A vida


É de moito interese e sinxeleza o artigo de Xosé Arregui que incluímos neste número. Falamos da Pascua. Falamos da vida e da confianza inexplicable, contra calquera indicio en contra, de que a vida vence sobre a morte.

E non calquera vida. No centro da fe cristiá hai un dato incontrovertible, inmanipulable. E non por falta de intentos históricos para encubrilo e de manipulalo.

Esa é a gran contradición histórica da Igrexa, transmitir e ocultar, desvelar e amortecer o gran dato: Deus asómase por unha fiestra da historia humana, e nesa xaneliña é un xusto axustizado pola interesada alianza do poder político e relixioso.

Séculos de dolorismo, de predestinación, de sacrificio vicario (tiña que morrer para ofrecerse como vítima propiciatoria), dunha relixiosidade barroca empeñada en que a fe é crer no incrible non conseguen ocultar a frescura e a sinxeleza do evanxeo.

Os capirotes e bandas militares en procesión poden ser un argumento turístico. Todo depende de gustos. E hai gustos realmente para todo. Tamén son un tema económico, que hai que remontar a crise. A cuestión é se esas e outras manifestacións e símbolos axudan ou non a trasladar unha imaxe cabal do núcleo irrenunciable da mensaxe pascual. Esa que implica que a coherencia e a liberdade interior teñen consecuencias; que a persoa xusta, aquel ou aquela que inaugure espazos de fraternidade que non interesan ao sistema, ten un final anunciado; que esoutro mundo posible “vai estando” entre nós se o sabemos ver e construír. Esa que implica, tamén, que a derrota aparente do crucificado, de todos os crucificados, torturadas e inxustamente executados da historia humana, non é tal. Que a vida ten a última palabra.

É de desexar que os novos aires “franciscanos” vaian empapando, coma orballo, esta gran Igrexa tan plural e desconcertada, despois de toneladas de dogmática prescindible, de historias escuras, de estraños acentos, de liturxias e costumes culturais convertidas en material opaco, que desconcerta. E que dificulta, en definitiva, a transparencia dunha boa nova que pode cambiar os corazóns, as miradas e o mundo.

Feliz Pascua.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s