“FACER UNHA COOPERATIVA SEN ÁNIMO DE LUCRO É UN ACTO REVOLUCIONARIO, POLÍTICO”


José A. Martínez
entrevista_foto2

No 2014, as cooperativas, Cestola na Cachola S. Coop. Galega, Cousas da Terra, Tempo de Loaira e Trespés, puxeron en marcha a Rede SAL (Sen Ánimo de Lucro), unha plataforma de traballo coloborativo entre cooperativas galegas sen fins lucrativos. Conversamos con Tania Martínez e Paulo Jablonski, de Trespés, que nos explican que se pretende con esta rede

Como xorde a idea?

T.: No 2013, no Culturgal coincidimos unha serie de cooperativas sen ánimo de lucro. Compartiamos a dificultade que supón que a xente comprendese a figura “sen ánimo de lucro”, o que iso significaba. Vimos a necesidade que existía de difundir o cooperativismo sen ánimo de lucro e dar asesoramento a aquelas persoas que quixesen profundizar neste campo.

Que é iso do cooperativismo sen fins lucrativos?

P.: É unha fórmula enmcarcada dentro da economía social e solidaria que mostra entrevista_foto1.redimensionadoque é posible crear empresas sostibles sen necesidade de ter como principio último a maximación do beneficio. Isto é algo que a xente non entende, pensando que falar de sen ánimo de lucro é sinónimo de non cobrar.

T.: A cooperativa sen ánimo de lucro é un mecanismo de autoemprego. É unha empresa e os traballadores cobran polo seu traballo. Mais hai que diferenciar salario e lucro. Os beneficios do traballo que superan os salarios e os gastos propios do funcionamento das cooperativas van dirixidos a investir noutros campos (social, ambiental, cultural), non a se lucrar as persoas socias con eles. A finalidade da cooperativa non é a busca do beneficio económico: é unha alternativa laboral.

Mais non só responde a criterios propios das cooperativas, senón que aparece tamén recollido na Lei de Cooperativas de Galicia.

T.: Así é. Entendemos que todas as cooperativas deberían tender a ser sen ánimo de lucro, mais a Lei recolle ambos os dous tipos. Para poder ser rexistradas como cooperativas sen ánimo de lucro, hai que pór por escrito nos estatutos unha serie de principios: as persoas que ocuparen os cargos reitores non poden ser remuneradas, os beneficios das cooperativas non poden repartirse entre as socias, así como existe un salario máximo. E, por suposto, respectalo.

P.: Con todo, a Lei galega non permite que todas as cooperativas o sexan, restrinxe as cooperativas SAL ás que traballan no eido social. Por exemplo, unha cooperativa leiteira non podería ser sen ánimo de lucro, aínda que así o desexase. Non o permite a Lei, mais ningunha delas o pensa, pensan como empresas sociais. Aínda que hai algunhas que o pediron.

T.: E despois está a situación de que para que unha cooperativa sexa inscrita e recoñecida como sen ánimo de lucro ou non, en moitos casos depende da interpretación que faga a persoa funcionaria encargada do rexistro de cooperativas. A Lei recolle a regulación dun xeito tan amplo e aberto a variadas interpretacións.

Que pretende a Rede SAL?

P.: Pois, de entrada, explicar as diferenzas e a singularidade deste tipo de cooperativas. Entendemos que cómpre darlle visibilidade a esta fórmula sen ánimo de lucro, para promover e difundir o modelo entre todas aquelas persoas interesadas. Moitas veces non se ten en conta porque non se coñece. Ademais, entendemos que hai que axudar a aquelas cooperativas que se queiran constituír como sen ánimo de lucro, mesmo axudando na presión no rexistro de cooperativas.

Cal é a situación actual do cooperativismo?entrevista_foto 3

P.: As cooperativas son o que mellor está a resistir a crise. Son capaces de sobrevivir porque xogas co teu salario. Nunha empresa mercantil, o obxectivo primordial é manter os beneficios. A perda de beneficios fai que aposten por reducir postos de traballo. Nas cooperativas mantense o traballo porque as persoas traballadoras son as socias.

