Entrevista con Darío Xohán Cabana


Aldegunde Quiñones

“En Nimbos está o home enteiro”

Calquera que lese a Darío Xohán Cabana xa sabe que é un dos mellores autores da literatura galega de todos os tempos. Desta feita entrevistámolo como amigo de Díaz Castro e admirador da súa obra -e para mostra só hai que ler o outro “Penélope” que Darío lle fixo en homenaxe. Darío era un rapaz que coincidiu con Díaz Castro na etapa en que o poeta dos Vilares regresou a Galicia. Aquí achéganos ás claves da obra diazcastriana.

Como valoras a dedicatoria do Día das Letras a Díaz Castro?

É unha dedicatoria que vén de seu. É un gran poeta, aínda que non era o meu candidato. Pero estou contentísimo porque tamén é o meu candidato aínda que non o presentara. A súa obra é minúscula -pouco máis de trinta poemas- pero dunha densidade e dunha intensidade excepcional.

Cales son as liñas temáticas principais da súa obra?

Hai dúas cousas que salientan: un é o aspecto relixioso. Díaz Castro é un poeta relixioso, católico, claramente católico. Por outra banda está o sentimento da terra ou da patria considerada como o conxunto da terra e das xentes, a lingua, que ten unha forza moi especial. Tamén hai paisaxe, pero non é “paisaxística”, é a paisaxe humana, na que intervén o poeta e a xente que o poeta quere.

Que lugar ocupa na historia da Literatura Galega?

Para min, nas antoloxías xerais que se fagan da poesía galega deben estar tres ou catro poemas seus. Díaz Castro é un poeta menor; os poetas menores son os que fan as máis fermosas poesías.

Porque vén sendo considerado un clásico?

Eu non o considero un clásico; para min é un poeta actual. É clásico na medida en que está condenado a permanecer. Algún dos seus poemas serán lidos mentres exista a lingua galega, pero paréceme un poeta perfectamente vivo que podía publicar o seu libro agora e sería extremadamente moderno.

Como é Nimbos?

É a perfección do acerto. Pode haber dous ou tres poemas que non me parecen absolutamente logrados pero todo o demais é excelso. Díaz Castro fixo moi ben en deixar de escribir. Xa abonda tamén en ter que estar escribindo un libro cada ano ou cada dous. Un poeta non é poeta sempre: un poeta é poeta algunha vez, e cando esas veces se collen, coma no caso de Nimbos, en realidade xa non hai máis nada que dicir. En Nimbos está o home enteiro. Se cadra, puido escribir unha obra longa e moi boa; ou unha obra longa que estragase a forza, a concentración tremenda de Díaz Castro.

Que ten Penélope para que figure en todas as antoloxías?

Hai outros poemas tan bos coma este, pero Penélope ten ese plus de poesía patriótica, de poesía que simboliza unha especie de tristeza nacional.

No seu regreso a Galicia Díaz Castro entrou en contacto con autores e autoras novos, entre os que estabas ti. Isto produciu froitos dalgún xeito?

Non, porque a influencia de Díaz Castro estaba absolutamente presente. Ningún poeta galego de ningunha xeración contemporánea ou posterior a Díaz Castro deixou de lelo, porque dentro da tradición poética galega, Díaz Castro é un poeta esencial.

O poema titulado “Coma brasas” Comeza co verso “Poeta ou non…” Dubidaba da súa calidade como poeta?

Penso que non, que só se trata dun recurso. Resulta evidente que é un gran poeta. Calquera que lea Nimbos é fascinado e el, que era un bo lector, se se lía a si mesmo tiña que decatarse de que era un gran poeta.

Como é posible que pasase tan desapercibido ata este ano?

Ás veces, as persoas temos moitas vidas, outras só teñen unha. Un escritor que escribía tan pouco coma Díaz Castro ten moitos centros. Non é o mesmo ca Manuel María, que pasaba a vida sendo escritor e que, ao ano, acordábase 365 días de que era poeta; Díaz Castro acordábase dez ou doce. Non tivo unha vida literaria regular: tivo poucos contactos con escritores galegos. Eu fágolle sufrir á miña familia a miña dedicación á literatura; el non: fixo un gran libro, pero non se dedicaba á literatura.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Letras Galegas coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s