Escoitar, mirar, abraiarse: a importancia da cultura oral nos pobos do mundo


Xosé Lois Vilar

Johannes e Xosé Lois en AlemaniaConversa co profesor Johannes Merkel

Johannes Merkel foi profesor de Pedagoxía Social na Universidade Alemá de Bremen. Actualmente está xubilado, pero segue a investigar e publicará nos vindeiros meses un amplo estudo do relato oral. (Hören, Sehen, Staunen. Kulturgeschichte des mündlichen Erzählens, que vén sendo algo así como, “Escoitar, mirar, abraiarse. Historia cultural do conto oral”).
Ten pescudado, entre outros aspectos, a pegada histórica desta forma de comunicación nas diferentes comunidades, a importancia do relato na construción dunha comunidade, o seu lugar na sociedade actual. Johannes está pasando agora uns días nunha aldeíña da Mariña luguesa onde ten a súa humilde casa galega, de conto, desde hai xa 30 anos. E coma quen non quere o conto damos en parolar.

Sempre que falamos do conto volvemos instintivamente a mirada ás culturas pasadas

Cómpre diferenciar entre culturas sen e con escritura. Nas sociedades que non a coñecen case todas as ideas transmítense a través dos contos. Non só a relixión, moral, dereito e regras sociais se aprendían mediante mitos; tamén os saberes prácticos da vida. Por iso foi tan importante para os nenos o seu coñecemento. Entre os indios de América do Norte practicábase un xeito de aprendizaxe de contos. Escoitábanos pola noite e tiñan que repetilos ao día seguinte.
Nas
culturas que sabían da escritura e que desenvolveran unha literatura, como a India e a China históricas, o conto oral público desempeñaba funcións imprescindibles. De primeiro era divertir a xente, pero ao tempo comunicábanse os valores sociais, relixiosos, morais, políticos. Iso explica que case todos os contos da India conduzan a unha conclusión moral aberta ou oculta. Na China, onde importaron os monxes budistas a tradición de contar en público, os narradores laicos instruían o seu público con sucedidos históricos e facían as maneiras de escola para as masas populares analfabetas. Nos países islámicos os narradores servían sobre todo ao pracer dos seus oíntes (unicamente masculinos) e foron pola mesma mal vistos de clérigos e xente culta; pero incluso alí afirmaron os valores vixentes entre a sociedade. A carón desta tradición pública existía outra feminina de contar no seo da familia e nos haréns, exclusiva para mulleres e meniños. As historias presentan con frecuencia mulleres valentes que burlaban maridos ou que disfrazadas de varóns vencían heroes machos, temas cos que os contistas de mercados e cafés non quitarían un peso.

Moito peso foi o que perdeu o relato oral na sociedade moderna. Ou non é así o conto?
N
os países europeos foi diferente. Aquí o conto oral empezou a desaparecer das rúas e feiras de vagariño, despois da invención da imprenta. Desde o século XVII o público das cidades entretíñase lendo, ou escoitando a un lector. Era a xente analfabeta do campo, e sobre todo os máis pobres, quen se divertía (e consolaba) cos contos nos que soñaban unha vida menos oprimida. Iso explica que nos contos tradicionais sexan sempre os máis desprezados os que conquistan princesas e reinos (ou as heroínas casan cun príncipe). Co cambio de vida que trae a industrialización os labregos convertéronse en traballadores de fábrica, reciben unha formación básica e sabendo ler divírtense con contos escritos de tipo trivial. Na sociedade literarizada (digamos do 1900) o conto oral persistía nuns poucos recantos afastados do campo. Pero no entre mentres os contos tradicionais xa se converteran en literatura para cativos, que lles eran lidos xeralmente dun libro (como a famosa colección dos irmáns Grimm).

E agora que xa somos máis sabidos, que nos pode achegar a práctica do relato oral?
O que caracteriza o conto oral máis profundamente e o diferenza á súa vez da literatura (e dos medios de comunicación en xeral) é a súa “interactividade”; o narrador observa os seus oíntes e toma conta das súas reaccións para a formulación das súas palabras e incluso para o desenvolvemento da narración (por iso temos tantas variantes de cada conto tradicional.) Este feito caracteriza tanto o relato como o narrador. Os mitos relixiosos en culturas analfabetas poden parecernos un ben cultural sacrosanto, intocable pola importancia que tiñan para a existencia destas sociedades. Porén, eu quedei abraiado polo grao de improvisación que se practicaba na presentación dos mitos da súa orixe. Mantendo os trazos principais, os narradores adornáronos segundo as súas experiencias, incorporaron novos episodios, etc. Os Apaches Jicarillos, por exemplo, crearon un mito que explica como os deuses crearon ao primeiro ser branco; e outro que explicaba por que os deuses non entregaban fusís aos indios, se non soamente arcos e frechas; mitos que, con toda evidencia, non lles aprenderon os seus antepasados anteriores á chegada dos europeos.
Pola
contra do conto narrado cara a cara, os medios de comunicación máis modernos, tanto literatura coma audiovisuais, non poden contestar ás reaccións dos seus públicos.
Certo que ningún narrador competirá coa precisión con que estes medios Johannes con Xiana Vilar Sopeñarepresentan mundos completamente fantásticos; pero el pode ofrecer aquilo do que estes medios carecen e precisan finxir: unha comunicación mutua . O feito é ben significativo. O novo interese nos contos orais que vemos nos últimos decenios non xurdiu entre as sociedades máis tradicionais se non entre as máis avanzadas coma os Estados Unidos e valórase hoxe en día nos países máis asolagados pola omnipresencia de medios audiovisuais e electrónicos.

