Orzamentos públicos


Pedro Pedrouzo

Durante estas semanas vanse estar discutindo nos parlamentos español e galego e nos plenos municipais os orzamentos públicos para 2015. Posiblemente sexa un dos documentos que máis repercusións ten sobre os cidadáns e realmente parte do noso déficit democrático deriva do desinterese que producen.

Parte dese desinterese deriva de que non son un documento amable e aínda que limita de forma importante o destino do diñeiro público que vai xestionar unha Administración, tampouco o determina completamente, xa que o mandato orzamentario pode ser modificado polo goberno que executa o orzamento decidindo en que gastar.

Os orzamentos teñen dous grandes bloques: os ingresos e os gastos. Determinar a orixe dos recursos económicos das administracións (ingresos) é un dos continuos debates sociais: como repartir a presión fiscal que alimente as nosas arcas públicas. Cando falamos de recursos non só falamos do IRPF e do IVE, os dous grandes monstros da recadación, senón tamén de centos de pequenos impostos e taxas municipais que precisamente nestas datas se revisan e modifican: bens inmobles, circulación, augas e lixo, etc. Cada ano ofrécesenos unha inmensa oportunidade de modificar a carga impositiva de moitos pequenos impostos municipais introducindo bonificacións ou exencións fiscais. Outra fonte de ingresos é a débeda pública que permitiremos subscribir ao goberno durante o vindeiro ano. Os ingresos obtidos por ela só poden dedicarse a investimentos, sendo peza clave da capacidade financeira da Administración.

O volume dos ingresos limita o de gastos. Non se poden aprobar uns orzamentos nos que os ingresos sexan inferiores (nin superiores) aos gastos. Así que, tradicionalmente, a forma de maquillar uns orzamentos foi inflar os ingresos, facendo unha estimación optimista e irreal de ingresos que disfrace a penuria económica dunha Administración. Ningún partido está polo labor de criticar esta práctica, porque iso levaría a recortar aínda en maior medida uns orzamentos que de seu adoitan ser escasos estes anos, provocando o chamado austericidio. Se obrigásemos ás administracións a ser máis realistas cos seus ingresos, aínda nos levariamos máis dun desgusto. Na práctica, os cartos son o que son, e as actuacións executadas no último trimestre dunha Administración sofren esa falta de recursos que ninguén quixo ver cando se aprobaron os orzamentos, o que provoca demora nas actuacións e retraso nos pagamentos.

Os nosos orzamentos non son realistas porque inchamos os ingresos cando os aprobamos. Iso fainos ocultar os verdadeiros recortes, derivados da nosa incapacidade crónica de recadación, motivada en gran medida polo fraude fiscal, que provoca que malia estar entre os tipos impositivos europeos máis altos, a nosa presión real fiscal sexa moito menor que neses países. E isto favorece, ademais, a aqueles que máis capacidade teñen de evadir: os listillos fiscais. Por iso, o recorte é maior do que parece.

Os orzamentos son o esqueleto económico do noso sector público: reflicten qué parte do noso diñeiro será xestionado polo sector público, qué parte irá destinada a satisfacer necesidades públicas, e, se nos seguimos esforzando, qué parte lle arrebatamos a aqueles que queren facer un uso privado dos bens públicos.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Economía. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s