900 números, e agora que?


Josecho De La Torre [Presidente da Asociación Irimia]

Josecho De La Torre [Presidente da Asociación Irimia]

900 números, 900 agradecementos

Poucas revistas poden sentir o gozo de acadar unha bagaxe no tempo como a Irimia. Máis aínda cando a revista é algo que transcende a propia edición e plasma unha realidade coa que moita xente séntense identificada.

Irimia, a súa revista, acada 900 números pero tamén novecentos agradecementos a toda a xente que fixo posible esta cifra, algúns na lembranza máis tenra; novecentos agradecementos á mesa de redacción actual por seguir crendo neste “milagre”; e sobre todo, novecentas GRAZAS a todos os subscritores que acollen cada quincena este “milagre” como algo propio.

Ademais da revista en papel xa conta cun blog propio e ten presenza nas redes sociais. Hoxe en día non se poden descoidar estes aspectos e quizais nun futuro haxa que volver a reformular a maneira de chegar aos lectores de acordo ao momento. Pero máis aló da forma de ser está o ser. IRIMIA É. Para contestar á pregunta que se me fai venme á cabeza aquilo que dixo o Papa Francisco: “estamos chamados a ser persoas-cántaros para dar de beber aos demais. (…) Non nos deixemos roubar a esperanza” Detrás da revista sempre houbo persoas-cántaros que deron de beber aos demais. Persoas cheas de esperanza, esperanzadoras. Manter viva a luz da esperanza e non deixar que a rouben, contaxiala se cabe, é imprescindible para que esta revista continúe dando de beber a si mesma e aos demais. Por iso, non hai dúbida que seguir sendo esperanza e acertar na maneira de selo auguran o camiño cara o vindeiro milleiro de números. Parabéns a todos os irimegos.

Concha Sánchez (Exsecretaria da Asociación Irimia)

Concha Sánchez (Exsecretaria da Asociación Irimia)

Un longo camiño por percorrer

IRIMIA, un longo camiño ao carón das nosas vidas, das nosas loitas, inquedanzas, alimentando a esperanza noutro mundo mellor, posible (se o queremos), alimentando e fortalecendo o noso idioma como quen alimenta unha criatura maltratada, con mimo e cariño; coidando con agarimo a mai terra que é a que nos mantén, defendéndoa dos féridos e duros que non nos entenden, non, e prefiren prostituíla para gañaren eles moitos cartos, cartos luxados, manchados coa dor da mai e dos seus fillos máis queridos, a xente de ben, os pobres da terra.

E agora?? Pois agora quero seguir tendo Irimia ao meu carón, para seguir facendo a nosa vida, coas irmás e irmaos irimegos, defendendo o noso cóbado con cóbado coas demais xentes da terra, poñendo en valor os nosos soños, as nosas vidas, as nosas loitas e reivindicacións por unha vida digna baseada na solidariedade coas demais persoas que poboamos este marabilloso planeta.

Agora, tamén quero tamén celebrar con Irimia 900 romaxes máis, unha a unha, cantiga a cantiga nos recunchos mais fermosos de Galiza.

IRIMIA quéroa así, grazas por facela posible!

 

Alfonso Mascuñana [Participante nos retiros de verán e membro da comunidade da Vangarda Obreira da Coruña]

Alfonso Mascuñana [Participante nos retiros de verán e membro da comunidade da Vangarda Obreira da Coruña]

O futuro está escrito no pasado

Grazas por convidarme a opinar, cousa que farei con respecto e con algo de inseguridade. Direi catro cousas.

Primeira: SEGUIR. “Seguir” non é unha verdade de pé de banco. Supón unha humilde auto estima mirando o que se ten feito, e unha ilusión, tamén humilde, de que ” o noso grao de area” paga a pena. Si: seguir, continuar.

Segunda: BEN CHANTADAS NA REALIDADE. E refírome agora a estar ben chantadas sobre dous alicerces:

Un: estar instaladas non no que se quere, senón no que se pode.

Dous: decatarse, asumir e chantarse no moito que cambiaron os tempos, nestes trinta e tantos anos, e o moito que van seguir cambiando.

Un exemplo fundamental: nacemos para sermos e axudar a ser crentes e galeg@s. Pois ben, ¿que é ser crente hoxe, e que é hoxe Galicia? (poderíamos xuntarnos e compartir reflexións e respostas sobre ámbalas dúas cousas).

Terceira: A DIMENSIÓN. Ter ben asumida a nosa dimensión. A compracencia na dimensión que agora, máis ou menos, temos. Asumir que mellorar non sempre é igual a medrar.

Cuarta: UNHA OPCIÓN ESTRATÉXICA SEMPRE: REBELARSE ANTE O QUE É INDIGNANTE HOXE E O QUE MÁIS AMENAZADO ESTÁ: isto é o deterioro crecente dunha gran maioría (da xente, da terra) debido á cruel ambición dunha minoría.

Coda:A pregunta “e agora qué” non é unha avaliación. Para min é máis ben querer mirar un pouco cara adiante. E certamente, moito do que eu vexo e desexo para o futuro xa está tamén escrito no pasado: Parabéns compañeiras e compañeiros.

 

Marta Sopeña [Expresidenta da Asociación Irimia]

Marta Sopeña [Expresidenta da Asociación Irimia]

Tecendo redes de optimismo

E agora que? Pois quizabes apuntarse á moda das pulseiras… Trenzando con paciencia, goma a goma, ata formar unha cadea para levar na man, para desenvolver a creatividade no deseño, para agasallar, para intercambiar. Xuntarse arredor dunha mesa tecendo e compartindo anacos de plástico, aprendendo ao que aínda non sabe como se fan estas cadeíñas cheas de vida e cores.

