Lembrando a Dom Rosendo (e II)


 

e2.redimensionadoXoán C. Rodríguez Herranz

No anterior número deixabamos a Frei Rosendo Salvado en Australia, intentando, como se diría en termos actuais, un proceso de inculturación. Ficou impactado pola realidade da poboación aborixe e a súa pobreza, o que o levou a centrar todos os seus esforzos da súa actividade pastoral nunha dignificación real da vida das comunidades autóctonas deste novo continente.

 

NO RONSEL DA ESTIRPE GALEGA DOS BENEDITINOS

Dom Rosendo fundou unha abadía, Nova Nursia, e unha cidade modelo para os aborixes. Era irmán dunha caste de monxes inquedos e innovadores, formados no século XVIII nos mosteiros de Samos e San Martiño Pinario que tentaran traducir o ora et labora ás luces da Ilustración. En Samos aínda resoaban as palabras sabias de Feixoo, o curioso intelectual, pedagóxico e divulgador, “renovador de conciencias” fronte a supersticións e loitador contra a inquisición; propagador asemade das ciencias experimentais, a economía, a medicina e a música. E tamén lería a polifacética obra de Martiño Sarmiento, etnólogo ante litteram. Sabería do seu interese polo pobo e a cultura popular galega, os seus catálogos de voces e costumes folclóricos, as múltiples viaxes por Galicia trazando a súa xeografía, toponimia e botánica. E aquela teima en educar o pobo, o seu intento de empregar métodos matemáticos e xeométricos a utilidades prácticas; a creación de xardíns botánicos, bibliotecas públicas, academias de agricultura.

Rosendo, encarando unha realidade ben diversa, optará tamén por un camiño novo e práctico. En troques de desarraigar aos nativos, transportándoos aos ‘centros educativos’ occidentais das cidades, axudaraos a crear unha comunidade rural aborixe. Sen impor un ritmo frenético crea as bases que permitan aos nativos autoxestionarse e defenderse dos colonizadores. Sendo monxe bieito e misioneiro, fíxose agrónomo, zootécnico, albanel, mecánico, cartógrafo.

Vive entre os nativos pero non ten reparo en aparecer ante os grandes para demandar recursos. Ao comezo, acábanselle as provisións e ten que pedir diñeiro para os marxinais. De primeiras irá facelo, casa por casa, onda os colonos protestantes de Perth coa sotana feita farrapos, os calzóns remendados e os pés descalzos. Católico e esfarrapado: non funciona. Alternativa: programa un concerto de piano –obras clásicas, cancións españolas e unha composición propia baseada na música ancestral dos aborixes. Éxito total. Máis adiante presentarase ante o gobernador do estado. Cando viaxe a Europa visitará o Papa e a Raíña Isabel II. Esta última proporíalle o bispado de Lugo. Resposta: “Grazas, señora. Prefiro as almas ás rendas. Torno a Australia”.

Falando de viaxes (Liverpool, Dublín, París, Lyon, Roma), o tema único e recorrente será sempre a defensa dos nativos. En Inglaterra criticará abertamente a teima decimonónica de traer aborixes do imperio a Londres para mostralos nos pazos de familias ilustres como pouco mais que animais exóticos. Nunha conferencia na Royal Geographical Society ensina como “no seu medio natural, os aborixes son mais sabios que os europeos”, que son individuos alegres e felices dotados con grande perspicacia e penetración psicolóxica, capaces de ler no rostro os pensamentos dos seus interlocutores pero que “prefiren a súa vida ás comodidades da civilización”.

No seu paso por España, funda no Escorial o Colexio Beneditino de Ultramar para formar misioneiros “de xeito que aprendan a tratar cos aborixes”. Pero cando se precisan os estudos que eses misioneiros deben facer, el pide que sexan “labradores, carpinteiros, fabricantes de carros, ferreiros, etc”. El mesmo aprenderá gandaría, viticultura, ata o código morse para manter unha liña telegráfica. A súa ‘pequena cidade’ vese dotada cun muíño, unha represa para un río, grandes casas-residencia para nenos orfos, hospital con médico, xulgados, talleres con arados modernos e unha malladora a vapor, escola e capela.

