UN AGNÓSTICO NO MOSTEIRO DE SOBRADO DOS MONXES


Carlos Sánchez Pardo

Alá polos anos 60 do século pasado, a cidade italiana de Milán tiña un alcalde comunista que unha vez dixo: “Non concibo unha cidade sen fábricas nin mosteiros”.

Eu daquela era un mozo que andaba a cabalo entre a miña responsabilidade como presidente diocesano da “Xuventude Estudante Cristiá” (un daqueles movementos especializados da antiga Acción Católica) e a miña incipiente militancia nunha organización de extrema esquerda (“Liga Comunista Revolucionaria”), por suposto, na clandestinidade, dado que estabamos en plena ditadura franquista.

Así pois, lémbrome que cando lin aquela declaración non entendín nada; polo contrario, pareceume unha auténtica contradición incomprensible para min e limiteime a metela no baúl das cousas perfectamente esquecibles.

Moitos anos e moitas voltas pola vida despois, un amigo meu, a quen coñecín a principios dos anos 80, grazas aos comúns intereses que tiñamos na agricultura ecolóxica, decidiu ingresar no Mosteiro de Sobrado dos Monxes, despois dunha longa andadura buscando un lugar e unha comunidade onde poder desenvolver as súas inquedanzas espirituais. E aquí segue, afortunadamente para el, para a comunidade do mosteiro e para min, 30 anos despois.

Eu empecei a vir a este mosteiro nunha primeira etapa con motivo de visitalo a el e tentar comprender por que un rapaz novo, con estudos e un futuro profesional prometedor como capitán da mariña mercante, decidiu pasar de todo iso e recluírse nun mosteiro de clausura e dedicarse á vida contemplativa nunha comunidade cun carácter relixioso tan marcado e definido. Pero, logo pouco a pouco, empecei a sentir un interese que ía moito máis alá de querer entender coa miña cabeza algo que para min non tiña “lóxica” ningunha, sobre todo desde a miña perspectiva de non crente.

Naqueles primeiros tempos das miñas visitas ao mosteiro apenas iamos visitantes alí, as estradas eran penosas e aquela zona era moi pobre e deprimida. Era a Galicia profunda, atrasada e triste, nada que ver co que atopamos agora, afortunadamente, pero eu sentía que despois dunha fin de semana alí, saía renovado, tranquilo, sosegado, era como estar dentro dunha burbulla que non tiña nada que ver coa miña vida cotiá e precisamente ese contraste era tan sandador. Axudábame a relativizar calquera problema ou tensión derivado do estrés da vida que eu tiña daquela.

A miña querencia por este mosteiro e a comunidade que o habita foi indo a máis segundo pasaban os anos: a cadencia do seu ritmo de vida marcada polos rezos, a fermosura do espazo natural onde está encadrado o mosteiro, o silencio como marca da casa, o respecto e a cálida acollida que sempre me mostraron aínda sabendo que eu non era crente, a súa humanidade… Todo iso proporcionábame o encontro comigo mesmo, a sensación de paz; en fin, aí empecei a entender a frase daquel alcalde comunista de Milán…

E agora, 30 anos despois, o meu amigo segue neste mosteiro que xa forma parte da miña vida e que sinto como a miña segunda casa máis ca nunca, como un faro que sempre está aí e que me sinalou e me alumou o camiño que debía seguir en tantos momentos, como un espazo onde recompoñer a harmonía comigo mesmo, cos demais e con todo o que me rodea… É por iso que sempre me sinto en débeda con esta comunidade por todo o que me aportou ao longo da miña vida, e especialmente agora, dende hai 6 meses, xa que estou a vivir e colaborar nas actividades agrícolas do mosteiro como voluntario e, polo tanto, puiden volver recuperar o meu antigo traballo como agricultor e xardineiro neste espazo privilexiado que é o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

Así pois, agora, aos meus 59 anos, e despois de moitas voltas na vida e polo mundo adiante, este faro que é para min este mosteiro mostroume o rumbo para recalar neste porto de abrigo que sempre foi para min, agora que cada día me sinto máis cerca da tese final de Sócrates (“Só sei que non sei nada”). Atópome gozando cada día da paz e o silencio desta casa, deste espazo de espiritualidade que eu, desde a miña perspectiva simplemente humanista, defendo, comparto e gozo máis ca nunca.

No Mosteiro de Sobrado dos Monxes, 10 de xullo de 2014

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Horizonte universal coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s