O bandullo


Daniel López

Púxose en escena recentemente en Compostela o final do proceso de desaparición do que puido ser -e non deixaron- unha banca galega, desde Galicia e controlada polo interese xeral das galegas e galegos. As crónicas din que, na presentación de Abanca, houbo por parte dos novos donos venezolanos varias chiscadelas, referencias á súa querenza polo autóctono galaico e unha clara procura de complicidade co público, tratando de demostrar unha sincera vocación de galeguidade. Disque o venezolano Escotet, máximo responsable do Grupo Banesco, comezou a súa intervención dicindo que “prometo que a vindeira vez falarei un pouquiño máis de galego”. E que nos novos logotipos do banco privatizado hai unha lembranza gráfica á bandeira de Galicia -malia que a palabra Galicia desapareza da etiqueta e o de “Abanca”, así todo xunto, non deixe de ser galego-vergonzante. Tamén se conta que eses chisca ollos ao “fondo” sentimento galego dos asistentes, para sorpresa e desconcerto do esforzado Escotet e compañía, foron momentos que recibiron uns aplausos máis ben tímidos e disque lixeiramente ruborizados, un algo así como “aplaude tu que a mi me da la risa”. En realidade, o que lles pedía o corpo aos asistentes era outra cousa. E o tema é que aí, nese rubor colectivo, está a clave máis profunda de por que a única maneira de ter un sistema financeiro galego sería ter un sistema público. O capital privado –con raras excepcións- xogou en Galicia o papel de galego de comenencia, xente que chuleou a identidade e a fala galega, por puro interese comercial, sen o máis mínimo convencemento. Ese desamor polo galego, esa “concreción financeira” do autoodio e a vergoña polo que un é, mal que lle pese, cheirábase a leguas nos prebostes das extintas e malversadas caixas galegas, nos galegos comatís, señoritos desleigados, navegando hoxe no océano das imputacións penais que a saber miña nai se aportan a algures. Os asesores de Escotet, o venezolano, deberon antes ler a Castelao e dicirlle ao xefe que non gramase moito nese asunto da querenza polo propio diante daquel grupo de políticos, empresarios e prohomes desa Galicia que non quere ser galega-de-máis. Efectivamente son xente con máis bandullo que corazón, dos que non senten a necesidade do galego. Que xa o dicía o rianxeiro: “esa necesidade non se sente no bandullo”.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s