Un inmenso Botín


Resulta ben rechamante o enorme espazo concedido pola prensa e demais medios de comunicación ao pasamento do banqueiro de referencia do réxime actual, Emilio Botín, e da súa sucesión no cargo por unha descendente directa, a súa filla Ana. Unha mestura de eloxios, de éxito, envexa, admiración, reverencia. Mesmo presentados como modelo de vida para infantes e infantas.

Os cartos teñen esa capacidade máxica de lavar. A riqueza lava máis branco e ten ese poder de provocar a amnesia colectiva. Pero non é xusto que a memoria dos que sofren as consecuencias dunha riqueza mal repartida valla menos que a dos perpetradores das súas desgrazas.

Cando menos, os empobrecidos debería ter a satisfacción moral de saber, de que se diga que hai cousas mal feitas, falcatruadas varias que fixeron posible todo ese inmenso botín. Lembrar, por exemplo, que o seu brazo directo, Sáez, foi condenado polas súas prácticas de banqueiro ao servizo de don Emilio, pero indultado de maneira escandalosa no último consello de ministros de Zapatero. Sen que, por certo, ninguén aínda explicase que favor se estaba pagando con ese indulto inadmisible.

Poucas voces libres foron as que souberon dicir con argumentos e firmeza quen é quen nesta historia. Unha desas voces foi a de Iñaki Gabilondo: “Emilio Botín, nun país con xustiza independente, sería carne de cela polas súas malas prácticas, abusos, fraudes fiscais, contas en Suíza, polo tratamento mafioso que deu aos debedores das súas hipotecas, polos 200 millóns de euros que tivo que pagar para non ir á cadea grazas a unha xustiza tan comprensiva… e por esa corrupta xustiza española que se inventou a doutrina Botín, para evitar que só coa acusación popular non se puidese encadear a una persoa que delinquira reiteradamente como don Emilio… doutrina que lle virá moi ben a Cristina de Borbón”.

A cultura do diñeiro e do éxito vital medido en euros vaise inoculando na nosa cabeza e na dos nosos fillos e fillas. Resistámonos. A acumulación de riqueza é, cando menos, sospeitosa. Non aceptemos pacificamente que as cousas teñen que ser así. Que o éxito equivale ao volume de riqueza acumulada e que a riqueza, que lle imos facer, esixe o roubo aos débiles. Dar iso por aceptado e natural é a peor herdanza que como sociedade podemos deixar aos que veñen por detrás.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s