Desterrados


Imaxinemos que 400 persoas se senten ameazadas e teñen que abandonar temporalmente os seus postos de traballo. Imaxinemos que as ameazas se manteñen, chegando á agresión dun deles, con hospitalización incluída, e que esta se produce nunha concorrida terraza dun bar a plena luz do día. Imaxinemos que a violencia verbal e o acoso chega a tal punto que estas 400 persoas deciden pecharse nas súas vivendas, mesmo retirando aos seus fillos da escola. Imaxinemos que a situación se volve tan insostible que se ven obrigados a deixar atrás a súa terra, cara ao desterro. Imaxinemos que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que en principio terían a obriga de os defender, os guiasen nunha saída ordenada, para evitar problemas de tráfico e de orde pública.

Imaxinemos que durante o seu desterro de máis de un mes, no que non teñen do que manterse, onde algúns mesmo non teñen un teito para se acubillaren, no que se ven obrigados a privar aos seus fillos da escolaridade obrigatoria,… no xornal máis vendido de Galicia, en portada, a catro columnas, hai quen se felicita da súa marcha e avisa de que se ateñan ás consecuencias se deciden volver. E imaxinen que os que así se manifestan seguen tranquilamente nutrindo deses contidos os medios de comunicación.

Non fai falla imaxinar. Isto está a acontecer na nosa terra. Desde hai máis de un mes un grupo de familias de etnia xitana do Porriño e Tui están a vivir esta situación. Despois dun obrigado “desterro” que se prolongou un mes, a súa volta, forzada pola necesidade económica, non lles trouxo máis que novas amezas, polo que de novo se acubillaron nos seus fogares, sen levar os seus nenos á escola, por medo.

E a quen eles apuntan como causantes da situación remítense a normas e costumes propios da etnia xitana, e a autoridades “reais”, como se aínda vivísemos no Antigo Réxime, incompatibles con calquera mínimo principio democrático.

É básico en democracia o monopolio da violencia polo poder público elixido. Ninguén ten o dereito de se apropiar do seu exercicio. Non pode haber “microestados” dentro do Estado. O que está a pasar, aquí, en plena Europa comunitaria, na España constitucional, lembra cousas que oímos que acontecen en México, ou quizais outras polas que se fixo famosa Sicilia. Isto que pasa entre os xitanos de Galicia é inadmisible, porque é un fracaso do Estado de Dereito.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

One Response to Desterrados

  1. Ademais do fracaso do Estado de Dereito, está este hábito, cada día máis fondo, de culpar á vítima: “algo farían!”.
    https://santiagogonzalezavion.wordpress.com/2014/11/17/desterro/
    Cando se anunciara o desterro (absolutamente falso, pero mediático) dos Cortiñas de Lugo, xa advertíramos do perigo de solucinar estes problemas desde a indiferenza: Que se maten entre eles!
    https://santiagogonzalezavion.wordpress.com/2014/03/04/que-se-maten-entre-eles/

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s