Fuco Buxán non emigra


Carlos Vázquez G.

Alí estaba, no último recanto da cantina da estación. Máis ca sentado, estaba engruñado, desleixado, abstraído diante dun vaso de viño dourado e cunha vella bolsa de viaxe aos pés. Un Fuco Buxán urbano, pensei para min. Levaba anos sen velo, pero saudámonos como se nos viramos onte. De contado me decatei de que non quería falar nin del nin de min, pero falar quería.

-“Xa viche as eleccións. O máis claro é que os cataláns e os vascos queren irse. E, se se queren ir, iranse. España esmorece. España nunca soubo quen era. Os do noventa e oito fixeron a pregunta, pero non foron quen de respondela. Nin eles nin os que viñeron despois. E velaí tes, contra do que están a dicir, será Europa quen faga posible, primeiro, a separación e, de seguido, a futura nova relación”.

Sorprendido, tratei de dicir algo, pero coma se chovese. El seguiu ao seu:

– “O problema é que todos queremos ser alguén. Para ser alguén os vascos e cataláns queren separarse, e España, que non sabe ben o que é, teme quedarse en ninguén de ningures, se eles se van”.

– “Entón parece non haber solución, ou hai mala solución, ou…” Non me deixou seguir.

-“O que non hai é maxín, intelixencia política, capacidade de administrar a realidade. Faltan ideas fértiles e creadoras. Imaxina que admitimos a realidade como é, aceptamos a necesidade dun novo espazo político e miramos ao noso arredor. Por que non lanzar o proxecto de construírmos xuntos, en pé de igualdade e partindo do que hai un novo Estado no seo da UE? Que pasaría se Cataluña, o País Vasco, Galicia se quere, aqueles que se consideren España e Portugal emprendesen a tarefa de construír un Estado Confederal Ibérico? Aínda que nos levase trinta anos facelo. Sabías que a día de hoxe o 40% dos portugueses estarían a favor de confederarse coa España actual? Cantos dos nosos vellos problemas entrarían en vía pacífica, política e democrática de solución? Monarquía ou república, cooficialidade real das linguas, peso económico e demográfico na UE, presenza no mundo africano e asiático… Ata España sabería por fin quen é!

-“Fermosa utopía, pero no…”, comecei a dicir.

-Utopía? E que era a Unión Europea hai cincuenta ou sesenta anos?…

Foi a chegada do tren quen o fixo calar, foise, pero este Fuco Buxán non emigra.

Un tanto frustrado por no poder nin abrir a boca, lembrei con alivio as palabras de Elena Poniatowska: “Orgulléceme camiñar canda os ilusos, os necesitados, os candorosos”. Camiñar ao seu carón e escoitalos.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s