E agora que? Pois sorprendidos de que volve a ser tempo de pequenos xogos con elementos sinxelos. Miro arredor e vexo rexurdir grupos de veciños preocupados por revalorizaren e melloraren o contorno, con ganas de falar do que lles pasa ou senten. Son novos tempos nos que a xente non quere estruturas senón a posibilidade de atoparse e traballar no que noutro momento se vía sen futuro. Non estamos adurmiñados como quixeron facernos crer. Estamos espertos, vivos para que rexurda a nosa terra, o noso espazo coa nosa xente. É coma o das pulseiras. Non sabemos por que, mais velaí grupos e grupos tecendo sinxelas cadeas de optimismo. A nosa IRIMIA é un deles. E precisamos saber que hai outros que fan algo similar. Coñecer xeitos distintos, saber se é mellor tecer cos dedos ou con ganchiño, comparar modelos, engadir novas cores, intercambiar e poder dicir: “mira cantas fixemos”. Continuar atopando no correo, non importa cada cando, un sinxelo prego de papeis con palabras e imaxes que dan fe de lugares, persoas e feitos que entusiasman coma as pulseiras ás nenas e nenos.

 

Teresa Souto [Secretaria da Asociación Irimia]

Teresa Souto [Secretaria da Asociación Irimia]

Onde queremos estar?

Pois agora ata os 1000, só faltan 100…

Estes 900 números son o reflexo de ilusión, de crenzas, de paixón, de ideoloxía, de sentimento, de canto. De Romaxes planificadas, ideadas, compartidas e vividas, de Festas do Lume, de visións políticas e cambios sociais, de rumores de esperanza e petos de San Antón. Xa que 900 números percorren anos de historia e historias.

E agora estamos aquí, neste momento, no aquí e agora, no presente, no hoxe…e publicarase o número 901, e despois pensaremos no 902, 903, 904; sen perder a idea, nin o fío e a paixón, construíndo día a día a continuidade que engade valor.

Neste momento podemos pensar cara onde imos, ter claro de onde vimos, e ter presente onde queremos estar. E onde queremos estar? Supoño que podemos pretender estar na base, construíndo xuntanza, preto, prestando atención ao que nos rodea, aos cambios que se producen, as decisión e indecisións, aos avances e retrocesos, mostrando diversas e enriquecedoras visións do que supón e conleva ser persoas crentes e galegas. Formando e dando voz á base, a comunidade que todas xuntas formamos, mostrando pequenas grandes ideas, dando a coñecer proxectos, espazos, tecendo un lugar de apertura e comunicación, un lugar compartido por toda a xente que lemos Irimia. Xa que é un revista na que as persoas lectoras nos sentimos representadas, presentes, da que nos sentimos parte.

 

Victorino Pérez Prieto [Primeiro director da revista Irimia]

Victorino Pérez Prieto
[Primeiro director da revista Irimia]

O futuro está no cambio

900 números dunha revista son moitos números. Lembro vivamente a presentación do nº 0 na IV Romaxe (1981) e o nº 1 pouco despois; logo a aparición do nº 100 daquela revistiña con formato de folla parroquial ou fanzine revolucionario. Logo o 200 (co formato da actual), o 300, o 500, etc. Pero, aínda sendo lexítima a lembranza dos que a acompañamos desde o comezo -por tanta vida escondida nos seus miles de páxinas-, non é cuestión de mirar ao pasado, senón ao futuro, como se me pide. O futuro preséntase entre as luces da ilusión da xente nova que traballa agora nela, e a escuridade pola dificultade actual das publicacións impresas.

Nestes anos, Irimia cambiou. Pasou de ser unha publicación popular, particularmente pensada para xente que tiña pouco acceso a outros medios escritos, cunha aposta social e relixiosa cristiá expresa, pero tamén pensando no servizo concreto aos problemas dos traballadores galegos do campo-mar-cidade, a ser a revista-boletín dun sector progresista da Igrexa, expresión dunha “Igrexa galega” fronte á “Igrexa en Galiza” descomprometida co pobo, e dun colectivo social pacificamente antisistema. E pasou de ser semanal (dous pregos dobrados) a quincenal, con dobre formato e páxinas.

O futuro debe supor tamén un cambio, na concepción e por razóns económicas. Hoxe a revista é un boletín dun colectivo, aínda que poida chegar a outra xente, e sería mellor unha publicación mensual, con algunhas páxinas máis. Isto permitiría facer artigos algo meirandes, con máis reflexión. O servizo “litúrxico” xa non é necesario coma noutrora, pola oferta que xa hai; aínda que poden quedar seccións coma “O eco” da fe; e o servizo lingüístico tamén se cubriu abondo en anos pasados e está hoxe cuberto. Pero as entrevistas e artigos de fondo caberían con máis soltura.

A revista daría menos traballo, porque non habería o apuro de cada quincena; e podería facerse mellor, pois non habería que cubrir as páxinas con urxencia, ás veces de xeito rutineiro. E, ademais, resultaría moito máis económica, o que garantiría máis o seu futuro; as catro páxinas que se engadirían custarían moi pouco máis, e aforraríase xusto a metade no envío, unha das cousas que máis encarecen a revista.

 

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en A pregunta, Uncategorized coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s