EU INTENTEI COMPRAR A DEUS


Xaquín Campo Freire

Tería eu uns 10 anos. A nosa nai xa finara tres anos antes: 1944. Anos de penuria, fame, miseria, enfermidade, medo e morte: todo o que trae consigo unha posguerra incivil. Na Parroquia, San Antonio era o máximo: “muerte y error desterrados, miseria y demonio huidos, redímense encarcelados, los pobres van remediados”… Así rezabamos nós. E logo, as ofrendas de pobres para pobres: “El pan de los pobres”. E na mentalidade daquel neno orfo abriuse unha luz. Solución: “Comprar” ao santo: “Do ut des”.

Unha galiña da casa púxose choca. Pedín un ovo e marqueino cun tisne dun tizón da lareira. Naceu unha pitiña. A miña. A primeira ducia, para o santo, para que el nos remediase algo daquela orfandade. Cumprín o prometido e esperei un tempo prudencial. Que decepción! Santo Antonio, nin caso. Falloume!
Faleino co meu pai e riuse “comigo”, que non de min. Cando veu D. Xesús, santo sacerdote, explicáronme acertadamente, co catecismo de Astete na man, o grande misterio de Deus e o seu grande amor por nós. Deus non necesita nin quere chantaxes con El nin cos demais. Ese día, recórdoo ben, foi un grande avance na miña vida: Purifiquei unha idea de Deus, dunha moral chantaxista, dunha pobre idea de min mesmo por orfandade. Deus quéreme pola súa bondade, sen que o teña que “comprar” a través de ninguén, nin de ningún santo, e non me vai deixar. Dixéronme que a nosa nai morreu por enfermidade, non porque El nola arrebatase. E faláronme de Xesús, o Cristo, compañeiro e amigo co que podía falar en todo momento. Souben que o Espírito, forza, alento e sabedoría de Deus e de Xesús estaban comigo, connosco. Que podía ter unha relación de confianza.
Na nosa casa rezábase ao longo do día falando normalmente na nosa única lingua coloquial (o galego). Aquilo abriume grandes camiños de liberdade interior. Sobre o cárcere da orfandade e outros problemas daqueles tempos foise proxectando unha nova luz e esperanza que aínda hoxe, mutatis mutandis, seguen tendo validez, porque os meus edificaron sobre rocha firme.
Isto vén a conto porque non hai moitos días alguén me preguntou no cárcere de Teixeiro se sabía o que era rezar en momentos de angustia e se se podía confiar en que Deus nos atendese algo. Eu conteilles esta experiencia.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Horizonte universal. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s