Poderá, xa que logo, coexistir coas outras formas de comunicación escrita e audiovisual?
Aínda que ao longo da historia o conto oral foi o medio de comunicación máis importante, hoxe soamente pode completar a comunicación pública e ofrecer unha forma máis íntima e comunitaria de lecer; mais hai que observar unha limitación fundamental: o narrador só pode achegarse a un público restrinxido. Presentado na televisión ou en cintas audiovisuais perde forzosamente o seu carácter principal e decisivo. Polo tanto, mantendo a intimidade e a interactividade cos seus espectadores ofrecerá unha alternativa para os seareiros desta forma de presentación e intercambio cultural.

Sería entón aconsellable seguir a cultivalo? Se isto é así, como debería facerse?

Saber contar paréceme unha capacidade moi aconsellable para todas as profesións que traballan directamente coas persoas. Outra cousa é se falamos dos que buscan gañar a vida narrando en público. Xorde un problema bastante difícil: o conto oral non é (ou quizabes aínda non é) o que foi en sociedades históricas: unha forma de diversión cultural amplamente recoñecida (como o teatro, o cine, o concerto). Como ademais soamente se pode practicar por diante dun número determinado de espectadores, fáiselle difícil aos contacontos profesionais vivir das súas actuacións. En grande parte viven, á parte de actuacións en pequenos teatros, do feito de contaren en institucións sociais onde están pouco remunerados.

En sociedades tan cosmopolitas coma as nosas pode o conto facer contribucións relevantes tanto na construción da linguaxe como na da cultura?

Os “novos” narradores non presentan unha tradición da cultura da súa orixe, se non que relatan as riquezas da literatura oral de diferentes sociedades. Neste sentido encaixan dentro dunha cultura cada vez máis cosmopolita e mundial. Johannes MerkelAdemais poden representar e divulgar estas tradicións de maneira accesible e divertida. Os contos femininos, dos que veño de falar máis, por exemplo, permiten subliñar e reforzar o cambio de roles sociais das mulleres.


E para os meniños de hoxe seguen a ser “os contos” un instrumento útil na súa educación?
Ata
hoxe, e despois de tanto contar contos aos pequerrechos, o que aínda me sorprende é a fascinación que demostran por calquera forma de narración, sobre todo cando se ilustra con xestos e pequenas actuacións. E son precisamente aqueles nenos que están medrando coas diversións que lles ofrece o mercado desde os libros ata os xogos de informática. Moitas veces escoitei despois de contar: “Pero isto é coma a televisión.” Non hai que esquecer cantas informacións rexistran, case “sen se decatar”, de narracións que escoitan, como se de libros ou de medios audiovisuais se tratase.
Porén, o conto oral aínda lles ensina máis. Escoitando acostúmanse a contar eles mesmos; e o saber relatar sérvelles para expresar logo os seus sentimentos, algo que lles sería moi difícil de aprender por medio dunha linguaxe explicativa.
No tocante á linguaxe o conto
narrado ten un efecto que ao meu entender non se reflicte nin se estima bastante na educación literaria. Quen narra sucesos e comportamentos dun mundo alleo ao mundo de cada día, non se pode expresar unicamente na linguaxe que usamos acotío para entendérmonos. Contando, un ten que facer imaxinables os homes e ambientes do mundo narrado, por iso ten que describir este mundo con palabras e frases de estilo literario, con expresións que a primeira vista soan bastante estrañas para os nenos. Á súa vez o narrador observa ao seu público para percibir cando xa non o entende ben e procurar unha formulación máis accesible. Quérese dicir, que o narrador fai o relato a cabalo dunha linguaxe literaria que se mestura con outra máis comprensible. Contar ofrece algo coma unha ponte, que leva da linguaxe de cada día a unha linguaxe formal que os cativos deben manexar tanto para saber escribir como para poder expresarse en calquera dos medios de comunicación ao uso.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

One Response to Escoitar, mirar, abraiarse: a importancia da cultura oral nos pobos do mundo

  1. Pingback: Ti tes moito conto ou deberías ter máis? | Aí falaches!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s