Paco Carballo: cando a patria se volve corazón


Rubén e Francisco Carballo en Salamanca

Rubén e Francisco Carballo en Salamanca

Redacción

Coincidindo co final do franquismo, co ronsel creativo e renovador do Vaticano II, coa reconstrución do nacionalismo galego, coas loitas obreiras –e os curas obreiros- todo arredor dunha cidade vital e en loita –Vigo-, apareceron figuras como o frade paúl Francisco Carballo. El encarna o mellor desa época esperanzada, liberada, aberta a todo, ao inédito, ao acariñado en soños, ao que hoxe parece incrible que puidese pasar… e feito desde a base, desde a coherencia xenerosa, desde o corazón. Entrevistamos a Rubén Aramburu sobre Paco Carballo, para que alguén, próximo e discípulo, nolo contase.

Quen era Francisco Carballo e quen era para ti Paco Carballo?

Carballo foi un revolucionario no máis fondo dos sentidos, porque só o amor polo ser humano fai posible a revolución. Se teño que definir a este frade, historiador, teólogo, escritor, político…, penso en figuras como o Padre Sarmiento, ou Castelao, case unha expresión eucarística: unha persoa feita pan partido, repartido e alimento para tanta xente.
Desde min, teño que falar dun sentimento de orfandade tremendo. Foron doce anos compartindo mil historias e axudándome en tantas cousas. Canto aprendín con el!!! Paco exerceu a maternidade con tantos de nós que non deixo de repetir aqueles versos de Manuel María agradecéndolle á nai, xa morta: Que tarefa cumprida e que ben feita. Canto me animou sempre, canta mocidade no seu ser combativo: “Estupendo… ánimo… bárbaro… xenial…”eran sempre as súas palabras ante calquera iniciativa. Pero quedo coa bondade, foi unha persoa dunha bondade extrema, de aí a súa xenerosidade.

Hai un libro fermoso editado por A Nosa Terra: “Conversa con Francisco Carballo”, de Santiago Prol e Xan Carballa, un libro case manual de vida que recomendo a todos os irimegos, onde Carballo fala con forza poética de si mesmo:

“Son galego de nación: cristián por convicción; rezo: marana ta; `Ven, Señor Xesús`. Amo a miña Patria, Galiza: o mar salobre dos poemas de Manuel Antonio e Eduardo Blanco Amor; a liberdade da Estirpe que di Méndez Ferrín; a esperanza dun pobo enaltecido por Rosalía e Castelao. Levo nos ollos a melancolía de Virxilio, de Bernanos, dos dramas procelosos de Sófocles e Shakespeare”.
Como soñaba Paco Carballo Galicia e a Igrexa galega?
Carballo non soñaba, era a patria feita corazón. Non era nada nostálxico, senón home de futuro, por iso entroncaba tan ben cos mozos. Facíase presente aló onde o chamasen, compartía experiencias, aprendía, e tiña a capacidade de asombrarse con mais de 80 anos! Sabía que Galicia se tiña que liberar de moitos atrancos e de aí a súa paixón pola historia, por recuperar unha historia propia fronte ás falsificacións que nos ofreceron durante décadas, de aí a súa paixón e profesionalidade. Creou escola malia non ser recoñecido nunca institucionalmente. Impulsor de A Nosa Terra, animou e coordinou moito do magnífico traballo publicado na Historia de Galiza. Moitos mozos destes tempos coñeceron a Alexandre Bóveda grazas ao libriño de Carballo.
Coa Igrexa quizais estaba mais decepcionado. Viviu con paixón todo o reverdecer provocado polo Vaticano II, polas Comunidades de Base, Irimia, As Romaxes, Encrucillada… e ao fin dos seus anos todos eses soños viraron ante unha involución suicida. Penso que había estar feliz co camiño aberto polo Papa Francisco, mágoa que o colleu ao final do camiño. Con todo, endexamais deixou de loitar. Case con 80 anos creou e animou un grupo de cregos moi activo, que só deixou ante a enfermidade. Carballo non entendía a Igrexa se non era nunha comuñón profunda co pobo, coa súa realidade, cos seus problemas no mar, no campo, no mundo obreiro…

Foto entrevista.redimensionadoTes alguna anécdota reveladora que contarnos deste tramo final da súa vida?
Teño moitas, pois era un home ocorrente, e sen medos. Lembro a homenaxe que lle fixemos en Marín cando cumpriu 80 anos… Viña de someterse a unha biopsia que detectou o mal que acabou por consumilo. 38 de febre, e aguantou mais de catro horas de mesa redonda, cea, discursos… Subiu ao palco, e non sei de onde sacou as forzas, pero botou unha arenga chea de esperanza, de amor pola patria e de compromiso desde Xesús de Nazaré. Foi impresionante!

Escoitei a historia de cando neno escorrentou un lobo. Os pais mandárono coas vacas a un prado, tiña 9 ou 10 anos. Saíulle o lobo, e fíxolle fronte cunha vara e o animal fuxiu. Isto contouno un veciño que o mirou de lonxe porque Carballo non dixo nada na casa. Así foi a súa vida: escorrentar continuamente os medos, as feras, os maleficios sobre esta terra, pero sempre sen matar, sen odiar, sen violencias… Fixo entrar en razón o lobo, e quixo facelo sempre cos que non querían a Galicia. E sen buscar protagonismos, era un político de servizo, de entrega, vencedor do ego que tantas veces deturpa a acción política. En Paco Carballo, Galicia non era unha idea, non era unha ideoloxía, non eran discursos nin demagoxias…, en Paco Carballo a Patria era o corazón.

E soubo ir rematando a súa andaina…

Si, algo habería que falar da enfermidade. Pasara xa momentos duros, de depresión e abatemento, pero rexurdiu con forza nas última décadas. Apareceu o cancro e acompañouno durante nove anos. Impresionoume a tranquilidade ante a morte: “Que vou pedir? Son un velliño de noventa anos”. A valentía con que asumiu a derrota escribíndolle ao Provincial para que o levasen á enfermería en Salamanca, non quería ser un estorbo para a comunidade de Ourense. En Salamanca estivo moi ben coidado e atendido, pero non deixou de ser un duro exilio interior, sen volver a pisar a terra que tanto amou. Mantiña o humor, a última vez que falamos por teléfono díxome: xa ves, por aquí ando, eu xa contaba con estar morto!
Desta vez, Paco Carballo mirou o lobo, e coma sempre non lle tivo medo, marcharon xuntos cara ás intensas fragas da Serra de San Mamede, aló en Maceda.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade, Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Paco Carballo: cando a patria se volve corazón

  1. Cara as fragas de Celeirón de Asadur, que nome tan suxerente. Por onde a vía romana remontaba a “costa” do Rodicio.
    Por favor, contade conmigo para calquera lembranza de Francisco Carballo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s