Non podemos,… máis ben, debemos…, pero… que perdemos?


Daniel López

Pois agora, vaia, disque o perigo non son os que montaron toda esa feira de pagos en negro para financiar os seus partidos e, de paso, as súas contas suízas, os seus jaguars, os aniversarios dos seus cativos en Disneyland e as bodas da súa filla, poñamos por caso, no Escorial, con glamour, moitas cámaras e Dom Pérignon.

Os que saben, os inefables, contan que o risco non está nos que puxeron ao cargo das Caixas de Aforro, beneméritas institucións nacidas con vocación social, eses personaxes fachendosos, capaces de expropiarlles os aforros de toda a vida aos nosos emigrantes, ao tempo que gastaban centos de miles de euros das institucións que tiñan que controlar en lencería fina, ambrosías etílicas e karinas de alto stánding.

Os perigosos, comentan as voces cavernosas, non son os que negaron a diversidade deste Estado, de seu, plural, convertendo o diferente en estraño, desconfiando e uniformando taimada ou burdamente, a quen fala distinto, a quen se sente distinto.

Non. Seica non hai perigo ningún en gobernar e, de maneira simultánea, arrimarse aos narcotraficantes, deixarse querer, intimar, comentar vidas e negocios, evitando preguntas de mal gusto. Nin tampouco está en burlar a democracia e o dereito, nin en carrexar discapacitados intelectuais ás urnas, nin en quen converteu as subvencións para formar parados e a contratación pública nunha ferramenta de gañar amizades, dar e pedir favores e crear un país dual, dividido en súbditos ben acomodados –“os nosos”- e disconformes no paro –“que lles dean”.

Os perigosos, din os mestres da corruptocracia e os seus amigos, son os que queren o cambio das cousas.

Pois non. Non é que poidamos, é que debemos. Debemos dar unha oportunidade a algo diferente. Pero neste balbordo todo, nesta borrasca que vén do leste cara a Galicia, neste vendaval invertido que ataca desde a meseta, desde as redes, desde as teles privadas con sede madrileña,… non estaremos perdendo algo importante? Non nos estaremos xogando que queden varridas as institucións, redes e forzas políticas e sociais propias de Galicia, as que senten isto da galeguidade, as que apostan por este recanto europeo? Non nos arriscamos de novo a que Galicia se disolva no océano descolorido dun enorme cabreo celtibérico?

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s