Nos ventos do Berro Seco


O peto.redimensionadoManolo Regal

Aínda resoan os ecos das músicas e palabras da Romaxe nas Virtudes. Aínda sentimos na pel do corpo e da alma tanto agarimo, tanta aperta, tanto alento. Aínda poboan a nosa ollada aqueles carballos centenarios que nos acubillaban naqueles horas de fraternidade coa natureza, coa historia, coa xente galega, coma forma e camiño de nos facer irmáns e irmás con todo o mundo, sen pecharnos a ninguén, a nada. Coa guía certa do experto en irmandades, Xesús de Nazaré.

E xa estamos cada un, cada unha de nós, alí onde a vida nos foi colocando, na vila, na cidade ou na aldea. Eu estou na aldea, e na paisaxe natural e humana que me rodea atopo unha prolongación no tempo e no espazo, no alento e na ilusión, do vivido nas Virtudes. O Berro Seco, nos seus tres envites, está presente en min, urxíndome á tarefa cotiá da irmandade, e rodeándome do amparo dos centos de romeiros e romeiras que con voz e xesto acorde erguían os brazos, para que non decaia na tarefa. Grazas!

Todo nos fará falla. Ante nós temos a necesaria tarefa de botar a andar un grupo de apoio a persoas adictas ao consumo do alcohol, para acompañalas no difícil traxecto cara a unha maior liberdade. Ante nós temos a mantenza dun pequeno grupo cristián que nos axude a vivir no gozo da fe e da vida cotiá na aldea, sendo persoas humildes, ledas, vivas, espelidas, loitadoras, agradecidas. Ante nós temos a disposición de colaborar canto poidamos en ir establecendo unha rede de persoas e iniciativas no rural que nos axuden a albiscar un mañá novo para o campo no medio da mourén e o desalento no que, con razóns ou sen elas, nos queren meter á forza. E ante nós temos a triste, ou leda, oportunidade de asistir ao esborrallamento dun modelo de presenza eclesial no rural, que nos convoca con urxencia á tarefa de repensar, de orar, de experimentar camiños alternativos, co convencemento de que Xesús, todo o de Xesús de Nazaré, é, cando menos, unha gratificante achega para vivir en paz, con humor, con dignidade.

Por iso, expostos/as aos ventos do outono á forza, expoñémonos tamén con agrado e pracer aos ventos do Berro Seco.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón). Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s