Carta a Montoro, o amigo das familias


Daniel López

Señor ministro:

Estamos, as familias de por aquí abaixo, lixeiramente anoxadas.

A cousa é que andamos estes días preocupados pola nosa declaración do IRPF, se a facemos ben ou non, se metemos todos os datos no seu sitio, se se nos despista algo, algún rendemento mínimo duns aforriños, un traballo esporádico… Nós, os de abaixo, as familias dos traballadores, temos que aforrar en xestorías e non temos asesores fiscais. E, andamos así, todo a medio camiño entre un deber ético e cidadán de facer as cousas ben e un certo temor de recibirmos un escrito da súa Axencia Tributaria, que nos diga que fixemos algo mal, que nos chame a facer unha complementaria por calquera fallo. E que nos deixe o estómago mal, que xa vai delicado. Porque escritos deses, por cantidades mesmo ben pequenas, si que os recibimos as familias dos traballadores, e suponse que debe ser así.

Pero non estamos cabreados por iso. A cousa vén por algo peor. A cousa vén porque agora, grazas a Intermón-Oxfam, e ao seu recente informe, xa lle podemos poñer cifras ao convencemento que xa tiñamos de que Facenda non somos todos.

Porque despois de ver a delicadeza de trato con amnistiados fiscais e defraudadores –algúns ben próximos ao seu partido, e non insistamos máis en Bárcenas, que o último episodio do caco valenciano recentemente condenado por desviar cartos públicos que estaban dirixidos á solidariedade coas aldeas pobres de Nicaragua, rompe o rexistros da infamia- , comprobamos que o 90% do recadado polo fisco vén das familias traballadoras. E só o 9,24% das empresas. E, aínda peor, sabemos que as grandes empresas só cotizan a un 3,5%, e as multinacionais a 0%.

As familias facemos un exercicio de autocontrol e rigor, pero estamos abraiadas ao descubrirmos que se está deixando de recadar, por fraude das grandes empresas e das grandes fortunas, máis de 50.000 millóns de euros cada ano.

Así que, xa postos, queremos que nos inspeccionen máis. Pero a todos. Porque non entendemos que esa fonte de ingresos públicos – a inspección fiscal- se descoide tanto. Tanto que hoxe na axencia tributaria hai tantos empregados públicos como cando foi creada hai vinte tantos anos.

Convénzanos, señor Motoro, coa súa locuacidade, de que, a pesar de sermos o segundo estado máis desigual de Europa, Facenda somos todos, porque se as familias de aquí abaixo convertemos a indignación en folga fiscal, isto vaise todo ao carafio.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s