Vexetarianos


 Daniel López                         

       Os pobres, a nova maioría, vivirán máis, grazas aos expertos do ministro Montoro. Se se consolida a proposta deses expertos sobre a reforma fiscal, a carne vai subir un 11% para todo o mundo. Si, pasará do IVE 10 ao IVE 21.

 

A intención dos expertos ten que ser dietética. Hai indicios claros de que é unha operación combinada, un exemplo de coordinación entre departamentos ministeriais, do de Facenda co de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, que é o que controla a brillante ministra que bateu cun Jaguar no seu garaxe e pensou que era o mixiño da veciña. Puro sentido da “igualdade” que, din os filólogos, vén de “igual”, que significa “tanto ten”.

 

Efectivamente, a intención de fondo sería que os pobres melloren a súa dieta, melloren a súa saúde e precisen menos atención sanitaria. Porque gastan moito na sanidade pública. E a razón de base é a mesma pola que un pobre nunca confundiría un Jaguar de trescentos cabalos cun felino doméstico, porque na súa vida non pasan esas anormalidades, e porque a pública é a única sanidade posible.

 

A operación é perfecta. O IVE xa o pagaban todos, pobres e ricos e, por culpa de estar tan baixo para a carne, o persoal todo, indiscriminadamente, forrábase a proteínas e graxas animais, que saben moito, pero soben o colesterol e a tensión arterial. Por outra parte, os pobres xa non pagaban, ou pagaban pouco IRPF, que se baixa, e que era o que máis castigaba os ricos. Por iso había algún rico que, con ese castigo, chegara a ter a tentación de ir á sanidade pública. E iso é intolerable.

 

Agora proponse subir o IVE da carne. Pero báixase o IRPF, sobre todo, o dos tramos altos, o cal alivia os ricos de tanta presión. Así, os ricos poderán seguir comendo carne, ala!, que se forren, que se envelenen, tanto nos ten ao resto, que total, coa rebaixa do IRPF, xa poden ir todos pola privada, pagando como parvos e parvas, e non ocupan sitio.

 

E, ademais, como os pobres van ter moita mellor saúde, por non se poderen permitir comer esa noxenta carne chea de toxinas, irán menos ao médico, co que podemos seguir enfraquecendo o gasto sanitario e corrixir o déficit.

 

De quen será a idea desta auténtica innovación administrativa, deste virtuoso exercicio de bo goberno? Quen queira que sexa, merece, polo menos, un rolex de ouro e un Ferrari testarossa de cor azul, así, para empezar.

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s