Daniel López
Si, o noso rural está agora, maiormente, na páxina de sucesos. O foco dos xornais e televisións –todos urbanos- está posto aí. Crimes, asaltos, soidades, abandonos, accidentes, malleiras.
Non é o único que pasa, madía leva que non, que pasan de feito ben máis cousas. Levan séculos pasando cousas boas. E mesmo agora, en plena desfeita, hai emocionantes intentos de dar vida a unha comunidade humana, a un territorio cheo de oportunidades distintas e pouco exploradas.
Pero aprendamos dos crimes. Martin Verfondern, un alemán nacionalizado holandés, foi asasinado en Santoalla, Petín. Era un “neorrural”. Os presuntos culpables son dous irmáns, de alí de sempre, poboadores tradicionais . A pretensión do novo veciño de ser comuneiro disque puido ser o desencadeante do triste final. Pero este drama apunta a moitas cousas máis.
Hai asociacións de ideas simples, que poden levar a xeneralizacións perigosas: o neoveciño era ecoloxista, ilustrado, formado, aberto ao mundo, conectado e activo na internet, en movementos de voluntariado medioambiental europeo, militante alternativo e namorado daquela paisaxe, daquel río, daquelas fragas onde escolleu vivir coa súa compañeira.
Os supostos culpables non teñen letras, nin escolleron viviren alí, disque teñen discapacidades psíquicas, botaban entullos e lavadoras vellas ao río, non dan valor ao que lles rodea, andaban armados e, se a cousa se demostra no xulgado, semella que non eran só para cazar o xabaril.
Fin da historia? Pódeselle dar volta. Pódese falar da bolsa de exclusión, da enorme deterioración social e familiar nas aldeas abandonadas, da necesidade de respectar os ritmos da xente que leva xeracións habitando o lugar, da condena da enfermidade mental, dos últimos de Filipinas, de non ir dando leccións se queres conseguir pequenos cambios, da distancia cultural e antropolóxica, …
Pódese ver do dereito. Pódese ver do revés.
O certo é que sen alternativas, sen novos poboadores, sen novas propostas … tres cuartos do territorio galego serán eucaliptal sen xente en cousa dunha década. Hai dous purismos que non teñen cabida no futuro: un podería ser o dos acabados de chegar: ecos, alternativos, euroguais, interneteiros… e outro o dos enxebres bravos, que-me-vés-contar, sempre-se-fixo-así, aquí mandamos os máis vellos.
E por certo, preocúpalle a alguén do goberno o que se albisca detrás do “suceso”?