DÁME PAN E CHÁMAME CAN


Manuel Regal Ledo

Seguro que máis dunha vez temos escoitado este dito galego. É doado relacionalo con diferentes circunstancias das nosas relacións sociais. É un dos lados mouros da nosa condición humana. A partir das últimas eleccións, o dito veume á cabeza centos de veces, avivando en min un malestar interior e sentimentos de noxo cara a sectores do meu propio pobo e cara a quen o goberna. É tan lazmeira a actitude de quen se vende por algún proveito persoal inmediato, como noxenta a de quen, desde o poder, provoca este xogo de relacións e converte o exercicio político nun exercicio de comenencias, no berce das grandes corrupcións e dos grandes corruptos.

Con estas sensacións “ao subarco” (bolso ou saqueto que levas cruzando do pescozo por debaixo do brazo), como dicimos moi ben por Abadín, puiden ir ao encontro da Escola de Espiritualidade celebrado en Sobrado dos Monxes do 13 ao 15 de xuño. A máis de oír rezar e cantar os monxes, aínda alí un can ou cadela de cando en vez me traía á memoria o dito que me revolvía o corpo. As palabras do monxe Carlos, que nos axudou a ver cousas e xeitos da interioridade e da súa inimiga, a superficialidade, axudáronme a centrar os meus sentimentos, a entendelos como mostra da miña vulnerabilidade e a traballalos, aceptándoos e pousándoos confiadamente en quen, acolléndome e acollendo a realidade tal como é, pode espertar forzas de pacificación profunda e de cambio real.

Poden parecer palabras sublimes que leva o vento, pero todos/as eramos ben conscientes de que as cousas seguen aí á espera de que lles deamos cara sen vacilacións; e, por se así non for, tivemos a sorte de que o irimego Xosé Antón Martínez, falándonos de militancia cristiá e militancia política, nos lembrase que a política ten as súas cruces e as súas glorias, e que un cristián a pode e debe vivir coa normalidade tensa de calquera outra persoa, pero, se cadra, iso si, cun plus de paz, resistencia e transparencia mantidas no remol de comunidades cristiás humildemente vigorosas.

E aquí estou, meus amigos e amigas, sabendo o de “dáme pan e chámame can”, pero aceptando que as cousas son así, e dispoñéndome a loitar para que cada vez o sexan menos.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón). Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s