O que fomos, o que somos…


Lidia e Valentina

Canta riqueza léxica se está a perder conforme pasa o tempo. Quedan atrás os traballos, os oficios, a xente… Desapareceron os carros das vacas, os dos bois… Onde el quedan o xugo, a chavella, o estrobo, a cabezalla, as cangallas, o chedeiro, o espeque, os fungueiros (ou fumeiros), os ladrais… Así chamámoslle nós, pero seguro que moitos e moitas de vós tendes outras palabras diferentes para nomear o mesmo.

Tamén perdemos os muíños tradicionais e con eles: a canle, o rodicio, a quenlla, a moega, a capa, o pé, o caixón, o batallo… Os tempos avanzaron, mudaron. Nas aldeas, de aquí a pouco, xa non queda xente; e a que hai, por sorte, ten maquinaria: o tractor, o muíño eléctrico…, incluso internet. Isto é bo, claro, necesario, pero dá moita mágoa o que se esquece por non existir xa… Parece incluso que se despreza falar destas cousas, que é ser anticuado/a, estar ancorado/a no pasado, ser morriñento/a, que xa non fai falta este léxico… Pero iso non quere dicir que poidamos esquecer de onde vimos e que ao redor dos muíños, había todo un sistema de vida e unha cultura asociada. Quizais lembredes aquilo de:

Unha noite no muíño,

unha noite non é nada,

unha semaniña enteira,

iso si que é muiñada…

Ou mesmo:

Veño de moer morena

dos muíños de riba;

durmín coa muiñeira,

non me cobrou a maquía.

Os muíños eran, moitas veces, os “lugares de marcha”, de encontro de antes, de feito moitas veces íase de noite, xa que cada familia tiña a súa rolda, as súas horas nun determinado muíño: 9 horas, 19 horas… Íase levar o gran, botar o muíño a andar, e había quen esperaba a que rematase de moer, ben porque o muíño non estaba cerca da casa (ao mellor, alá no fondo da aldea, onda o río), ben por evitar o risco de que lle roubasen o gran ou a fariña…

No muíño da Macía entrei,

un ferrado de gran levei,

que endevindo o novo

eu o pagarei,

que na fame non hai lei.

Dende logo que eran lugares onde se podía valorar a fartura de cada casa. Ter gran para moer e fariña para amasar e cocer un pan, para ter que levar á boca, era sinal de que non era tanta a necesidade, a *necesidá”, que din os nosos/as maiores.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Falando da lingua. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s