Boa vida inclusión activa. Conversa con Pepa Vázquez


 

Pepa Vázquez é unha traballadora social cunha dilatada experiencia laboral que leva os últimos 10 anos dedicados á orientación social e laboral. Conversamos con ela para que nos presente a asociación Boa Vida Inclusión Activa da que é vogal e na que participa como voluntaria.

Ficha

Nome: Asociación Boa Vida Inclusión Activa.

Quen son? Un grupo de persoas con problemas de todo tipo, en situación de vulnerabilidade social, e os técnicos que as acompañan.

Onde están? En Pontevedra, pero para non ter perda o mellor é buscalos en boavidainclusionactiva.blogspot.com.

Que fan?Traballan para diminuír as desigualdades, fortalecer capacidades e mellorar o acceso a oportunidades, a través da formación e o traballo conxunto

Quen sodes a Asociación Boa Vida?

Somos un grupo de persoas que funcionamos de modo asembleario, composto por entre 10 e 15 persoas, que se reúnen para levar a vida mellor (opinar, acompañar, aprender, axudar, reivindicar, “ser referente”) coa idea de darmos participación e esperanza a todas as persoas que queiran formar parte do grupo. Apoiámonos no grupo de autoaxuda e relacionámonos con outras asociación, con fins similares. Somos membros da EAPN _Galicia (rede galega de loita contra a pobreza).

Mulleres e homes de Pontevedra. Desempregadas coma ti, enfermos coma ti, nais de familia coma ti, xitanos coma ti, extoxicómanos coma ti, pais de familia coma ti, familias coidadoras coma ti…. persoas normais e correntes, anónimas coma ti.

Que fai a Asociación?

A base do noso traballo é a formación-acción participativa, con dúas áreas principais, a oficina de Dereitos e Deberes Sociais, que abre o 2º e 4º xoves de cada mes, e o Proxecto Camiño a Emaús, que se dedica á recollida e recuperación de roupa e calzado, co fin de xerar ingresos. Partindo do coñecemento de que o traballo dignifica, queremos crear o noso centro de traballo autosuficiente. Boa Vida colabora cos Trapeiros de Emaús Navarra. Esta asociación basea a súa actividade na recollida, selección e aproveitamento dos residuos para a súaFoto 3(1) posterior reutilización ou reciclaxe. A súa aposta baséase en reducir o consumo, reutilizar e reciclar materiais coma aluminio, cobre, plásticos, ferro, papel, téxtil ou materia orgánica.

Boa Vida desexa colaborar con eles durante este ano na recollida de 13 toneladas de téxtil en Pontevedra, para a súa posterior reutilización. Con isto, ademais de conseguir os ditos fondos, participaríamos da man na mellora e conservación do medio natural.

Outra actividade que estamos realizando é a de agricultura ecolóxica; temos en aluguer uns terreos da Igrexa de Lérez para o cultivo e coidado das plantas.

Un dos nosos proxectos tamén é o de poder ter unha vivenda comunitaria, coa filosofía trapeira, coas norma de respecto e liberdade de acción e palabra.

Como traballa o equipo da Asociación?

A entrada na Asociación e no equipo comeza coa achegada, despois nas reunións e participando pouco a pouco, de modo que o grao de implicación vai cambiando.

Organizamos roldas para estar no local, xa que abrimos todas as mañás de 10 a 12 e os xoves de tarde. Realizamos reparto de publicidade e chamadas telefónicas para a difusión da Asociación, participamos na recollida e selección da roupa. Tamén nos formamos e poñemos en práctica esa formación. Todo isto é posible grazas ao financiamento de Emaús e as colaboracións, así coma ao préstamo de locais de outras asociacións.

Temos unha lista de 40 persoas colaboradoras, e en mente incorporar persoas traballadoras que queiran colaborar como voluntariado da Asociación nas actividades de recollida e selección de roupa, na separación en roupa para reutilización e posterior venta, ou para realizar trapo para empresas navais e do sector téxtil. Na difusión, sensibilización e na entrega de información, ou para atender a Oficina de Dereitos e Deberes sociais.

Como xorde a Asociación?

Xorde dun grupo de persoas que non ía volver ao mercado laboral “tradicional”, xente que xa pasara por procesos formativos, e que decide compartir saberes e crear saberes novos, comezouse a traballar elaborando unha lista de temas que cada persoa traballaba e expoñía, e así xerouse a dinámica de encontro, de atoparse, de compartir e de continuar.

Xorde como necesidade de ter un apoio moral, e de sermos conscientes de que as causas da situación de pobreza non son culpa nosa. De non sabernos soas, e sentírmonos acompañadas.

Cal é a filosofía que guía a Asociación?

A nosa filosofía basease na solidariedade, na axuda e no traballo en equipo. Apoiámonos no lema Eu non me rindo. Queremos dar constancia de que todos xuntos podemos facernos máis visibles na sociedade.

Fronte a calquera sufrimento humano, dedícate non só a solucionalo no acto, senón tamén a loitar contra as causas que o producen.” Abbé Pierre

Esta frase de Pierre define moi ben a filosofía que nos move. E partindo dela, levamos a cabo actividades como os micropréstamos con fondos da Asociación, ou a realización de compras semanais a compañeiros e compañeiras que o precisan neste momento, este sería o exemplo da axuda inmediata, pero como o que realmente nos interesa é a solución a longo prazo, o acceso a un traballo e a un soldo digno, loitamos cara lograr eses obxectivos. E no proceso de sensibilización da cidadanía realizamos diversas charlas.

Cal considerades que é o voso punto máis forte coma equipo?

Que somos persoas que vimos da situación de pobreza, un grupo aberto capaz de escoitarse e apoiarse mutuamente. O que nos une é o afán de crearmos algo xuntos/as.

Como iniciativa de autoxestión, que aprendestes nestes inicios da andaina?

Estamos nos inicios, levamos dous anos e medio, e o que aprendemos é que ou imos xuntas ou non imos. Se estamos soas e illadas non é posible.

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Contra a crise, autoxestión. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s