REZAR A “SALVE REGINA” EN MEZONZO


SAMSUNG DIGITAL CAMERAGumersindo Campaña

Cada ano o programa das Romaxes propón, como colofón, un momento especial de oración. O lugar, un espazo significativo do contorno. Neste ano coidamos que o sitio máis apropiado vén ser a Igrexa de Mezonzo, a pouca distancia da capela das Virtudes. En Mezonzo foi onde profesou Pedro, o santo do mesmo nome e autor universal da Salve. Convidamos a todos/as os/as que o teñan a ben a se achegaren ata Mezonzo, para rematar rezándolle a Nosa Señora o Salve Regina, en latín, claro.

Do monxe Pedro e das orixes do antigo mosteiro á igrexa románica

Foi cara o ano 952 cando Pedro Martínez, un mozo de vinte e dous anos, profesa no antigo mosteiro de Mezonzo. Aínda que natural de Curtis quen chegou a ser santo tomou o apelido do lugar onde se fixo monxe: san Pedro Mezonzo (930-1003). De Mezonzo saíu para Sobrado, onde foi abade, e logo para Antealtares, en Compostela (975), chegando a bispo de Iria Flavia e Compostela no ano 985, onde salvaría o sartego de Santiago ante a razzia de Almanzor. Autor da Salve Regina, como invocación ante os perigos musulmáns e normandos, foi tamén infatigable predicador contra o pánico milenarista.

O mosteiro onde rezou e estudou Pedro Mezonzo non é o que chegou ata nós, senón unha versión posterior. As súas orixes son incertas. Pero parece que entre os séculos VI e VIII ergueuse algún tipo de templo sobre un santuario celto-romano, dedicado aos xenios das augas. A finais do século IX, quizais pola fama acadada pola “fonte santa e as súas augas “milagreiras””, creouse o cenobio familiar baixo a mandato beneditino do abade Reterico. Chegado xa o século XII, pasou á obediencia do Císter e no 1200 o vello templo co seu mosteiro foi reformado baixo a advocación de santa María de Mezonzo, erguéndose o edificio románico que hoxe vemos, cun elegante claustro do que, por desgraza, so quedan os alicerces onda á fachada sur, onde, entre as pedras, abrolla a vella fonte celta, habitada por unha fermosa ondina.

Seguindo o espírito das construcións do Císter

O novo templo intégrase plenamente na “estética cirtesciense”, baseada na pureza e simplicidade de líneas, cun simbolismo xeométrico, afastado de toda ornamentación figurada, que responde á orientación elaborada por san Bernardo de Claraval. Bernardo partía dun espírito de pobreza e ascetiso totalmente rigorosos, e predicaba a núa pureza arquitectónica. Os gastos en figuracións, pintadas ou esculpidas, son un derroche inútil do pan dos pobres. Os monxes non necesitan desas imaxes para reflexionar sobre a Lei de Deus, deben facelo a través da escritura. As figuras son só unha distración. O templo de Mezonzo é un fermoso exemplo desta teoloxía. O ábside triple e as súas tres naves simbolizan a Trinidade, sen máis adorno ca o xogo de volumes.

Por outra parte, na espiritualidade do Císter resalta desde o seu abrente un celme especial pola devoción mariana. Baixo o seu padroado puxo a orde todas as súas igrexas. Para empezar, san Bernardo, o cabaleiro da Virxe, a través de Claraval, foi quen fundou, directa ou indirectamete, case todos os mosteiros. Non quería adornos, se ben a imaxe da Nai de Deus non faltaba en ningún templo. Das 18 casas cistercienses que houbo en Galicia -dicíanos Nicanor Rielo (+), en Encrucillada-, só dúas ou tres, deixaron de contar con titularidade mariana. As Cantigas de Santa María prodúcense e espállanse nunha atmosfera de fervor, que os cistercienses fomentaron en gran medida. Daquela, o galego era o idioma único nos nosos mosteiros, unha realidade que enchoupaba a oración, o labor e o lecer.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Romaxe coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s