Acabo de chegar da Romaxe. Aínda canso pola experiencia renovada e do chamamento á irmandade. Sempre intento deixar os rumores xusto para á volta da festa de fe e galeguidade e así ter material fresco para escribir. De cando en vez sorprendíame a min mesmo pensando se atopaba algo para escribir.
Nesas andaba pola carballeira das Virtudes cando chegou a min un arrecendo a empanada. E pensei que se había un cheiro característico da Romaxe é o do xantar compartido. Das tortillas, da empanada, do pan, das sobremesas, do viño, do licor café…
Andaba eu co fociño a cheirar cando me acheguei a unha muller coñecida e preguntoume: – Como andades vosoutros? Curiosa forma para min de falar usando ese vosoutros. A romaxe tiña un son de palabras diferentes pero unidas no cariño á lingua. A romaxe ten o son da música e da festa.
Tamén a romaxe sabe a pan e viño compartido e repartido. Alimentos sinxelos pero cargados dun simbolismo. Reunímonos porque cremos que o Pai/Nai ten algo que dicir nas nosas vidas. Ese gusto a fe compartida que queda na boca despois da común unión.
Lembrei o momento de collernos da man no medio da celebración. Unir e tocar as mans dos que tiñas ao lado e cos que día a día compartes camiño na distancia ou na proximidade. Ou o tacto dos bicos e apertas do reencontro e da complicidade do tempo pasado xuntos.
E goce da vista de tanta natureza fermosa. De tanta xente e de tantos lugares dignos de coñecer na nosa terra. De ver a faciana de felicidade de vellos e nenos.
Xa vedes, Romaxe con cinco sentidos.