aprendín moitísimo a nivel persoal, de todos/as e cada un deles/as, e porque son incriblemente divertidos/as. Grazas a eles/as descubrín unhas persoas que temos tan preto e tan lonxe á vez, porque non deberíamos de ter que facer voluntariado para compartir e convivir con eles/as.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s