A HUMANA FRAXILIDADE


Manolo Regal Ledo

Esta mañá fixen algo de oración co salmo 90, que nos sitúa ante a fraxilidade humana en tres espazos: curtidade de anos, fraxilidade ética e abundancia de traballos e miserias; unha fraxilidade humana que a persoa que ora no salmo ve compensada e recuperada pola consistencia de Deus e a súa abundancia de bondade e apaixonamento polo ser humano. Valeume para reconciliarme comigo mesmo, véndome na miña verdade máis limpa e auténtica (fraxilidade recuperada), e para reconciliarme algo tamén con tanta xente da que moito me custa sentirme irmán.

A fraxilidade humana ten hoxe moitos rostros. Algúns provócanme á solidariedade: os miles e millóns de persoas que arrastran unha existencia chea de carencias e penalidades. O amigo Xaquín Campo Freire estanos remitindo repetidamente aos cárceres coma lugar sagrado onde a fraxilidade humana chega a límites extremos. E ten razón.

Outros rostros da fraxilidade humana provócanme á rabia, á ira, á violencia, polo menos no corazón: son os políticos vendidos ao poder propio e alleo, as persoas falsas e corruptas que “devoran o meu pobo coma pan”, segundo di outro salmo, e mesmo o pobo chan, irmán, que por opción, ignorancia ou proveitos bebe con pracer desas augas turbas. Como nos sandaremos de tanta fraxilidade?

Volvo a ollada con esperanza a un veciño noso, con nome de candidez, ao que hai uns días outros veciños e veciñas lle montaron unha sinxela e cálida comida de homenaxe por sorpresa, na súa propia casa, agradecido/as pola abundancia dos seus servizos a toda persoa que necesite do seu tempo, das súas habilidades, do seu coche, dos seus alentos. E todo fuxindo sempre de glorias e aplausos. O contrapunto imprescindible, a semente limpa, necesaria, que pode encher este mundo de froitos de humanidade sans e saborosos, e non esoutras sementes transxénicas, infectadas de bombo e de poder, que dan froitos de preciosa aparencia, pero que enferman e matan.

Mentres haxa humanidade hai esperanza. E hai moita, moita humanidade.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón). Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s