Puro cálculo


Daniel López

Resulta ben revelador o que pasou coa abortada lei de Gallardón.

Botaron contas. Moitas contas. Miraron os resultados das europeas, despois os resultados das sondaxes, despois os movementos de novas forzas políticas por babor (UpyD e Ciudadanos) e por estribor (Vox).

E tiraron conclusións: se non seguimos coa lei de repenalización do aborto, desgustamos aos bispos e aos ultracatólicos, que parece que son “tantos”, pero que xa marcharon cos de Vox nas europeas e non foi para tanto.

Pero se seguimos adiante (bisbou Soraya, estarricada na puntiña dos pés, na orella “esquerda” de Mariano), …se seguimos disque hai un 40% de votantes nosos que se desgustarán, o que unido ao que pasou nas europeas, máis o das clases medias anoxadas, máis o dos funcionarios conxelados, máis o dos parados, as investigadoras, as listas de agarda, as mareas brancas, verdes e coloradas, máis os dependentes agoniando en listas de agarda, máis os periféricos que falan distinto, máis as traballadoras sociais que saben en que consiste realmente o de “blindar o gasto social”, máis os desafiuzados, máis as familias que rescataron aos vellos das residencias para ir tirando coa súa pensión, unido á enorme mobilización que está conseguindo o inimigo de guedellas, máis imprevistos, máis que sei eu……se seguimos adiante, Mariano, véxote de volta no rexistro da propiedade de Santa Pola.

E foi determinante. Todo, menos iso. Porque o peor non é o deles dous, senón o peso da responsabilidade por todos os carguiños e carguiñas en ringleira, que, se perden o poder, non terían ningún rexistro da propiedade ao que volver, ningunha praza, ningunha empresa, …nada.

Así que, coma Groucho: estes son os meus principios, pero se non vos gustan, cambiámolos. E todo aquel discurso groso de fetos acoitelados, de crimes terribles, e o dos símbolos fachas e acusadoras arengas nas manifestacións “episco-populares”…pois que non, que iso era un dicir. Era “sen querer”.

Puro cálculo. Se para gañar o poder hai que desgastar ao que está con esas actuacións tremebundas de cruz e espada, pois anotámonos. Se para non perdelo lles damos un corte de mangas, dámosllelo. O dos crimes e as bandeiras preconstitucionais eran, faltaría máis, esaxeracións no fragor do combate. Vale todo. Menos pedir desculpas.

E o malo é que esa peste da comenencia electoraleira é contaxiosa e cruza as fronteiras dos partidos. Acéptanse vacinas.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s