Non máis libros de papel nas escolas?


Lois Ferradás

Xesús Rodríguez, profesor da facultade de Ciencias da Educación da Universidade de SantiagoO tema do uso destas tecnoloxías ou, para entendernos, dos ordenadores e tabletas nas escolas está de actualidade. Hoxe Irimia conversa con Xesús Rodríguez, profesor da facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, experto nos materiais que usan para a ensinanza, especialmente dos que teñen que ver con esas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Deberán estes desterrar o uso dos libros en papel?

É o uso nas novas tecnoloxías algo imprescindible para unha ensinanza eficaz?

Son moitas as experiencias innovadoras que o profesorado galego desenvolveu recentemente, en moitos casos cunha calidade excepcional. Ás veces sen apenas contar con apoios externos. Houbo encontros, xornadas, premios e actividades de formación.
Pero tamén é certo que hai un certo activismo, cando se pensa que polo feito de empregar TIC ou polo feito de dotar tecnoloxicamente os centros, xa estamos desenvolvendo un ensino innovador, e iso non é sempre así. Cómpre unha formación didáctica sobre o seu uso. Como indicaba Domingo Docampo, no congreso da Fenda Dixital de 2005 en Silleda, hai que Educar e Educarse na era dixital. Hai que garantir a formación pedagóxica dos docentes para usar TIC e que esta necesidade de formación impregne os discursos políticos e sociais en lugar de centrarnos exclusivamente na achega de máis ou menos ordenadores, taboleiros ou libros electrónicos. Só así as TIC estarán ao servizo de proxectos didácticos innovadores e dunha educación de calidade. Igualmente, para un mellor uso das TIC cómpre unha nova alfabetización, como un reto para dar igualdade de oportunidades no acceso á cultura e á tecnoloxía dixital. Ademais, non só hai que innovar en tecnoloxía, senón tamén na práctica pedagóxica no seu conxunto. Máis ca ensinar contidos, hai que ensinar a aprender, de xeito que as persoas poidan adaptarse ao cambio tecnolóxico e ás diversas funcións que terán que desenvolver ao longo da súa vida laboral.

Están sendo accesibles para todos/as? Que hai da famosa fenda?

O certo é que vivimos momentos de certa contrariedade en relación con este tema. Por unha parte, as TIC ofrécenlle ao profesorado a posibilidade de contribuír á igualdade de acceso á información do alumnado e da sociedade en xeral, pero a realidade amosa que, en boa medida, non está sendo así e encontrámonos con numerosas fendas (nas posibilidades de acceso, na formación, fendas entre o discurso político e o que acontece na realidade, na situación no rural e no urbano,…). Cómpre que iso non nos pase desapercibido se non queremos que se agrave.
Certo que determinados tipos de TIC non son accesibles para todos, polo custo, pola formación,… O certo é que, sen deixar de recoñecer valiosas experiencias, nas que as TIC contribuíron notablemente a romper desigualdades e foron promotoras de dinamización cultural e social, as TICs estanse a converter igualmente nun factor de desigualdade, contribuíndo a unha maior separación entre os sectores que teñen acceso a elas e os quen non. Hai tamén unha fenda xeracional á que temos que atender. É evidente que podemos facer moito para evitar esas fendas. A universidade, expoñendo fórmulas para atender a esta situación e contextualizando as prácticas educativas; as escolas, favorecendo unha formación integral do alumnado nunha sociedade dixital e axudando as familias a comprender os cambios; os concellos, favorecendo o acceso e a formación sobre ás TIC a toda a poboación…

Que beneficios achega o seu uso á calidade e eficacia da educación escolar?

As TIC poden axudar a unha nova maneira de ler e tamén á idea tan necesaria de traballo por proxectos. A contextualización do ensino pode verse enormemente favorecida. É obvio que para poñer en práctica a pedagoxía de Freinet, de Freire, da Escola Nova… non é imprescindible depender das TIC, pero tamén é certo que con elas é máis doado.
As súas posibilidades son enormes en relación coa introdución de contidos diferentes nas aulas, a elaboración de novos materiais didácticos, e posibilitan algo moi importante, que é o feito de que o profesorado poida elaborar os seus propios materiais ou adaptalos. Igualmente, axudan dun xeito exponencial ao intercambio de experiencias de traballo entre o profesorado.
Pero isto só é posible se se poñen en marcha medidas que axuden a que poida ser posible: formación do profesorado, tempo para poder traballar no desenvolvemento de proxectos, políticas educativas que aposten por modelos alternativos no emprego das TIC… Igualmente resulta fundamental o apoio, recoñecemento e difusión das boas experiencias, que poderían servir de exemplo a outros docentes. Por exemplo nos premios Educacompostela, que ata hai uns anos promovían conxuntamente Nova Escola Galega e o Concello de Santiago e que pretendían valorar os materiais elaborados polo profesorado e contribuír á súa difusión.

