Guimatur: difusión da cultura mariñeira e do marisqueo


MJosé Cacabelos

Manuel G. Turnes

Mª José Cacabelos é a presidenta da asociación Mulleres do Mar de Cambados. Nun país coma o noso, onde o mar é tan importante, este tipo de organizacións merecen ser salientadas e dadas a coñecer.

Que é Guimatur?

A Asociación Cultural “Mulleres do Mar de Cambados”, abreviando, GUIMATUR, constitúese no ano 2004 como unha asociación sen ánimo de lucro. Creámola buscando contribuír ao desenvolvemento das comunidades do medio rural de zonas dependentes da pesca, centrándonos en Cambados, que é de onde somos. Ao final o que se pretende é fixar poboación, poñer en valor os recursos locais, que isto xere emprego, e que o círculo se peche cunha relación positiva entre actividades económicas, sociais e culturais na nosa comunidade.

Pero, que vos distingue? Que obxectivos perseguides?

O noso labor desenvólvese arredor de tres eixes: a promoción e recuperación da cultura tradicional mariñeira, o coñecemento e a promoción de todas as actividades vinculadas ao traballo do mar e a posta en valor das mulleres en todos os seus ámbitos.

E por iso facedes rutas nas que amosades o voso traballo in situ…

Certo, e podedes vir cando queirades, porque están dirixidas tanto a escolares de todos os niveis educativos como ao público en xeral. Temos tres rutas: Ruta do Marisqueo, Ruta do Porto e Ruta do Marisqueo e Viñedos. Nas visitas realízase un percorrido pola vila de Cambados, durante o que o público coñece as entidades que asocian os profesionais do mar, participan do marisqueo a pé, percorren o porto para coñecer os tipos de embarcacións tradicionais e as especies que capturan, observan a actividade das redeiras nas naves nas que traballan, asisten a unha poxa de produtos pesqueiros na lonxa e descobren a actividade das conserveiras e a arquitectura mariñeira. Ademais, na dos viñedos visítase unha adega de viño albariño e remátase cunha cata. Para acceder á zona de OLYMPUS DIGITAL CAMERAmarisqueo, as guías facilitan botas a todas as persoas participantes e ao final da visita regalamos unha bolsa de rede, feita a man polas redeiras, que contén cunchas de diferentes especies de moluscos bivalvos da zona, xunto cunha guía de marisqueo realizada en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

Nótaseche na expresión que falas con orgullo das vosas actividades, pena que non se poida reflectir no papel…

Home, é que pensamos que con elas estamos contribuíndo realmente a difundir a actividade económica das profesionais (o marisqueo a pé é a actividade que ocupa a máis mulleres no concello de Cambados). Ao dar a coñecer a nosa profesión, que queiras que non, estamos revalorizando os produtos do mar. E non só iso, facemos visible o traballo da muller, no marisqueo a pé e armado e na reparación de redes, como saídas profesionais dignas e remuneradas, o que leva consigo a mellora da calidade de vida do colectivo. As persoas que integramos GUIMATUR non só mostramos os nosos oficios, senón unha forma de vida, a sabedoría e as vivencias asociadas ás nosas profesións. Todo isto contribúe ao aumento da autoestima do colectivo.

Canta xente se adica agora mesmo ao marisqueo e canta pertence á vosa Asociación?

Agora mesmo somos 206 mariscadoras a pé e podemos dicir que representamos a un dos poucos sectores que aquí xeramos postos de traballo. Dáte de conta de que no ano 2012 incrementouse o número en 27 mariscadoras máis, e no 2013 outras 25. Destas todas, 11 mariscadoras a pé e dúas redeiras, formamos GUIMATUR e compaxinamos a actividade profesional de mariscadora ou redeira coas que promove a asociación.

Como é o voso traballo nun día normal de marisqueo? Como distribuídes o tempo?

O noso traballo como mariscadoras consiste en, sempre que a marea está devalada, baixarmos á seca a traballar para recoller o tope de captura dese día. Se non se pode, aproveitamos para facer labores de limpeza e de sementeira. É un traballo duro, pero tamén ten as súas vantaxes: pensa que traballamos 3 ou 4 horas ao día, unha media de 15 días ao mes, e iso permítenos vivir dignamente do noso traballo e máis ter tempo para outros labores.

E se tendes unha visita de escolares, poño por caso?

Se temos unha ruta programada, daquela certo número de mariscadoras de GUIMATUR, -unha por cada 20 visitantes-, están avisadas para saíren á hora concertada (as visitas adoitan producirse coincidindo con toda a baixamar), a buscar os visitantes para facer a ruta. Estas mariscadoras avisan ás compañeiras de GUIMATUR, de canto marisco lles falta para facer o tope, e as compañeiras axúdanlles a completalo. Despois GUIMATUR compensa as mariscadoras que saíron de ruta, coa diferencia entre o que elas gañaron ese día de marisqueo e o que obtivo a mariscadora que máis gañou ese día.

Como decidides quen acompaña as visitas e quen non?

Estamos organizadas en quendas. Todos os traballos, as rutas, a limpeza das botas que prestamos ás visitas para baixar á seca, a confección da bolsa coa que agasallamos os visitantes, o lavado das cunchas… -todo o que realizamos en Guimatur- faise por orde de lista.

Para rematar, coOLYMPUS DIGITAL CAMERAmo estaba o mundo do marisqueo antes de que vos organizasedes e en que mudou coa vosa intervención?

Se te refires á nosa asociación, non creo que influíse moito no marisqueo pois, cando nos constituímos, a Agrupación de Mariscadoras xa estaba organizada. Non sei se sabes que a Asociación Cultural Mulleres do Mar de Cambados é totalmente independente da Agrupación de Mariscadoras, que pertence á Confraría. Estoutra agrupación si que contribuíu a dignificar o noso traballo organizándoo, poñendo cotas, controlando que se pague un prezo digno polo marisco… No que influímos as de GUIMATUR, foi en darlle ao oficio de mariscadora unha dignidade que non tiña e que a propia mariscadora sentise o orgullo de selo. E ao final todo está relacionado: decátaste de que o único sector no mar que mantén o nivel económico de anos atrás, é o marisqueo a pé? Porque o marisqueo a flote e a pesca estano pasando moi mal. De feito, agora mesmo temos un ERE aberto na lonxa. Se non fose polo traballo que xeramos as mariscadoras a pé (o de a flote, tradicionalmente, son os homes os que se adican a el), probablemente teriamos despidos. Por outra banda, damos a coñecer aos visitantes a nosa vila e a súa cultura mariñeira e de mariscos e moitos dos grupos que nos visitan despois quedan a comer en Cambados e a mercar algún agasallo. Así que… si que sentimos que, dalgunha forma, aínda que sexa pequena, contribuímos a mellorar a situación da muller mariscadora e da sociedade en xeral.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s