Conversa con José Antonio Martínez, profesor de Ensino Medio


José Antonio Martínez
José Antonio Martínez

Redacción

Cando o ano académico acaba de comezar, falamos con José Antonio Martínez. Natural de Santiago, é docente desde hai 10 anos. Profesor de Ensino Secundario na especialidade de Xeografía e Historia, neste curso escolar ocupa a dirección dun centro no Porriño.

Como arranca este curso escolar 2014-2015?

Se atendemos ao que vemos, igual que rematou o anterior: entre protestas polos recortes e contra a precarizacion do ensino, fundamentalmente o ensino público. Seguindo os sindicatos, que utilizan os datos oficiais publicados pola propia Xunta, desde a chegada de Feijoo no 2009 reducíronse en máis de 1100 os docentes que traballan en Galicia. Este ano volveu aumentar a precariedade (o número de interinos), aumentando o número de profesorado que vai impartir unha materia da cal non é especialista, uns 1200, así como uns 500 que teñen que impartir docencia en máis dun centro. Por outra banda, alertan sobre a redución de número de prazas para o alumnado da Formación Profesional Básica, denunciando unha progresiva privatización do ensino. Mais se lemos o que publica a Consellería, é un inicio de curso que se desenvolveu con total normalidade, agás algún pequeno problema puntual.

Marcado pola implantación da LOMCE…

Este é o gran feito diferencial deste curso. A Xunta decidiu aplicar o calendario de implantación da “Lei Wert” sen agardar a un desenvolvemento da lei, a ter claro a disposición orzamentaria coa que se conta e malia a oposición de non só unha parte significativa da comunidade educativa, senón tamén dalgunhas comunidades autónomas, que propuxeron adiar o calendario de implantación. A Consellería busca que Galicia se sitúa como referencia da posta en marcha desta lei que tanta oposición xera.

Como valorarías a posta en marcha da nova lei?

Improvisación. Un cambio tan grande no sistema educativo, ao que tanto o goberno central como o noso din que lle outorgan tanta importancia, non se pode realizar deste xeito. E non ten nada que ver con estar a favor ou en contra desta reforma educativa. Podemos pór un exemplo: este ano ponse en marcha a LOMCE en 1º, 3º e 5º de Educación Primaria (EP). Pois o currículo, o documento polo que se debe guiar o profesorado para planificar o curso, apróbase e publícase a mediados de agosto! Mais só o destes cursos, porque o de toda a EP aparece o 9 de setembro, xa empezado oficialmente o curso e a 24 horas de que o alumnado encha as aulas. E se falamos dos documentos, xa entenderedes o que pasa co diñeiro co que se conta para a súa posta en marcha, do que ninguén fala de cantidades concretas nin de prazos. Ou o que pasa cos libros, que non se puideron adaptar á nova lei.

Tamén se oíron as queixas das ANPAS polas axudas á compra de libros…

A implantación da LOMCE faise nun contexto de fonda crise económica que non só condiciona os investimentos públicos senón, sobre todo, as economías familiares. A compra de libros é o gran desembolso familiar destas datas. Sen entrar polo miúdo no papel que deberían, xogar os libros no proceso de ensino-aprendizaxe, o que é certo é que dende a supresión do banco de libros dos centros educativos, promovido polo bipartito e que garantía a gratuídade destes, o custo deste recurso para as familias non fixo máis que aumentar. Baixo as resoantes palabras de “gratuidade solidaria”, a Xunta de Feijoo implantou axudas individuais a familias de baixos recursos, que non só non diminuiu o gasto público en libros, senón que deixou moitas familias con moitos problemas para acceder a eles. Este ano, por exemplo, prohíbese, por primeira vez, a compra de material escolar con este diñeiro, o que supón outro gran problema. Volveron aparecer os mercados de segunda man de libros escolares, moitas ANPAS tiveron que pór en marcha, sen apoio, bancos de libros solidarios. É un bo exemplo dos cambios lexislativos sen previsión: nin existe unha mellora da xestión económica nin, moito menos, unha maior equidade.

LOMCE, unha Lei imposta sen consenso…

Cal é a túa perspectiva sobre a nova lei?

En primeiro lugar, penso que é moi difícil que funcione unha lei que foi imposta sen ningún tipo de consenso. Se se pretende que a educación ocupe un papel central na nosa sociedade, teremos que buscar os consensos que impliquen unha gran maioría, empezando pola propia comunidade educativa, e a partir de aí propor calquera tipo de cambio. A imposición desta lei en solitario polo PP en contra de todas as opinións e o compromiso por parte da case totalidade da oposición de derrogala en canto cheguen ao poder, provoca unha situación de inestablidade e provisionalidade que non vai permitir implicar os profesionais na súa posta en marcha.

O Ministro Wert falaba da necesidade da lei para unha mellora do ensino en busca da calidade.

O debate debería xirar sobre o que é a calidade na educación. Escóitase, reiteradamente, que temos que orientar o noso sistema educativo, incluído o universitario, cara ao mercado laboral. Educar para o mercado. Mais que quere o mercado? Calidade? Que lle pedía o mercado ao ensino a mediados dos anos 80? Ten algo que ver co traballador-profesional que pide na actualidade? Alguén sabe, a ciencia certa, cara a onde camiña o mercado laboral, o tipo de traballador que haberá que formar nos próximos 20 anos? Sobre o concepto de mercado non se pode formar unha persoa. E a educación ten o reto de axudar na formación das persoas. Será a nosa sociedade a que teña que reflexionar, pausadamente, que tipo de persoa vai contribuír a formar. Non sei se unha calidade baseada na selección dos mellores, dos máis competitivos, que respondan mellor a unhas hipotéticas demandas dun mercado laboral é ao que temos que destinar os nosos esforzos. Mais unha educación que participe na construción dunha sociedade máis xusta, onde a excelencia se mida en termos de equidade e non de éxito laboral, pode ser un punto de partida para unha boa lei pola que se comprometer.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: