Entrevista a Xosé Manuel Casais e Lucía Ferreira


Redacción

Nome: Raínha Lupa S. Coop. Galega
Quen son: unha Cooperativa de Agricultura Ecolóxica
Onde están: Quilmas (Carnota): http://cooperativadeagriculturaecoloxicarainhalupa.wordpress.com/ e https://www.facebook.com/rainha.lupa.5
Que fan: manter a biodiversidade natural

Xosé Manuel e Lucía no posto da RAINHA LUPA na III_Feira_na_Eira_Xuño_2013Dende o ano 2008 vén funcionando en Carnota a Cooperativa Raínha Lupa, unha experiencia agro-ecolóxica que se está convertendo nun referente a nivel galego. Sobre a súa historia, o seu funcionamento e os plans de futuro falamos co seu presidente, Xosé Manuel Casais, e a súa secretaria, Lucía Ferreira.

Que é Raínha Lupa?

É unha cooperativa creada no ano 2008 para a revalorización das terras da Agra de Quilmas e para garantir o seu uso tradicional agrario e conservar a flora e fauna que nelas viven e que conforman o seu gran valor ambiental, así como protexelas fronte a especulación.

Case nada… E como facedes iso?

Sen máis nada có noso labor diario: cultivo de froiteiras autóctonas, cereais e hortalizas, conservación das abellas melíferas para a polinización, cos labores de coidado dos camiños, con estivadas para o uso das toxeiras como abono das terras e mantendo as sebes naturais; e logo, coa concienciación medioambiental da poboación en xeral, organizando cursos formativos de agroecoloxía, de consumo responsable, ou coa promoción dos produtos agrícolas ecolóxicos de proximidade e coa organización de mercados no propio lugar de Quilmas.

Quen formades R.Lupa?

Sómosche 14 socias/os, que teñen diferentes funcións na entidade. As terras pertencen aos socios, que as ceden á cooperativa para a súa custodia. Tamén temos propiedades, leiras, instalacións e maquinaria adquiridas reinvestindo os beneficios; outras terras traballadas son cedidas pola veciñanza non socia.

Como facedes o reparto do traballo cooperativo?

O traballo de todos os días realízano dúas persoas que fan a planificación e plantación dos cultivos así coma a comercialización dos mesmos. Para os traballos de divulgación e creación de proxectos faise unha colaboración conxunta entre varias socias e/ou mediante convenios con outras entidades. A xestión é realizada pola Xunta Directiva, seguindo as pautas da Asemblea e resolvendo os problemas que poidan xurdir no traballo do día a día.

E por que ese nome tan real?

A Raínha Lupa era unha muller-loba con dúas faces, que moraba no Monte Pindo: unha protectora das terras e animais e outra resolutiva e feroz fronte ás invasións e ataques que podería sufrir o seu protectorado; unha deusa da fertilidade e da morte coa forza da natureza mesma. Se ollamos cara ao monte dende as terras da Cooperativa vese unha das lombas empedradas chamada Casa da Raíña Lupa, onde vivía esta deidade pagá.

Dicías antes que tamén organizades mercados. Tedes dificultades para dar saída aos vosos produtos nos que xa existen?

Non, non é iso. A nosa filosofía é que os nosos produtos se consuman o máis preto posible e sempre de forma directa. Así, na actualidade, facemos repartos a domicilio -en fogares e restaurantes- nas localidades próximas. Tamén organizamos durante o ano diversos mercados Pola Defensa da Terra en Quilmas onde, ademais dos nosos produtos, pódense atopar unha gran diversidade de alimentos de proximidade que serven como canle de comunicación entre os labregos e artesáns e consumidores dando a coñecer novos proxectos e produtos, técnicas de cultivo, obradoiros e oficios, así coma un lugar para o debate. A maiores, participamos en mercados que se organizan por toda Galicia e cos que nos sentimos afíns, nos que se promociona a agroecoloxía e o produtos labregos de proximidade.

Pero, aínda que vos centredes na proximidade, sairedes algunha vez da comarca

Por suposto, gústanos crear redes! Todas as semanas enviamos á cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca cestas cheas de hortalizas e froitas para seren distribuídas dende o seu local coruñés entre as socias consumidoras. Tamén colaboramos con eles e coa Asociación Ecoloxista Adega nos mercados que teñen lugar na Eira da Xoana, dúas veces ao ano, e nos diversos voluntariados ambientais que se veñen realizar en Quilmas dende o comezo da nosa actividade. Colaboramos coa rede Compartindo Saberes, estamos inscritos na Rede de Sementes Galega e noutras sen nome oficial de colaboración entre xentes labregas e non labregas de intercambio de tempo, produtos e saberes…

O voso é un traballo lento e cotián, como vos afectaron os incendios do verán pasado?

Puf! Foi unha lanza directa ao corazón, ver coma parte do traballo de 5 anos (e toda a natureza que nos rodea) ardía irremediablemente. Malia aos nosos esforzos por reter o lume, chegou a todos os campos de froiteiras autóctonas, ao apiario e, realmente, a toda a Agra agás os invernadoiros (un queimouse por un lateral) xa que alí estabamos nós cun tanque de auga e caldeiros para impedir que o lume entrara. Por fortuna, nunca diriximos os nosos ingresos nin a nosa produción a un só cultivo, a base da nosa supervivencia é a diversificación polo que a Raínha Lupa pode seguir facendo o que facía, só que precisamos tempo para reinvestir de novo nas árbores froiteiras e recuperar as plantacións pero, desta volta, tendo en conta os lumes e tentando incorporar ao deseño técnicas de prevención e devasas que protexan o lugar: agora temos un medio máis sensible, erosionado e que require máis atención á hora da rexeneración.
Os recursos van proceder do que xeremos e da colaboración do voluntariado, -os recursos humanos, económicos e sociais non proceden dos bancos nin de axudas da administración, que teñen os labregos, a toda a poboación, nun absoluto abandono.

Reparto de cestas en Fisterra.redimensionadoE que proxectos de futuro tedes, que novas ideas?

Agora a nosa actividade prioritaria é a construción dun local para a comercialización de produtos ecolóxicos en Quilmas. Esta tendiña vaise localizar nun alpendre que rehabilitaremos con materiais naturais (madeira das nosas árbores, arxila, palla e cal) nunha parcela onde realizamos cultivo protexido, deste xeito achegamos as persoas, aínda máis -a pé de planta-, ao lugar onde medran os verduras e onde realizamos o noso traballo.

Ou sexa que seguides con ánimos…

Claro, con moita ilusión! Queremos seguir creando un agrosistema para a produción de alimentos sans e iso formúlase a medio-longo prazo, consolidando o proxecto, se é posible, axudando a fixar poboación, facendo de Quilmas unha referencia e punto de encontro para outros proxectos que teñan como horizonte o repecto ás persoas, ao contorno e ao ambiente. Habemos seguir traballando mentres agardamos que as políticas muden cara ásostibilidade.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Contra a crise, autoxestión coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s