Mosteiro de Herbón. Un proxecto co-rompido (2)


Manuel Alonso

Os intereses creados sobre o mosteiro de Herbón fixeron que medrasen as presións para acabar coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) por todas as bandas.

A fronte social

Dunha parte a liderada por un socio de Pimerbón, antigo concelleiro do PP. Encirrou a varias persoas para que puxesen en contra á veciñanza. Comezaron campañas estrambóticas, coma unha recollida de sinaturas en papeis en branco, con sinaturas de xente que apenas sabía escribir, seica en defensa dunha veciña á que lle podían derrubar a casa (afectada pola lei de costas non polo BIC). Outra veciña destacou como vixía das actividades dos promotores do BIC, gravando as manifestacións, cando os cans foron envelenados e chamando á policía local porque había unha reunión no convento! (A policía local limitouse a levantar acta, pero aquilo utilizaríase para poñer nerviosos aos superiores franciscanos, pois a policía tivera que intervir nunha xuntanza conspirativa). E así foise acosando, entre insultos ás socias de Sementar e chamadas desde números ocultos, ameazando con matar os cans do convento.

A fronte política

Os grupos da oposición arrefriaron os apoios, agás a CIPA, que daba a cara. A concelleira de cultura demostraba descoñecer a lei de Patrimonio cada vez que se trataba a cuestión nos plenos. E o alcalde e un funcionario, fillo dun exconcelleiro do PP, que se reúnen, o 8 de marzo, co Provincial dos Franciscanos. Aí actívase o desmantelamento do convento e o castigo ao prior.

O peor foi a alianza do alcalde co párroco de Padrón, co que compartía celebracións da Traslatio, xunto co ex-deán da catedral e os alcaldes de Rois e Dodro (do PP). Aí nace a entrevista co Provincial dos franciscanos, lograda baixo a ameza de abrir unha causa xudicial ao superior do convento e coa condición de que ese frade non asistise. Axiña cacarexaron que xa estaba resolto o conflito, pois pediran a retirada do superior do convento. Os franciscanos, pola súa banda, difundiron o que lles dixeron (e creron) nesa reunión: que foran os de dentro os que envelenaran os cans; que se reunían con mulleres pola noite no convento; que o conflito se resolvería co traslado do superior; que se relacionaban con xente de esquerdas; que se valoraba abrir unha causa xudicial contra el e que se ía saír na prensa dándolle duro como así se fixo.

Na Xunta de Galicia, Patrimonio animara a solicitar o BIC: “finalmente alguien pide un BIC con sentido; ya estamos hartos de arreglar cubiertas para los pájaros”, dicía María Diz. Pero logo danlle largas, ata que a cesan, tras meses de silencio. O 3 de decembro publícase o decreto de declaración de BIC no BOE, por un ministerio de Fomento interesado en botar adiante un proxecto que non avanzaba polas trabas autonómicas, co que non podía adxudicar o famoso 1% cultural, que finalmente quedou en dique seco.

A fronte económica

Aí estaba a Fundación “Convento de Herbón”, rexistrada como Fundación de Interese para Galicia, cuxo padroado é presidido polo provincial dos franciscanos e do que forman parte D. Ángel Albor, D. Manuel Garabal, D. Marcos Torres e D. Andrés Quintá.

Tamén había un grupúsculo de franciscanos que, sempre na sombra, queren “acabar con iso de Herbón, porque non dá cartos”: o administrador provincial (lidera un proxecto hosteleiro en Louro-Muros, de tres millóns de euros tal como el difunde), os superiores de Vigo e Pontevedra e o director do colexio dos franciscanos de Lugo. Co-romperon a ausencia de criterios do Provincial franciscano e manipularon a súa voluble personalidade, pero nunca deron a cara.

A fronte eclesial

Destaca o “segundo” do Provincial, Fr. Francisco Castro Miramontes, cunha clara posición política, defensor público de membros do PP condenados (Conde Roa), Reitor do convento de San Francisco de Santiago. Dende o día primeiro vai deixando caer nos sitios oportunos “perliñas” sobre “políticas de esquerdas” implicadas en Herbón.

O párroco de Padrón, D. Roberto Martínez, arcipreste de Iria Flavia, que fora axudado xenerosamente polos frades de Herbón cando estivo enfermo, fixo a súa xogada caciquil “acusando” das malas compañías aos frades de Herbón, de “seren do teólogo Queiruga” e de militar no BNG.

O Párroco de Herbón, D. Anacleto, 50 anos de ministerio pastoral en Herbón e unha vida de “celotipia pastoral”, que predicaba na misa dominical sobre as “cuatro manos negras de la aldea” e alentaba os veciños a defender o que era seu contra “os de aí abaixo” (os frades do convento).

E o mesmo Provincial, frei Xosé Antonio Castiñeira: descoñecedor do proxecto asinado para 20 anos polos representantes lexítimos da institución que el representa hoxe, nun paupérrimo servizo aos seus irmáns, coa entrevista co alcalde, nas condicións na que o fixo. Vítima de si mesmo, da súa personalidade prexudicada polas diversas frontes e usada en beneficio propio. Os franciscanos terían que pedirlle a renuncia ao seu cargo, en lugar de agardar pasivamente, mentres se perde o ronsel do avance da Igrexa do Papa Francisco. Primeiro concede a cabeza do frade de Herbón, pecha o convento e inmediatamente confesa que ten moito interese en que o proxecto vaia adiante; inhíbese de todo o que sucede nunha casa franciscana e logo manifesta o contento pola cantidade inxente de firmas recollidas para reconducir o tema. Lóxico en quen promete vivir o evanxeo e logo preside unha Fundación movida polo anti-evanxeo:

Que nos queda?

Queda unha ocasión de ouro, neste 2014, ata que remate, para o ben común: o ben social, o ben político, o ben económico e o ben eclesial tamén. Vivir conforme aos valores que se predican, os valores evanxélicos franciscanos.

No social, queda recompoñer a sociedade da aldea de Herbón, cun traballo pola reconciliación e a paz, a defensa da terra, a dignidade do seu traballo agrícola e a excelencia do que esa terra produce: persoas e bens.

No político, queda traballo por superar formas de goberno que favorecen a unha parte a costa do todo; traballo por esquecer esa política baseada no poder fronte ao servizo; por concienciar o pobo da súa responsabilidade, por aprender que temos poder co noso voto ou coa non-colaboración activa cos que confunden servizo público con beneficio persoal.

No ecomónico, queda a necesidade imperiosa de sementar modelos económicos sostibles na riqueza compartida, a terra coma un ben común e o traballo como un apartado da vida que dignifica o ser humano arredor dunha mesa onde todos e todas teñan un posto para sentar en condicións de igualdade.

No eclesial, queda a única vía da reforma interna, estrutural e funcional ao servizo do que se di crer, o abandono de formas pastorais anacrónicas, a inserción no medio e a presenza evanxélica no mundo incluíndo a todos e todas sen diferenzas de sexo, relixión, raza, idioma ou condición social

E queda tamén a dignidade das persoas defendida, alentada, coidada, protexida e multiplicada por cantos lideraron un proxecto humano evanxélico que outros co-romperon

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade, Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s