Circula un chistiño de ambiente clerical que podería resultar toda unha revelación do estado da “cuestión interna” –cando menos en Galicia- con respecto ao papado de Francisco e á súa proposta de reforma. A graza é algo así: como se supón que os bispos e clérigos con certo nivel de responsabilidade institucional que toman algo en serio o que di e escribe o papa non chegan a media ducia, a maioría conservadora e resistente chámalles a eses pobres inxenuos “los hombres de Paco”, como na serie de televisión.
Parece certamente que Paco ten poucos homes –quizais algunha muller máis, quen sabe- neste xacobeo fin da Terra. Poderiamos buscar máis anécdotas. Hai uns meses estivo Pagola na Coruña e xuntou 400 persoas no Pazo de Congresos. A Televisión de Galicia preparoulle unha entrevista para ser emitida no programa “Polo Camiño da fe”, pero, segundo fontes ben informadas, houbo unha contraorde episcopal e a entrevista non se emitiu. Censura, chamábanlle a iso nos bos tempos.
Debería alguén explicar por que razón se censura a Pagola, un teólogo de quen se sabe que Francisco mercou e leu o seu libro (Xesús. Aproximación histórica, con 120.000 exemplares vendidos) e mesmo o agasallou.
A cuestión, que parece que se fala tamén en baixiño, é que toda a caverna segue á defensiva, quizais psicoloxicamente asoballada por tantas cousas que debería emendar, tantas desculpas que pedir, tantas vidas e persoas que rehabilitar. Os cambios de estilo, de linguaxe, de estratexia pastoral non se albiscan. Demasiados cambios.
Hai no ambiente a sensación dunha estratexia de chumbo, de agardar a que pase o vendaval, de confiar nas estatísticas, comparando en segredo a idade de Francisco coa esperanza de vida dos bispos de Roma. E así van pasando os días e cada un que pasa é un menos que lle queda a Paco e aos seus homes. E a disimular.