O MANUEL MARÍA, da Terra Chá.


Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero)

Coñecino desde pequeno, na casa falábase del porque era un amigo da familia. O Anido, Xaime de Bullas, era tamén moi amigo do meu pai e compañeiro de andainas e pillerías do Manuel. O Xaime viña a Lugo ver o meu pai, invitábanme sempre á ensaladilla do Calvo mentres contaba picaraxadas que facían, coas que eu ría, como con aquela das “Sanjurjas” que chegara a copla de cego. Pasou o tempo e volvín topar co Manuel en mil aconteceres. Conteille e lembramos xuntos ao de Bullas, tristemente falecido nun accidente de moto, e esa mesma mágoa sentida deunos vínculos de alento. Manuel María foi cabal e amigo. Aqueles moitos que non tiveron a sorte de coñecelo, hoxe, poden aprecialo desde a obra escrita e desde aqueles relatos que se poidan contar del. Ía firme, entrañable, entre ilusións  irrepetibles, chamando aos que un día se puidesen sentir orfos de calquera soidade. Sementou amor pola Matria, a nós chairegos; e amor por Galicia a todas as persoas de bo entendemento e sentir da orixe. A súa xenerosidade só se podía prodigar desde a que desprendía directamente, nos encontros, nun viño cos amigos, ritual no que apreciaba ademais dos caldos de aquí os bos rioxas e, tamén, fumar tabaco negro ás agachadas de Saleta. Desde o seu exemplo espallaba vínculos sedutores, coa súa voz grave e recreada no perfecto acento de anécdotas meigas do sinxelo, do cordial e tenro. Xa non desde as obras que deixou en herdo senón desde a enorme memoria que posuía e coa capacidade coa que relataba as cousas que contaba. Falador empedernido, conciliador e escrupulosísimo na palabra, mesmo na escrita da estilográfica, coa que perfilaba desexos liberadores, sensible a calquera brisa que o vento movese. Lembro o seu triste acompañamento escrito cando morreu a miña mai (para nós, os da Chaira, é mai con “eme”.  Vén de miña, de mamar, de mamai e madre, de matria, de man e manancial, de xuntar os beizos en bicos nun fonema que só pode ser bilabial e carnal –pese a calquera norma ortográfica que nunca poderá explicar tenruras). Volvendo ao rego, sabía desa miña enorme dor porque había pouco perdera a súa, musa de arrolos, dos seus eternos soños. Muller moi querida, coma a Saleta a quen amou sempre, desque atravesaba a Chá en bici para ir cabo dela á Reigosa da Pastoriza, cando anoivaron, e xa sen fin. A min chamábame, como facía con todos os amigos, polo segundo apelido: Dobarrio. Metíase comigo, sabendo que eu viña de Duarría –de alí os meus pais e mais eu, por descendencia, aínda que nado en Vilalba- co dito aquel, co que nos poñía a caldo, considerándonos  trepadores da noite. Sempre me dicía: “…tede tino cos de Duarría, que corren de noite e dormen de día”. E ao pouco engadía: …que tal Dobarrio? E, non habería que voltar a Portugal?  Lembrabamos a viaxe feita anos atrás, na que os dous o pasaramos moi ben e foramos escoitar fados de noite. Despois, xa no cuarto, puxérase a escribir versos para un libro desde o insomnio dos “cafeses” que ambos  tomaramos moi competentemente. Por certo, engordei vinte quilos o día que me dixo que se tivera que escribir de novo “O Carro” non o podería concibir sen a música que eu lle puxen! Foi a primeira canción que fixen e sempre estarei debido da súa axuda, confianza e alento para escribir e facer cancións. Lembranza agradecida!

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Lembranza de orballos. Ligazón permanente.

One Response to O MANUEL MARÍA, da Terra Chá.

  1. Carlos Manuel Naval Anido di:

    Que fermosa sensación a de saber cousas por boca doutra xente que tivo a sorte de compartires momentos cun avó ao que non tiven a oportunidade de coñecer. Coido que a miña avoa lle había agradar moito saber que a súa lembranza segue viva.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s