Romaxes romaxeiras


Daniel López Muñoz

Disque teremos un libro-disco que fala das romaxes coa voz e música da Quenlla, e de varios escribidores que fan memoria. É unha lembranza linda para a xentiña toda que viviu as romaxes desde dentro, como encontro, como fonte de inspiración, como símbolo que alimenta. É algo interesante para aqueles que manteñen un lume parecido nos seus corazóns, pero que, polo que sexa, nunca participaron. E, probablemente, é algo indiferente ou estraño para unha gran maioría.

Para ben entender a Romaxe hai que retomar o seu alento primeiro, a aposta por unha nova linguaxe relixiosa. Unha linguaxe significativa para aquel final de século vinte –a modernidade, a liberación, a creatividade– e para este anaco de planeta chamado Galicia, tan seu, pero tan negado e subordinado –lugares e paisaxes, lingua, idiosincrasia, relixiosidade e cultura populares. Sobre iso foise construíndo, con moitos erros e preciosos acertos. Con inmensa gratuidade.

Dámoslle voltas á vixencia destas cousas. E hai un aspecto que non temos demasiado en conta. Cando a Romaxe nace, a sociedade emerxe desde o nacional catolicismo. A catolicidade cultural era aínda un humus compartido, algo presente na biografía de case todo o mundo; para ben ou para mal. E a Romaxe, como explosión innovadora e creativa, chamada “de crentes”, tiña nesa altura un atractivo, apelaba a un pasado común sobre o que se facía unha proposta galeguista, festiva e liberadora.

En trinta e sete anos, as cousas cambiaron. Estamos na sociedade das tendencias. Das propostas –aparentemente– plurais. Das tribos. A xente de menos de trinta vive nesa interesada tiranía das tendencias, marcas e etiquetas. Importan menos os principios ou identidades sólidas; lévanse certas atraccións líquidas. Explóranse territorios e adóptanse maneiras. Unha pose e un aspecto son decisivos na identidade, como quen cambia de marca ou de estilo de roupa. Hai un menú de estilos: ti, de que vas?

As etiquetas estereotipan. O ecoloxista, a solidaria, o “heavy”… Un menú do máis diverso, no que non se dan ben as identidades múltiples. Hai un “pack” e tes que escoller. Cada etiqueta ten o seu contido, as súas regras, o que se espera dela. Despois destes anos de rouco integrismo no que quedamos como Varela, cando chegamos ás etiquetas “cristián”, católico”, “crente”, “relixioso”… o significado, as connotacións, o estereotipo que se lle vén á cabeza á xente nova é para saír correndo e non parar. E non me estraña.

Propostas? Se as tedes escribide, a Irimia, que se agradecen.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s