Fútbol é fútbol


Esa frase célebre de Vujadin Boskov, resume o que cada quen queira que resuma. É algo así como aquela outra de Iglesias Corral: “aquí pasou o que pasou”, disque para explicar o movemento insólito do daquela conselleiro Barreiro Rivas, cando encabezou un movemento que solicitaba a dimisión do seu presidente Fernández Albor.

Pois efectivamente, por unha parte o fútbol é o que é, o que debería ser. Un deporte de once contra once. O máis simple do universo, o que se xoga nas favelas e no deserto do Kalahari, o que fai medrar aos seus practicantes en visión de conxunto, sentido de equipo, da anticipación, do imprescindible equilibrio entre forza e intelixencia.

Por iso, porque é simple e xenial, é instrumentalizable. Utilízao o poder, como nova relixión. Utilízao o nacionalismo estatalista para crear unha imaxe virtual de patria única, esa que non se dá creado por outros medios. Utilízase como “modelo de educación e conduta” (eses novos “chicos modelo”), cando, francamente, debería ser simplemente un bonito complemento dunha educación algo máis sólida, con outros modelos menos glamourosos e máis baratos de manter.

E instrumentalízao o mercado. Convérteo nunha maquinaria frívola e ferinte de ingresos e gastos, de débedas imposibles, de primas insultantes. E, todo mesturado co anterior, pasa a ser un paraíso de fraude fiscal, de mal exemplo para a cidadanía,… todo coa benevolencia dun poder político que non lle mete man a esa fraude “para non ferir a sensibilidade do espectador”… e do votante.

Pero, ademais, fútbol é fútbol. Un xogo que é quen de igualar, por uns instantes, os africanos e os franceses, que destapa a falsa omnipotencia dos ricos, que deixa en mal lugar os individualistas e enaltece aos sacrificados, que fai visibles os invisibles, que descoloca aos patrioteristas.

Pois iso, que o fútbol é tan contraditorio como a mesma realidade e, de cando en vez, volve ser o que nunca debeu deixar de ser. E para quen goza del, con sentido crítico, pode volver ser simplemente fútbol. Como confesa Galeano: “Non son máis ca un mendigo de bo fútbol. Vou polo mundo sombreiro en man: unha linda xogadiña, polo amor de Deus… e cando o bo fútbol acontece, agradezo o milagre, sen que me importe un nabo que club ou que país mo ofrece”.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s