Somos máis ricos


Pedro Pedrouzo Devesa

caricatura PIB

Caricatura PIB. Fonte: Daniel Cabral

O Instituto Nacional de Estadística incorporou recentemente ao cálculo da nosa riqueza algunhas actividades ilícitas que sempre estiveron á marxe dela, como a prostitución ou o tráfico de drogas. Para valorar estas actividades económicas que enriquecen a moitas persoas, fíxose unha estimación en base á información que dispoñemos delas. Para valorar a prostitución, considerouse unicamente o comercio sexual consentido, sen ningún tipo de coacción; na práctica, algo realmente difícil de diferenciar da explotación sexual.

Contabilizalos supón admitir que hai moitas persoas que se enriquecen con estas actividades; persoas que, por outra banda, potencian co seu consumo outras actividades lícitas. É dicir, inciden realmente no seu benestar. Somos máis ricos do que pensamos, de forma ilegal, pero máis ricos.

Ao existir tantísimas familias que se benefician de actividades ilegais, encontrámonos cunha situación semellante á da corrupción urbanística de hai uns anos. Demasiadas persoas están a favor dela, ou polo menos conséntena, porque as alimenta.

Ao tratarse dun mandato contable europeo, aínda que non se está aplicando do mesmo xeito en todos os países, non é algo sobre o que poidamos ter moita autonomía de decisión. Tampouco é de estranar que nos obriguen a contabilizar actividades que realmente están tendo efectos económicos reais sobre as persoas, aínda que sexan ilegais, sempre que sexan consentidas polas partes. Esa é a verdadeira clave desta nova forma de contabilizar a nosa riqueza, son consentidas aínda que sexan ilegais.

Poida que nos desagrade contabilizar a trastenda da nosa sociedade, o noso cuarto escuro, pero ocultalo tampouco axuda a ninguén. Son actividades todas elas suxeitas a continuos debates sobre a súa legalización con importantes argumentos a prol e en contra.

Un dos efectos colaterais desta contabilización creativa vai ser que nos podemos endebedar máis, posto que como o límite de endebedamento depende da nosa renda, se somos máis ricos, suponse que temos máis capacidade de pagar as nosas débedas (aínda que sexa cos cartos do contrabando).

Outras das conclusións do INE é que nos últimos anos empobrecémonos máis rapidamente, é dicir, ás actividades ilegais consentidas tamén lles afectou a crise. Se cadra por iso, demasiadas persoas as botan en falta.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Economía. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s