Xosé Lois Martínez Suárez [Arquitecto]

A razón cultural, a visión dunha cidade humanizada que recoñece a súa historia, debería triunfar sobre un urbanismo puramente economicista. Con ocasión das obras do túnel do Parrote, na Coruña, volven ver a luz as vellas murallas daquela cidade forte do século XVIII e restos das antigas murallas medievais. A cidade ten unha segunda oportunidade.

No corpo da cidade están debuxadas sendas milenarias.

Ao camiñar sobre elas podemos observar unha paisaxe que se nos presenta aparentemente estática pero que está en continua transformación.

Hai espazos onde o urbano nos rodea e abraza, nun xesto que é réplica da forma do lugar natural no que os primeiros poboadores encontraron abrigo e protección.

Algunhas cidades teñen, nos seus espazos centrais, o privilexio da percepción das paisaxes abertas, do gozo da mirada a longa distancia.

Ao camiñar podemos percibir a escala do territorio no interior da cidade mesma, podemos ver e sentirnos preto da natureza dende o centro mesmo da cidade.

O mar penetrando ata o corazón mesmo do grande artificio que o urbano representa.

O centro é o límite

Límite e centro simultaneamente.

Na súa condición de centro é espazo de confluencia, de encontro, de cruce, espazo do contacto e das relacións, espazo do desexo e espazo desexado…

Na súa condición de límite é espazo híbrido, do cambio e da transformación, da modificación continua, simultaneamente parede e paisaxe, sólido e líquido, escenario e platea…

No corpo das cidades marítimas hai debuxada unha liña pola que se deslizan os desexos de xeracións de cidadáns.

Unha liña ao longo da que se acumula a historia nas súas múltiples formulacións.

O Paseo do Parrote da Coruña forma parte desa liña.

Foi abrigo e enseada mariñeira, areal no que varar chalanas e traíñas, penas sobre as que agardar mentres o mar rompe na baía.

Foi camiño, lugar sagrado e fogar dos primeiros coruñeses.

Foi límite (muralla medieval e barroca) elevándose sobre as rochas e marcando “o dentro” e “o fóra”, definindo ámbitos intramuros de “cidadanía” e territorios extramuros de “servidumes”.

Un espazo acumulado de símbolos

Foi paseo, Paseo do Parrote, para ser de novo camiñado. Sobre as vellas fortificacións medraron as árbores que anunciaban lugares de encontro, de ocio e de descanso.

Foi dársena e estaleiro, peirao de arribada e paisaxe da industria, cos barcos emerxendo e transformándose en grandes pinceladas de cores sobre o fondo branco das galerías do hábitat residencial da cidade burguesa.

Foi estrada de convois militares, circunvalando a cidade por Orillamar, a Torre, Orzán, Riazor cara ao monte e San Pedro.

Foi explanada sen sentido, baixo a que pretenderon sepultar as marcas do pasado.

No Parrote, na Cidade Vella, lugar de monumentos, espazo de acumulación de signos, a historia faise densa, e o pasado emerxe inesperado fronte á ignorancia e a cobiza da nova barbarie.

Sobre o irregular debuxo dun litoral de penas que se somerxen no areal, hai no Parrote unha liña de coidada caligrafía de pedra de cantería: cando de novo o mar bata sobre ela escoitaranse historias doutro tempo na cidade amurallada.

Nunha soa ollada, coa súa presenza desvelaranse páxinas fundamentais da identidade múltiple da que como cidadáns participamos.

Hai, no corpo da cidade que queremos, espazos culturais sensibles nos que están escritos con liñas invisibles historias de relacións que, se as restauramos, poderemos incorporalas á construción do gran proxecto da cidadanía do futuro.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Actualidade, Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s