Mosteiro de Herbón. Un proxecto co-rompido (1ª parte)


Manuel Alonso

Roberto Freire, premio Portapaz 2014, xunto cos cans envelenados. Un deles estaba educado para terapia xeriátrica.

Roberto Freire, premio Portapaz 2014, xunto cos cans envelenados. Un deles estaba educado para terapia xeriátrica.

O “Proxecto Herbón” naceu ao amparo dos valores do franciscanismo e da fonda convicción para as persoas que o iniciaron de que poderían resetear eses valores encarnados en Herbón que, co paso do tempo, se foran facendo case que invisibles. Desde o franciscanismo quixeron estar a carón dos veciños, encarnando un proxecto evanxélico de servizo pastoral e discreto para cantos, durante tanto tempo, o convento é unha referencia de vida e de sentido: os veciños da aldea de Herbón e a súa contorna.

Estar ao servizo de quen demanda hospitalidade e acollida, espiritualidade e conversa, perspectiva cara dentro dun mesmo e cara a fóra; a carón tamén dos máis vulnerables do noso rural cunha oferta colaborativa de emprego e de futuro, salvagardando dereitos e dignidade. Quixeron estar presentes na cultura local, o asociacionismo e a dinamización dos valores patrimoniais, culturais e do ecoloxismo como metáfora dunha vida alternativa aos modelos imperantes.

Os residentes no mosteiro

O mosteiro

En definitiva, unha rede de asociacións, seis, cun núcleo común e nun modelo de participación social inédito, inclusivo e aberto que albergaba unha experiencia compartida por homes e mulleres encarnados na terra, nun esforzo colaborativo que parece non levarse nun sistema democrático de baixa intensidade coma o noso e, dende logo, tampouco na Igrexa: Asociación Sementar, mulleres e homes do rural padronés firmes na defensa dos valores patrimoniais, o ecoloxismo e a dinamización social; a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago coa súa determinación por achegar algo de sentido no fenómeno da peregrinación a Compostela; Viravolta Sociedade Cooperativa Galega, mocidade emprendedora cun proxecto pedagóxico excelente para atender a menores en risco de exclusión social; o Seminario Galego de Educación para a Paz, con 25 anos de experiencia; o Instituto de Estudios Irienses coa preocupación pola nosa cultura e a búsqueda de vías para a súa conservación, estudo e difusión; AMIPA co seu traballo pola integración e normalización na discapacidade na comarca do Sar, e a mesma comunidade Franciscana de Herbón anovando valores centenarios desde a fundación desa casa sempre aberta… ata o de agora: a educación, a paz, a hospitalidade, a integración dos máis vulnerables, a salvagarda de creación, a xustiza e a paz (cousas todas elas presentes nas súas constitucións), o servizo pastoral á comunidade crente e a presenza significativa na cultura local.

Á sociedade en xeral e ao grupo de persoas implicadas nese todo común, resultoulles un movemento de iniciativa local de grande interese, de cero ideoloxía, integrando a todos e, atrévome a dicir, ecuménico e interrelixioso. Quizais podería ser descrito como “católico” na súa acepción de universal, significado que a Igrexa católica parece esquecer reiterada e institucionalmente.

Xurde unha proposta

Foron varios anos cheos de modesto e constante traballo comunitario, cos franciscanos como nexo, malia á falta de apoio institucional, diluída en medio de escusas no nome da crise e unha grande ignorancia ao respecto do que estaba sucedendo en Herbón. E nisto que, desde as asociacións e os propios monxes, decidiuse solicitar o BIC (declaración de Ben de Interese Cultural) para o mosteiro, o que permitiría recibir fondos para restaurar un edificio que precisaba de intervención urxente.

Todo o mundo de acordo: axentes sociais, concello, partidos políticos, Xunta de Galicia, o propio Ministerio… O BIC é necesario, bo para Herbón e as súas xentes. Pero todo vira cando fai a súa aparición Poderoso Caballero: alguén se decata de que o mosteiro podería dar grandes réditos económicos. O que antes era si, agora é non, a solidariedade torna en avaricia, e os que se manteñen na idea orixinal non tardan en saber do poder dos cartos: ameazas, envelenamento dos cans, desterro ao Cebreiro de Roberto Freire, prior do mosteiro.

Non se arredaron. O BIC podía protexer para sempre os veciños da aldea do escravismo ideado polos ricos (ou aspirantes a), do seu proxecto nacente da especulación. Os seus intereses -un Hotel de luxo, a adquisición dos terreos colindantes ao convento e a apropiación da semente do “pemento de Herbón” (que os monxes trouxeran de México con eles cando se asentaron aquí, protexéndoa e poñéndoa ao servizo da xente)- provocan a aparición de varias frontes empeñadas en co-romper, romper entre varios. A imaxe evanxélica das perlas botadas aos porcos estaba servida.

No seguinte artigo habemos falar desas frontes sociais, políticas, económicas e relixiosas.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade, Uncategorized coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s