Reflexión sobre o sínodo diocesano compostelán


HORIZONTE UNIVERSAL

J. A. Martínez

IDENTIDADE CRISTIÁ E TRANSMISIÓN DA FE.

O Papa pon a Igrexa en estado de Sínodo. Así se expresaba José Manuel Vidal, un dos relatores convidados este ano ao Foro Encrucillada. Para el, Francisco está a “potenciar ao máximo a colexialidade-sinodalidade entre os pastores da Igrexa, así como a corresponsabilidade dos laicos”. O o Sínodo dos bispos sobre a Familia, tan mediático desde a súa preparación, era unha boa proba dos aires de renovación da Igrexa.

En outubro de hai dous anos comezaba en Santiago un sínodo diocesano que ten previsto a súa súa clausura o ano próximo. Baixo o lema “Renovarnos en comuñón desde Cristo”, este longo proceso sinodal permite achegármonos a se eses aires de renovación sopran nunha das nosas dioceses.

O sínodo. Unha oportunidade

Había máis de 100 anos que non se convocaba un sínodo en Compostela. 50 anos despois do Vaticano II aínda ningún arcebispo tivera a ben convocar un sínodo para reflexionar e aplicar os cambios radicais que provocaron na Igrexa. Só por isto é de agradecer a iniciativa do bispo Julián Barrio.

Este sínodo diocesano, é dicir, a “asemblea de sacerdotes e doutros fieis escollidos nunha igrexa particular e que prestan a súa axuda ao bispo da diocese para o ben de toda a comunidade diocesana” preséntase como unha gran oportunidade para anunciar o Evanxeo, a boa nova. Os seus organizadores expoñen con claridade os seus obxectivos:responder en terras compostelás á misión da Igrexa, que non é outra que “transmitir a alegría para que a alegría medre”.

Mais a proximidade do sínodo de Tui-Vigo, clausurado no 2006, fainos ser cautos sobre a capacidade de renovación eclesial deste tipo de asembleas. Ningunha das 146 propostas (Constitucións Sinodais) que se aprobaron en Tui-Vigo non só non afrontaron ningún dos debates abertos na Igrexa actualmente, como por exemplo todos os que se están a levar ao actual Sínodo da Familia en Roma, senón que oito anos despois podemos dicir que non supuxo ningunha mudanza nin renovación na diocese do sur de Galicia.

Non é problema de persoas. É a estrutura!

A efectividade do que se debata no sínodo, a existencia dunhas conclusións que guíen a Igrexa no seguimento da boa nova de Xesús non depende, principalmente, da boa vontade das persoas que nel participan, senón da estrutura da que emanan.

Cómpre destacarmos a alegría das persoas que participaron nos grupos de traballos. Por primeira vez se lles consultaba sobre aspectos da súa Igrexa e non desaproveitaron a oportunidade. Traballaron con seriedade os documentos e achegaron as súas conclusións. Tampouco non temos que dubidar dos organizadores do Sínodo, que puxeron nel toda a boa vontade e o seu esforzo para que for o máis proveitoso posible. Mais a propia estrutura do Sínodo, que reflicte a estrutura da diocese, condiciona os resultados do mesmo.

A parroquia. O sínodo constrúese a partir das parroquias e para quen van ás parroquias. As propias normas de constitución dos grupos de traballos dificultan moito a participación doutros grupos de Igrexa á marxe do parroquial. É un sínodo para quen xa está dentro, non de apertura á sociedade. Outro enfoque sería a enquisa pública que o papa Francisco propuxo antes do sínodo de bispos, que mobilizou parte da sociedade e achegou o debate á Igrexa. En Santiago, coa rixidez na constitución dos grupos, afastouse o debate non só da sociedade, senón das cristiás que non van ád misa.

A Comisión Xeral Sinodal, que é quen dirixe e supervisa todo o proceso, está composta 61 persoas. Cantos laicos hai? 21. E cantas mulleres? 9, 7 laicas e 2 relixiosas. Os números cantan, e serán homes, na súa grande maioría sacerdotes, quen controlarán todo o proceso. Unha representación moi pouco plural mesmo para a pluralidade das fieis que van ás parroquias (fundamentalmente laicas e mulleres).

Transmitir a boa nova. Ou vivir a boa nova?

Dos cinco apartados en que estaba dividido o traballo do sínodo, os grupos de traballo abordaron o primeiro, baixo o lema “Identidade cristiá e transmisión da fe”. Malia que se fala da necesidade dunha fonda espiritualidade, as orientacións xiraban sobre a transmisión da fe. Para quen lea os documentos e fichas de traballo observará que persiste esa idea de que o problema non está no que a Igrexa defende, no que vive, senón en que non sabe comunicar a súa verdade ao resto da sociedade.

Un percorrido previo sobre o documento de 32 páxinas que a comisión relatora propón sobre o tema da transmisión da fe, dános unha visión sobre o modelo de Igrexa que transloce. Pode que nos ataquen por sermos demasiado “protestantes”, mais saben cantas veces se citan textos bíblicos? 5. Habería que buscar un equilibrio entre a Biblia e a tradición, mais neste documento non se logra. Hai 14 citas do Directorio Xeral da Catequese, 3 do catecismo ou 6 de documentos da CEE. Mais o groso, saben a quen corresponde? Evidentemente, aos diferentes Papas. Tarancón xa morreu hai tempo, porén os nosos bispos seguen a ter cabalo de tanto que miran a Roma. Que aparezan citados 11 veces documentos de Xoán Paulo II, pode pasar, pola duración do seu pontificado, mais que se cite máis a Bieito XVI que á Biblia, é completamente un exceso. E aínda faltan as citas a Francisco e a Paulo VI. Para que termos Biblia se xa temos encíclicas!, dirán algúns.

Prioridades: que Igrexa para o s. XXI?

Onde cómpre centrármonos para transmitir a nosa fe? Os relatores propóñennos catro eidos: parroquia, familia, escola e novas tecnoloxías e medios de comunicación. Os tres primeiros son os ámbitos tradicionais de evanxelización. Haberá novas propostas que supoñan unha renovación? Teremos que agardar ás conclusións do sínodo para velo, mais nos documentos segue a ter moito peso o catequético e no apartado das familias nada se fala das novas realidades familiares.

Centrándonos no apartado de relixión e escola, o sínodo pon negro sobre branco o que os detractores da materia de relixión no ensino tanto denuncian: é unha materia adoutrinadora. “O ensino escolar da relixión encádrase na misión evanxelizadora da Igrexa”, exponse. A indicación que “clase e catequese poderían desequilibrarse a unha sen a outra. Agás en circunstancias excepcionais, os cativos e adolescentes que solicitan os sacramentos deberían estar inscritos na clase de relixión”, tería que facer intervir as autoridades educativas, posto que se pode entender que se está a coartar a liberdade de escolla das familias. É un tema que daría para moito debate.

O sínodo é un primeiro paso, que deu a oportunidade de debater por primeira vez, na Igrexa e sobre a Igrexa, a moitas cristiás da diocese compostelá. Dicíanos un dos participantes, satisfeito co alí tratado, que postos a debater que se podería continuar por algúns dos temas que tanto preocupan á xente: a pobreza, as desigualdades, o medio natural, ou o desentendemento por parte dos poderosos e a xerarquía das preocupacións reais da xente. Agardemos que non haxa que esperar outros cen anos.

P.D. E a presenza do galego? Vexan a web da arquidiocese e valoren.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Horizonte universal. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s