Homenaxe en tempos de saqueo


Cando estes días todos miramos a Teresa, auxiliar de enfermería, acordeime ben de cando tiven que ingresar a unha filla no Materno-Infantil por unha gastroenterite aguda. Se tivestes a alguén próximo internado nun hospital da rede pública seguro que sentides, neste momento, a mesma necesidade ca min. A necesidade de facer unha emocionada e agradecida homenaxe ás auxiliares de enfermería.

Elas son as que terman do sistema de atención, desde abaixo. Elas nutren e atenden. Elas tocan e limpan o intocable, cun sorriso e unha broma, cunha eficacia sorprendente, facendo natural o máis difícil, o menos agradable; devolvendo a dignidade e a limpeza aos corpiños doentes, diminuídos pola dor, a incontinencia, o malestar. Nada sen elas sería curado, porque alguén se ten que facer cargo do básico, do que se dá por suposto. Elas, medio invisibles, son os anticorpos do sistema público de saúde, xa que evitan unha enorme e cheirenta infección colectiva. (Abofé que hai hospitais no mundo que cheiran moi mal, porque carecen deste insubstituíble exército de anxos).

Recoñecer e agradecer é o que deberiamos facer todos e todas en tempos dun ébola global -e por iso, por fin, digno de atención. Motivar e prestixiar. Pero máis aínda deberían os responsables públicos.

Como non agradecer con absoluta humildade? Como non encher de bicos a esa emigrante galega, mileurista en precario? Como non aproveitar para asociala aos mellores valores que encarnan, por principio, todos e todas os profesionais que atenden e curan no sistema sanitario, a pesar dos recortes e das prioridades pervertidas?

Uns nacen para moer e outros pra seren moídos. E, así, naqueles días, con Teresa, a auxiliar, loitando por sobrevivir tras unha infección en acto de servizo, un “consejero” dicindo o que dicía e unha ministra que non daba ministrado, representábase a grande opereta dun sistema que cheira realmente mal.

Especialmente cando, na segunda páxina dos mesmos xornais, neses precisos mesmos días, viña o detalle das birgualladas que os colegas da ex Caja Madrid, (das galegas hase saber) facían coas famosas tarxetas en negro, que deberon ser un invento a medio camiño entre os finiquitos diferidos e os jaguares que atacan por sorpresa nos garaxes da España VIP. Iso si, todo entre flores, fandanguillos e alegrías.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

One Response to Homenaxe en tempos de saqueo

  1. Pingback: Homenaxe en tempos de saqueo | Abrente incerto

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s