Cumprido xa o primeiro ano de papado de Francisco, como pensas que evolucionarán agora as cousas?


Alba Canoura

Alba Canoura

Individuo ou comunidade?

No seu primeiro ano de papado, Francisco parece que imprimiu unha serie de cambios no rumbo da xerarquía católica. Son soados nos medios de comunicación os seus xestos simbólicos por achegar humildade ao seu exercicio ou as súas palabras que comezan a conformar un discurso social que levaba xa demasiado tempo en un segundo plano.

Que existe un cambio de rumbo parece evidente pero, ata onde van chegar esas transformacións? Sobre Francisco fixéronse numerosas especulacións: buscará realmente un cambio ou ben quererá promover a penas un lavado de imaxe? Ata onde terá capacidade para actuar?

Os equilibrios de poder existen en todas as institucións, e a Igrexa non é unha excepción. Pensar que unha soa persoa ten a capacidade de promover mudanzas profundas é perigoso. Francisco é un líder e como líder debe promover o empoderamento das comunidades que o seguen. E este proceso pasa necesariamente por un cambio na balanza onde a base social da Igrexa gañe peso e a xerarquía o perda.

É difícil imaxinar cal será a evolución do papado de aquí en diante, pero o que si creo é que unha figura carismática non é a clave para fortalecer a Igrexa, xa que unha organización forte só se consegue cun movemento de base activo e implicado na súa comunidade. 

Antón Laxe

Antón Laxe

Por unha Igrexa fiel á mensaxe de Xesús

A noite que foi escollido papa Jorge Bergoglio, estaba a escoitar a radio e recollían unha conversa coa responsábel de prensa e colaboradora del na súa diocese de Bos Aires que minutos antes estivera a dar chimpos e carreiras polo pavillón onde estaban acreditados todos os medios de comunicación, mentres os seus colegas buscaban información de quen era o novo e descoñecido Papa. Esta, cun ton emocionado e exultante de alegría comezou a citar as virtudes humanas e sociais desta persoa e dixo, cun sentimento esperanzador e ilusionante, “xa verán que gran Papa vai ter a Igrexa”.

Despois dun primeiro ano con xestos e palabras significativas que romperon nalgunhas cousas o habitual na Igrexa e que contaron coa complicidade e o eco dos focos e dos medios, espero, desde a distancia na que me encontro e o descoñecemento que dese mundo teño, que non quede todo centrado na persoa de Bergoglio e no mediático e que teña realmente transcendencia e traslado á comunidade eclesial e á sociedade en xeral. Os movementos que o Papado estea a dar, entendo que boa parte deles en estado moi embrionario, pouca repercusión tiveron na vida da nosa igrexa local de todos os días, onde o perfil é pouco dinámico e permeábel a novas propostas despois de estar escoitando toda a vida a mesma música.

Oxalá a medio prazo poidamos darlle a razón á xornalista arxentina e vexamos outra Igrexa liberada de todo o superfluo, centrada nas persoas e en ser fiel á mensaxe de Xesús de Nazaré.

Manolo Regal

Manolo Regal

Tócanos a nós

Ben, primeiro gozar polo que este ano nos deu, agradecelo, dalo a coñecer. Este ano foi coma un ano de sementeira e agora cómpre velar polos xermolos, gozar véndoos medrar e despois, cando sexa, dispoñerse a coller os froitos; como advertía Xesús, o trigo madurece rodeado de xoio; o malo sería que o xoio fose tan abundante, que acabase afogando o trigo, como ás veces lle pasa á xente do campo. E nisto a xente do campo dános tamén exemplo: aínda con esas, volverá sementar, porque lle vai a vida niso; poñendo remedios para que o mal non se repita.

Dito isto, que pode pasar, que cabe agardar? Hai pasos irreversibles como o da derruba da imaxe sacralizada do Papa? Pode ser. Pero pouco máis. O “estilo Francisco”, marcado polo principio do respecto e da misericordia, vaille á xente en xeral, crea simpatías e podemos esperar que prospere, pero ollo!, ten inimigos e nas propias filas. Que se abran camiño maneiras colexiais de pensar e resolver a vida eclesial? Non vai ser doado, hai tanta “mundanidade espiritual” polo medio!

Vexo necesario axudar a alterar a teoloxía e a oración popular para que as sirva un Deus que camiña ao pé do pobo e lle axuda a descubrir a súa presenza solidaria alí onde a vida se xoga por dor ou por gozo.Coido que é a hora de aproveitar o envellecemento do clero e o abandono pastoral das parroquias rurais, para crer e crear vida cristiá ao redor duns novos ministerios laicais. Pero o futuro non é cousa do Papa Francisco só; el foi o espertador; tócanos a nós erguernos para o traballo e a esperanza.

Operación de limpeza e caleado

Concha Sánchez

Concha Sánchez

Conquístaos o seu talante afable, estilo austero, linguaxe directa, pero…

Está por iniciar un proceso de reconciliación profunda no interior da igrexa (por exemplo, rehabilitando a longa lista de teólogos suspendidos por Ratzinger: os grandísimos Leonardo Boff, Frei Betto e os nosos Pepe Castillo, González Faus, Tamayo, etc., e o máis sangrante para Galiza o noso Andrés Torres Queiruga.

Adíase para non se sabe cando a discusión e decisión para as mulleres que senten a chamada do sacerdocio. As mulleres non existen para a igrexa, nin sequera para Francisco. Aínda seguen a pedir paciencia… Ten que comezar a dar pasos cara á fin da misoxinia e o patriarcado, e que a igrexa se pareza un pouquiño a Xesús de Nazaré.

Tampouco recibiron ningunha palabra de ánimo as Comunidades Cristiáns de Base, que levamos desenvolvendo un traballo contracorrente da xerarquía dende o franquismo en España… nin nas do resto do mundo!

Boto de menos que se pida perdón en España pola súa implicación activa da xerarquía e clero co fascismo.

Tampouco vin que se tome en serio o gravísimo tema dos pederastas. Semella que non hai intención de devolverlles a honra ás vítimas. As probas irrefutables deses delitos e do encubrimento sistemático dos curas pederastas por parte da institución católica chegou a tribunais estatais, federais e internacionais.

Daquela… moitos máis cambios ten que haber; se non, simplemente será unha operación de limpeza e caleado.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en A pregunta coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s