O seu obxectivo será “que unha familia aborixe consiga vivir autonomamente nun terreo e nunha vivenda digna de seu, co equipamento e a semente para a primeira colleita”. Iso non mingua en nada a súa deferencia cos nativos que chega ata o detalle de lles reducir as horas laborais xustificando que “por ter sido nómades non poden afacerse a un traballo físico durante moitos días”; tamén lles permite ausentarse de tempo en tempo e vagar polos bosques pois “para eles é unha necesidade psicolóxica, aínda que non sexa mais que para durmir a sereno”.

As escolas non darán a educación formal europea. Os temas centrais van ser o canto, a danza, os xogos, a lingua mímica, e despois, a escrita e os contos; todo na súa lingua. El acompañábaos na banda de música e nos bailes, creaba coros e grupos instrumentais de corda, o que marabillaba aos ingleses. En 1893 un ministro de agricultura australiano escribía: “O termo misión queda moi pequeno para expresar o que significa Nova Nursia, que é, realmente, moito mais atractiva coma poboación que outras que presumen de ter un alcalde, un concello e contribuíntes”.

VERDADEANDO CO AMOR XENEROSO” (Ef 4,15)

Tal foi a ferramenta básica da súa misión: levar adiante a acción liberadora da dignificación daqueles seres precisados de tantas cousas. Rosendo presentiu a urxencia que tiñan de facer, de por si, a adaptación ao cambio social e cultural que lles viña enriba polo contacto con occidente. Pareceulle que o mais cristián era capacitalos para sobreviviren, medraren e competiren co mundo dos brancos que lles era imposto. Era o s. XIX pero, nunha antropoloxía non usual daquela, non se limitou a estudar e observar a aqueles pobos, senón que se implicou en mellorar a súa calidade de vida nesa a súa difícil transición. Aínda hai poucos días, un descendente daqueles alumnos de Rosendo recoñecía agradecido en Santiago o éxito dese labor. Que ledicia cando puido enviar tres mestras nativas, alumnas da súa escola, a impartir clases ás fillas dunha familia inglesa afincada nunha granxa veciña; ou cando Helen, unha nena orfa que chegara á misión “despois de ter andado correndo espida e nómade polos bosques, tan salvaxe coma un canguro” é declarada a “mellor telegrafista da colonia”; ou cando un equipo de crícket de Nova Nursia chega a gañar nunha final ao da cidade de Fremantle.

Todo iso non se fixo sen sacrificio e incomprensión por parte de certo estamento clerical: “Acusáronme de converter Nova Nursia nunha misión de ovellas e gando. Que veñan traballar aquí sen medios de sustento! A esta misión cualifícana de ‘granxa de ovellas’. Din que non somos pastores de persoas senón de ovellas. Non sería mellor que eses cabaleiros tan beatos que así falan, metan as mans nos seus petos e procuren diñeiro co que alimentar e atender estes indíxenas e dese xeito farán a súa parte para conducilos a Deus?

Cando xa con 86 anos emprende a derradeira viaxe a Europa para garantir a supervivencia da súa obra puido escribir nas súas memorias: “Bañei aquela terra coa suor da miña fronte e co sangue dos meus pés. Non a abandonaría por todo o ouro do mundo”. Así traducía a súa fe, a súa fraternidade: no achegamento con feitos á vida daquelas xentes ofertándolles coa praxe un acceso plausible e verosímil á mensaxe que portaba ; facendo verdade o dito do texto da carta de Santiago (2,18): “Eu, polas obras, heiche amosar a miña fe”.

Rosendo finou en Roma o 29 de Decembro do 1900. No ano 1903 os seus restos volvían a Australia, conforme a súa derradeira vontade, e repousan hoxe no coro da abadía de Nova Nursia. Deica ela chega hoxe un camiño de peregrinos que, partindo de Fremantle e pasando por Perth, remata na abadía que el ergueu e na que o seu espírito repousa.

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Horizonte universal coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

One Response to Lembrando a Dom Rosendo (e II)

  1. Bea di:

    Boa tarde,
    Hai uns meses que comprei un exemplar de A Biblia, SEPT. Anuncia nas súas páxinas que foi traducida das linguas orixinais, o cal xa é, de por si, excepcional para unha lingua tan pequena como a nosa (en canto a número de falantes).
    Actualmente colaboro cun proxecto de tradución ó galego e, sen dúbida, vostede é un exemplo de como facer que palabras escritas hai miles de anos soen coma se fosen ditas hoxe.
    Quería expresarlle o meu agradecemento polo seu excelente traballo, polo seu amor ás palabras galegas e á Palabra de Deus.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s