Conversa con Rafael Pillado Lista, directivo da Asociación Fuco Buxán


Xaquín Campo Freire

Rafel Pillado cos guindastres de Navantia ao fondo [Foto. La Voz de Galicia]

Rafael Pillado é toda unha institución na esquerda e no sindicalismo ferrolán. Traballador da antiga Bazán, fundador de CCOO, cofundador do PCG, condenado durante o franquismo, indultado na democracia… achégase ás páxinas de Irimia para falarnos da Asociación cultural Fuco Buxán e do seu labor.

Brevemente: quen é Rafael Pillado Lista?

Rafael Pillado Lista é, socialmente, froito da acción do movemento obreiro, sobre todo da Bazán e da tradición comunista. Tamén da experiencias campesiñas de María e da mariñeira de Manuel, os meus pais. O Día da Clase Obreira Galega está ligado cos feitos de marzo do 72, dos que formamos parte.

Quen foi Fuco Buxán e por que elixistes ese nome para este colectivo?

O nome da asociación procede dun poema de Celso Emilio Ferreiro: “Carta a Fuco Buxán”:

Fuco Buxán, aprinde a andar ergueito,

Fuco Buxán, aprinde a falar forte.

Fuco Buxán aprinde de tal xeito

Que nunca máis esquezas o teu norte.

…”.

Eliximos este nome porque, nel, Fuco Buxán aparece como prototipo do galego consciente, ao que non se lle esixe que se comprometa coa realidade do país. Queremos ser aguillón fronte á inxustiza, factor de unidade e mobilización, un instrumento máis de rexeneración.

Pois agora fálame de “Fuco Buxán” na bisbarra de Ferrol e dime moito máis do que eu che poida preguntar, pois es ti quen o sabe todo.

Entrevista. Foto 2

Portada dun exemplar de Razón socialista editada pola AC Fuco Buxán

Fuco Buxán” nace do encontro, no seo do PSOE, de dúas correntes de esquerda, unha socialista e outra comunista. A ausencia de debate e o espazo acoutado a toda reflexión crítica lévanos a promover a revista Razón Socialista como mecanismo de expresión diferenciada. E, pasados uns anos, recoñecendo escasos resultados, decidimos crear a asociación. Nace cun enfoque plural, sociocultural, afastado da visión elitista da cultura, comprometida con todos os problemas que padece a nosa xente. E, para dicilo claramente, cun enfoque político, fronte á despolitización xerada polo sistema. Non partidista e claramente de esquerdas.

Aprendendo do movemento obreiro dos anos sesenta-setenta, facemos da nosa acción expresión de solidariedade, fomentamos a autoorganización dos afectados polas políticas de exclusión social, de agresión á maioría da sociedade, do neoliberalismo. Un exemplo: a creación do Comité cidadán de emerxencia para a ría de Ferrol, formada por diversas asociacións, con xente de todas as ideoloxías, incluído o Xeneral Gabeiras, xa falecido. O obxectivo é pechar a planta de gas de Reganosa, froito da corrupción económica e política. O Supremo declarouna ilegal.

Outra mostra, é a creación de “Agavida”, asociación que agrupa os afectados polo amianto, material canceríxeno utilizado en diversos sectores da industria, sobre todo na industria naval.

Editamos a revista Razón Socialista, aberta a todas as opinións, que, con carácter semestral, busca temas non tratados polos medios convencionais. É a revista de Fuco Buxán, sen outro compromiso ou orientación. Na mesma liña, temos un programa semanal de radio,“O Recuncho”, na comunitaria Radio Filispín.

Está moi presente o recoñecemento a cantas persoas son dignas de valorar na súa acción colectiva e compromiso moral. Aí temos as homenaxes a Santiago Carrillo, Isaac Díaz Pardo, tamén a Xulio Aneiros, etc.

Non teriamos espazo para resumir o conxunto de actividades e compromisos que compartimos día a día.

En que fase e actividades estades precisamente agora?

Nestes momentos mantemos o compromiso co peche de Reganosa, na defensa da nosa ría. Temos pendente unha homenaxe ao pintor Xaime Quessada e a Paco Filgueiras; conservamos o compromiso de reunírmonos cada luns, para respondermos a cada feito agresivo. Sentímonos comprometidos fronte aos desafiuzamentos, na defensa da sanidade pública, do ensino, do sector naval, etc. Mantemos relacións de ámbito moi amplo, como coa Asociación SOS Monuments, co Dr. Martín Almada de Paraguai, premio Nobel alternativo, descubridor dos arquivos da Operación Cóndor en Sudamérica.

Que lles podedes ofrecer a Ferrol, a Galiza, a España e ao mundo nestes intres?

Partindo da experiencia na loita contra a ditadura, ao longo da transición o que podemos aportar é o compromiso, a solidariedade constante, en confrontación coas formas de corrupción política e económica, coas que o sistema tenta impregnar todos os sectores da sociedade. Tamén cun concepto da cultura diferenciado das elites que tentan controlar esas expresións, pechándoas nunha burbulla. Cultura é toda creación humana.

Eu sei que sodes moi críticos e difíciles de casar co primeiro que chega. A quen debedes obediencia política nestes intres? E con quen non casaredes nunca?

Sen dúbida, somos moi críticos co sistema capitalista depredador, e particularmente co bipartidismo actuante. Sentímonos obrigados polos intereses da cidadanía, da galega en particular, e por ninguén máis. Non casaremos cos intereses dos grupos financeiros ou imperialistas.

Déixanos a túa sabia mensaxe de alento, ti que tanto levas loitado, que levas sufrido anos de cárcere, e segues con ánimo e sen odio mirando cara a adiante.

Estou convencido de que a estas alturas é posible o entendemento da inmensa maioría da humanidade. Como xa adiantou Carlos Marx, a tendencia crecente de concentración da riqueza en moi poucas mans fai que os prexudicados sexamos o 99% dos cidadáns, máis aló das crenzas, ideoloxías ou incluso do voto depositado no pasado. Por iso é posible que na defensa dos intereses comúns poidamos aglutinar todas as voces e vontades. Esa é a tarefa de hoxe.

Hai algo máis dun ano presentaches un libro de memorias; fálanos algo del.

Titúlase O latexo da vida e da conciencia e é a primeira parte das miñas memorias, que se proclaman colectivas, porque só na acción colectiva poden desenvolverse os feitos que describo. Fago un percorrido vital, profundamente vinculado á familia e tamén á experiencia dos traballadores de Ferrolterra na loita por construír unha sociedade fondamente democrática. A decisión de escribilo nace da idea de aportar experiencia, tamén como contribución á acción no presente.

Deixas un enderezo electrónico?

fucobuxan@gmail.com

Rafael, foi un pracer. Grazas

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s