Irimegos parabéns


 

É algo absolutamente extraordinario que Irimia siga existindo novecentos números e máis de trinta anos despois de ver a luz. E iso é, en parte, porque se converteu nunha bendita rutina quincenal.

Galicia sempre se caracterizou pola súa inmensa fertilidade do miúdo. Estamos especializados no pequecho, e se cadra esa é unha das anomalías xenéticas que son de noso. Vacinamos diariamente miles de davides que soñan con engoliathanarse, lembrándolles que o pequeno é fermoso, posible, … e na nosa terra, único. Irimia nunca poderá ter millóns de seguidores nin ducias de páxinas de cor que a fagan obxecto de desexo periodístico. Irimia practica o nudismo xornalístico, carece de armas de sedución. Está aí, ofrecéndose por se alguén a quere ver, pero sen importunar. Miles de galegos pasarán sen ter oído falar dela xamais, pero aqueles que a chegan a abrir e se fixan na súa idade non deixarán de se preguntar como é posible que siga existindo tan xeitosa e lanzal, teimuda ao desánimo, se é que tal palabra existe no vocabulario irimego.

Cal é o seu segredo? Cal é o voso segredo, irimegos? Onde atopastes o grial do xornalismo?

A revista Irimia segue tendo algo que dicir, e vós, lectores, lectoras, seguides tendo algo que queredes que se diga. Non sempre atinamos coas palabras, recoñecémonos ignorantes de todo o que nos queda por saber, amar ou coñecer, e trabucámonos coas opinións.., pero non coas intencións. Sabemos cara onde queremos que avancen as cousas. Irimia sabe que utopía busca, unha que está tallada na igualdade de oportunidades, auténtico edén social devecido que moitos queren rodear de bicudas concertinas.

Irimia leva novecentos números enfadada coa realidade e entusiasmada coas persoas, desexando os cambios que nos melloren e aparcando os cinismos que nos frean. E todo iso cada quince días.

Irimia non será eterna. Algún día decidirá descansar e moitos botarémola de menos. Pero non ha ser hoxe.

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s