Non nos entenden, non


Carlos Vázquez G.

Os significativos resultados das eleccións europeas marcan a estratexia política para abordar as próximas citas electorais. A cúpula do Partido Popular reuniuse en Toledo e constatou, con grande alarma cara a dentro pero moi discreta cara a fóra, unha gran perda dos seus votos que, de se manteren de modo semellante nas próximas autonómicas e municipais, conlevaría á perda do poder en moitos municipios e en importantes e decisivas comunidades autónomas como Valencia ou Madrid, por exemplo. Sería este o portal para perderen a maioría absoluta nas Cortes e incluso a maioría suficiente para poderen gobernar en España tralas próximas xerais. Os estrategas conservadores consideraron como positivo, sen embargo, que os votos perdidos non se desviasen de forma notable a forzas da competencia no seu arco ideolóxico, coma VOX, Ciutadans ou UPyD, e aterrasen maioritariamente na abstención, de onde, pensan, son recuperables. En base a esta análise e respondendo a unha forte demanda das súas bases e das súas baronías autonómicas, acordaron que a campaña de recuperación deses votos perdidos debería facerse principalmente desde o Goberno do Estado, con políticas e anuncios publicitariamente ben traballados e netamente electoralistas, máis ca desde o partido ou desde os gobernos locais e autonómicos que, consideran, non teñen ren que ofrecer e están moi mancados por corrupcións e corruptelas. Trataríase, ademais, de desmobilizar unha sociedade, nos últimos tempos moi activa, que sen dúbida axudou á desafección electoral sufrida. E nesas están, predicando, teimudamente e contra toda evidencia, que xa saímos da crise con datos dos que nunca nela entraron ou con alambicados anuncios de rebaixas fiscais que, pola vía do ingreso ou do gasto, van amolar aos de sempre.
A caída do PSOE foi maior e, por riba, os seus votos, máis ca á abstención, forneceron a forzas alternativas da súa esquerda, que parecen chamadas a medrar e consolidarse. O cumio socialista viulle as orellas ao lobo e decatouse de que o perentorio era renovarse para non morrer. E a iso andan antes de calquera planificación electoral dende enriba. Vense como a pata máis feble do castigado bipartidismo. Tanto, que os máis aferrados ao poder e as vellas glorias empezan a falar de grandes consensos e de gobernos de concentración.
Está visto que resulta difícil tecer un cesto novo con vimbios vellos e por iso, cada día que pasa, hai más xente que pensa: “non nos entenden, non”.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s