T: Cada vez hai máis variedade de cooperativas, que chegan a eidos que tradicionalmente lles eran alleos coma a hostalaría ou mesmo o cinema -a experiencia que se está a dar en Compostela con Numax. Antes estaba moi circunscrito ao mundo agrario ou pesqueiro.

E a que se debe este éxito do cooperativismo?

P.: O proceso de montar unha cooperativa é mais demorado: hai un proceso de debate, planificación, busca de consensos. O propio proceso de constitución é unha boa peneira, moitas ideas non chegan ao final, mais o proceso de constitución dunha cooperativa fortalécea xa antes de pórse en marcha.

T.: E iso tendo en conta que aínda hai un grande descoñecemento do que significa unha cooperativa. Séguese a vincular coa idea dunha burocracia impresionante, así que se anima á xente a ir ao máis “fácil”: montar unha SL ou unha comunidades de bens.

É certo que hai un grande descoñecemento social do que é unha cooperativa?

P.: Cada vez as empresas mercantís falan máis da responsabilidade social. É un problema do uso e da apropiación da linguaxe. As cooperativas son un modelo de autoemprego, son empresas de base popular. Supoñen unha alternativa: dan a posibilidade ás persoas que as integran de tomaren as rendas, de decidiren o ritmo que queren levar.

T.: E tampouco axuda que existen cooperativas que funcionan como SL. Funcionan con prácticas de empresas mercantís. Cómpre defendermos os principios cooperativos: a democracia interna, a participación de todas as persoas traballadoras en igualdade. E como cooperativas sen ánimo de lucro é necesario que fagamos fincapé e defendamos o que é verdadeiramente social: nisto nos diferenciamos das empresas mercantís e mesmo das outras cooperativas.

Como credes que se pode difundir máis o cooperativismo?

T.: Comezando polo propio ensino regrado. Non se fala das cooperativas, mesmo nas facultades de económicas ou de empresariais. Así, non resulta raro que despois exista ese descoñecemento en asesorías e consultorías laborais. Porén, non é só un problema de contidos: o propio ensino non é cooperativo, senón que é competitivo.

Sería necesaria unha aposta política polo cooperativismo. Non só unha liñas de axudas económicas, como existe agora, que non se diferencian das que teñen outros modelos de empresa, como as SL.

P.: Habería, tamén, que dar o enfoque. Se reparamos ben, todo o fomento do emprendemento está sempre centrado en persoas que emprenden. Cómpre abandonarmos esas ideas de éxito empresarial, como o que se nos vende con Amancio Ortega e outros. Ese éxito empresarial é, na práctica, un fracaso produtivo. Temos que buscar fórmulas alternativas: o modelo cooperativo é un paso máis para avanzar na madurez democrática.

Nas xornadas que recentemente organizou a Rede SAL, Joan Segarra, da Federación de Cooperativas de Traballo de Cataluña vinculou o grande desenvolvemento das cooperativas na súa terra pola aposta política municipal de externalización dos servizos públicos nos anos 80. Por que non acontece algo semellante en Galicia?

T.: Vai a un concello medio, como o noso de Redondela, e pregunta que é unha cooperativa. Non teñen idea, ou pensan en algo relacionado co agro. Si que se coñece o que é unha asociación sen ánimo de lucro ou o que é unha SL.

P.: Non existe tradición. Podemos observar o que pasa cos centros de día na nosa terra, xestionados por asociacións ou empresas mercantís. En Cataluña, por exemplo, as escolas infantís externalizadas foron maioritariamente xestionadas por cooperativas. Aquí só se ve o privado como única posibilidade, SL ou SA. Non se admite o privado colectivo, as cooperativas.

T.: Por outra banda, o tecido asociativo en Cataluña estaba máis desenvolvido, o que posiblemente fixo moito máis doado o desenvolvemento do cooperativismo.

E como vedes o futuro?

P.: Pasa necesariamente polo cooperativismo. Esta crise é un bo exemplo. O modelo económico actual non ten saída. O cooperativismo permite manter a actividade produtiva con outros criterios. Hoxe, facer unha cooperativa sen ánimo de lucro é un acto “revolucionario”, político, un acto que cada día fai máis xente.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s