E que perigos pode presentar o seu uso?

Polo que se ve na prensa, en certos informes e estudios e mesmo en programas políticos, diríase que o fundamental en relación coas TIC é a incorporación de máis e mellores medios tecnolóxicos nas escolas. Isto parece que é o que vende e o que fai que a xente pense que temos un ensino de mellor calidade. Neste contexto emerxen novos programas, materiais, videoxogos… Aparecen entón numerosos perigos e situacións.
Algúns dos perigos que están moi presentes nos últimos anos son a adicción que comeza a amosar o alumnado de determinadas tecnoloxías e do manexo da web, o acoso e o ciberbulling están nestes intres entre as principais preocupacións. Igualmente, moitos videoxogos que existen a disposición do noso alumnado recollen valores pouco apropiados e de escaso ou nulo potencial educativo. É importante subliñar que unha boa parte dos menores non reciben información ningunha sobre as normas de seguridade do emprego da rede.
Paralelamente encontrámonos habitualmente nas escolas cun emprego das tecnoloxías con modelos pedagóxicos tradicionais onde prima a memorización e a reprodución. Así non se aproveita o potencial das TIC.

Cal é a túa opinión acerca do libro de texto dixital?

O texto dixital poderían supor algunhas melloras con respecto ao libro de texto impreso. O problema é que as escasas investigacións que se levan realizado ata agora en relación co tema, amosan que máis ca libros de texto dixitais, o que estamos tendo son libros de texto dixitalizados, que basicamente presentan as mesmas características e estrutura ca os libros de texto normais. Nunha boa parte dos libros de texto que foron orixinalmente concibidos como dixitais, non se detectan avances considerables en relación co seu deseño e propostas de traballo, salvo raras excepcións. Cómpre ter en conta que a edición dun “bo” libro de texto dixital necesita novos profesionais capaces de incorporar novos deseños e sobre todo capaz de traducir as súas novas posibilidades pedagóxicas. Igualmente, está o problema do uso destes libros de texto dixitais, que é practicamente o mesmo ca o do libro de texto impreso.
A cuestión tamén é que a calidade dos nosos libros de texto é moi mellorable, e presentan problemas e numerosas eivas que nada teñen que ver coa cuestión de que sexa impreso ou dixital como é o feito de que son altamente sexistas, discriminatorios e descontextualizados. Presentan as mesmas eivas ca os libros de texto de hai 15 anos; algo hai que non se está facendo ben.
En calquera caso, o debate coido que non debería centrarse entre libro de texto impreso ou libro de texto dixital; a cuestión é que o libro de texto é un recurso obsoleto, xa que presenta unha construción particular da realidade, unha visión acabada e estática cunha síntese de contidos dun xeito unidireccional. Son froito de condicións político-ideolóxicas e que están ao servizo de determinadas clases sociais. Máis ca preocuparnos polo libro de texto impreso ou dixital, deberiamos preocuparnos de pensar en pedagoxías alternativas ao emprego do libro de texto, que estiveran caracterizadas, por exemplo, polo traballo por proxectos.

Hoxe por hoxe, é posible unha escola sen libros en papel? É desexable?

A día de hoxe non hai indicios que nos leven a pensar na súa desaparición. Aínda así, hai reflexións sobre unha escola futura sen libros de papel, ou sobre os novos libros de texto dixitais. Cómpre ter en conta que o formato de libro de texto electrónico esixe outra maneira de “ler” que ten que ser aprendida e traballada nas aulas. Lembremos que algunhas das críticas recentes que recaen sobre a lectura en formato electrónico é a lectura fugaz e superficial que se realiza dos textos dos dispositivos electrónicos. A estas cuestións temos que prestarlles atención e traballalas axeitadamente nos centros educativos.
Aínda así, como apunta Jordi Adell nunha entrevista realizada na Revista Galega de Educación, os libros electrónicos deben solucionar diversos problemas, tales como o da preservación; o da anotación, os novos libros deben ser máis parecidos a unha conversión que a un monólogo, deben deixar de ser obxectos físicos ou imitacións virtuais de obxectos físicos, como os actuais libros electrónicos.
No día de hoxe creo que, sen dúbida, ambas culturas, a do libro impreso e a do libro dixital, deben convivir e coido que sería fuxir da realidade entender o contrario. Coido que o realmente importante é ler e que determinados hábitos relacionados, por exemplo coa lectura en familia ou en grupo, se manteñan, sexa en libro impreso ou dixital.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s