Os tics que me entran coa educación.


Lupe Cendán

Hai uns números saíu nesta revista un editorial sobre o uso das novas tecnoloxías na educación. Os aspectos positivos das TIC son ben visibles e innegables, a educación debe evolucionar coa sociedade, pero cando a xente se emociona demasiado, a min sáeme a vea conservadora e xórdenme algunhas dúbidas para sumar ás do editorial:

A capacidade para imaxinar, para ver na cabeza as cousas, sen unha imaxe física, a cores, en 3D e con movemento.

É certo que cunha pizarra dixital que emite luz e pinta en moitas cores, o alumnado atende máis facilmente, séntese máis no seu medio natural. Non digamos se combinamos presentacións, vídeos, música, acceso á rede… Queda por valorar en que medida seguirá sendo así cando xa non sexan novidade, cando se usen a todas as horas, en todas as materias, desde cativos… se seguirá potenciando a atención ao mesmo nivel. Pero no que me entran as dúbidas é en se poderiamos estar perdendo a capacidade de esforzarnos por imaxinar, de facer abstracción, de estudar por un libro en branco e negro, ou ler un xornal en papel. Non sei se nalgures está prevista algunha medida de contrapeso, non se me vai da cabeza esa rapazada actual que, para multiplicar 20 por mil, precisa calculadora.

A necesidade de consumir recursos enerxéticos e materias primas elaboradas en forma de aparello electrónico para a cousa máis peregrina.

O planeta simplemente non vai soportar este nivel de “humanización”. Na nosa casa temos oito dicionarios de diversos idiomas para poder facer os deberes. Onde se busca o significado dunha palabra? Na internet, aínda que se teña que agardar a que o trebello se acenda. Comprendemos que iso vai da man do aumento das centrais nucleares -demandamos electricidade de a pouquiños, pero de xeito insaciable-, ou da explotación infantil nas minas do Congo para termos PC, netbook, tablet e/ou smartphone a prezo accesible; ou das dificultades para chegar a fin de mes, poño por caso? Isto unido á obsolescencia programada e descarada, que nos vai obrigar ás familias -directamente ou a través de impostos nos centros educativos- a estar renovando constantemente dispositivos e software para que todo sexa compatible e actualizado. Canto tardará en comezar a presión para que todos os alumnos vaian a clase coa súa tablet debaixo do brazo, baixo o pretexto de que é máis ecolóxico porque non se gasta papel? É o negocio do século XXI. E si, xa hai un plan piloto da Consellería -todo está aínda no aire, pero disque sería para o curso que vén-, para que a rapazada de certos centros deixe de usar libros en papel e traballe todo exclusivamente sobre pantalla.

As condicións de traballo.

A tecnoloxía non ten marcha atrás, o coche xa non vai desaparecer aínda que o noso futuro dependa da redución de emisións contaminantes. Todos precisamos autoestima, formar parte da comunidade, por iso mercamos traxe novo só porque o anterior “xa se ve desfasado”, ou móbil cando aínda funciona o vello ou antes ca reparalo ou mercar unha batería nova. Cos centros educativos pasa algo semellante: o que non se suba ao carro queda atrás. O que comeza sendo cómodo, innovador e unha vantaxe remata sendo unha obriga. As intranets poden facilitar o traballo ao profesorado e favorecer a información aos pais pero tamén converterse nunha presión constante porque a información circule de xeito instantáneo, como se vivisemos nun Facebook educativo, co perigo de incrementar o traballo burocrático e obrigar ao persoal a mercar tecnoloxía para a casa, porque a precisa para o traballo. Tenderemos á atención 24h? Os ordenadores non quitan traballo, sempre piden máis. E se nalgo aforran tempo, haberá que facer iso e algo máis.

Por outra banda, os sistemas informáticos complícanse. Quen vai facer o mantemento? Algún profesor voluntarioso? Liberámolo da docencia? Externalízase? Está ben ter PC na clase pero, vai poder o profesor/a de cada materia instalar e desinstalar, probar, experimentar… ou vai ter que usar o que mande o administrador do sistema? Cantos deses materiais van ser en galego?

A saúde. Está estudada a influencia das WIFI sobre os nosos corpos? De quen nos fiamos?

Si, hai estudos con ratas que indican que as radiacións non ionizantes só producen un aumento de certas actividades do cerebro nada preocupantes, que é moito máis arriscado tomar o sol sen protección (correcto, os raios uv si son ionizantes), pero estes son ensaios a curto prazo, realmente non se sabe da influencia a longo prazo, a 40 anos vista. Porén, dá que pensar que xa no ano 2011 a OMS e a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro recoñecesen a “existencia de indicios” sobre a posible perigosidade das radiacións electromagnéticas dos móbiles. Tendo en conta os equilibrios que estes organismos adoitan facer para non enfadar demasiado á industria do sector, que se atrevan a facer unha afirmación coma esa, non é tranquilizador. A mesma Asemblea do Consello de Europa recomendou a retirada de telefonías móbiles, WIFI (redes sen fíos como as que todos temos na casa), etc. das aulas, cousa que varios países europeos tomaron en serio, substituíndoas por rede de cabo. Non aquí, por suposto.Os centros do plan Abalar, inzaron os colexios -na medida en que a crise non truncou o proxecto- de puntos de acceso WIFI.Cantas horas de radiación WIFI vai recibir un alumno entre os 3 e os 16 anos na súa aula? E un profesor na súa vida activa? Vai ser isto relevante? Poida que non, pero ninguén o sabe.

Hai estudos, tamén, sobre substancias que todos levamos no sangue, como as que se desprenden cando temos unha computadora funcionando, -non digamos unha aula chea deles-, varias horas seguidas, e que poden afectar o bo funcionamento do noso organismo. Os nosos fillos respíranas desde moi novos. Debemos preocuparnos?

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Opinión coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s