As Europeas como síntoma


Coas augas máis calmas cómpre unha reflexión. Desta vez algo pasou. Algo serio. O PP e o PSOE perderon, cada un, cerca de douscentos mil votos na nosa terra. E mentres que os votos do PSOE seica irían parar a esa nova forza chamada Podemos, os do PP suponse que engrosaron o avultado fol de abstención.

A caída do voto do PP nas cidades foi importante, pero ese non foi un fenómeno exclusivamente urbano. Efectivamente, perden máis de quince mil votos en cidades como A Coruña e Vigo, pero a caída arrástrase a vilas e localidades pequenas, o que sen dúbida fará saltar as alarmas nunha formación que o ano pasado obtivo unha ampla vitoria nas eleccións galegas. A súa política de propaganda abusiva, de lavado de imaxe fronte aos datos que nos chegan desde os tribunais e, en definitiva, de negación da realidade, está provocando o fastío mesmo do seu propio electorado. Castigo temporal e limitado ou seria creba de confianza?

No BNG segue aberta a pregunta sobre o seu solo electoral, pero hai desta volta certa satisfacción cuns resultadosque só lle restan algo máis de vinte mil votos verbo do BNG anterior á escisión de 2009. O mal menor non debería evitar analizar en profundidade os motivos do que está a pasar dentro e fóra. Unha forza que tradicionalmente simbolizou o espírito do cambio en Galicia, non debería xustificar nunca máisos seus escasos resultados en que non se soubo facer chegar aos cidadáns as súas propostas. Galicia necesita recuperar a mellor cara do BNG, como alternativa sólida, pero tamén aberta e transparente. Hai, de feito, un dato inédito: as propostas de cambio aparentemente máis ousadas, as que enganchan a unha gran parte da nosa mocidade xa non son desenvolvidas por unha forza galega e en galego. A identificación simbólica con Galicia, perde.

Porén, os máis de cen mil votos a AGE, que sofre pouco desgaste despois das súas crises internas, parecen mostrar que, en conxunto, os peores resultados para o nacionalismo foron os de 2009. AGE segue amosando unha gran vitalidade. Compromiso por Galicia segue agardando a súa oportunidade para deixar de ser unha anécdota política, unha oportunidade que estará nas vindeiras municipais, data que marcará o seu destino. En calquera caso, sobre a discusión táctica de antes das eleccións, os resultados amosan un dato rechamante: as tres forzas nacionalistas xuntas non acadarían un eurodeputado. O distrito estatal único xoga en contra.

Moitos opinan que a translación dos resultados destas eleccións a unhas xerais faría ingobernable España. Quizais Galicia? Insisten en que as maiorías parlamentarias dan estabilidade a un goberno. Estamos de acordo. Estabilidade dan, pero non razón. A maioría parlamentaria é moi cómoda para gobernar, pero está converténdose nun auténtico desastre democrático que inmuniza os nosos representantes fronte aos problemas sociais, a dor da xente e o escándalo da corrupción. Hai nos parlamentos demasiados políticos dóciles ás consignas dos seus partidos, máis sensibles aos intereses privados que aos públicos. E iso foi o que se castigou nestas eleccións: uns políticos que, ou ben non teñen nada que achegar á saída da crise, ou ben abandeiran o chamado austericidio.

A sabia nova que achegan as novas formacións ampliaría o debate democrático nas institucións. É certo que dificultaría as decisións; todas, tanto as boas como as calamitosas, estilo rescate bancario made in Spain. A cambio obrigaría a prolongar e repensar o debate fiscal, o rescate bancario e o debate económico e social. Posiblemente se esixise máis esforzo do lado dos que melloraron en plena crise. As normas que aprobase ese novo parlamento serían máis xustas e sociais que as que estamos sufrindo nos últimos catro anos.

Tamén temos claro que estas pequenas formacións levan aos parlamentos persoas con ganas de traballar e cuestionarse a forma de facer política dos grandes. Achegan políticos activos, a diferenza daqueles cuxa actividade se reduce a trasladar o que opina o seu partido e votar cando toca. E, ademais, moitos están dispostos/as a cobrar menos.

Son tachados de populistas por aqueles que gañaron unhas eleccións falando de audis, un xardín zen e unhas cadeiras de deseño, e que fixeron do populismo a súa bandeira, patentando no noso país a figura do voto acompañado -non vaian perderse os electores. Os mesmos que enchen de interventores e apoderados todas as mesas da nosa xeografía, que levan control de todos os que van votar, para que o seu partido despois recorde a moito despistado que é unha magoa non cumprir co seu dereito democrático.

Irimia lamentou que o nacionalismo non fose quen de unirse nunha única candidatura, malia seren de forzas políticas distintas. Á vista dos resultados non era, quizais, a opción eficaz. Ocaso é que o galeguismo e o nacionalismo tiveron os mellores resultados europeos, precisamente despois de separarse, algo realmente chamativo, que debera facernos reflexionar sobre a suposta existencia de “leiras choídas”, de “caladoiros” de votos. A xente está máis aberta a propostas renovadoras e honestas do que os calculadores gabinetes pensan. En Europa estarán representándonos Lidia Senra e Ana Miranda, dúas mulleres cunha enorme capacidade de traballo que de seguro farán que a voz de Galicia soe no enorme hemiciclo europeo.

En fin, as eleccións europeas parecen mostrar unha certa re-politización da sociedade, indicando que os cidadáns necesitan políticos cribles, persoas coma nós, que non fuxan do debate e traian unha pinga de ética a unha realidade revolta e abondo podrecida. O demais é seguir instalados no ruído que ninguén quere oír.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s