Hoxe vai de adiviñas…


Lidia e Valentina

Falámosvos da “présa” e da “presa”, que se diferencian por un acento que á súa vez marca a pronuncia diferente das dúas vogais. En galego, no galego tradicional, temos sete vogais, que cada vez son máis difíciles de escoitar entre a xente da vida pública, que deberían difundir o estándar da nosa lingua (xornalistas, políticos, comentaristas varios…). Así converten unha frase que diría calquera paisana do rural “Pola póla vai unha pola”, nun trabalinguas ou nunha adiviña. Agora xa as “polas” (fillas da galiña) non andan polas ramas das árbores (pólas), están maioritariamente pechadas, pero seguen escaravellando coma as súa proxenitoras. E preguntámonos nós se, coa perda de léxico que vemos que se está producindo, influído tamén por estarmos cada vez máis afastados do rural, saberían os nenos e nenas que viven nas urbes a solución para esta adiviña: “Adiviña, adiviñarás, cal é o bicho que escaravella máis?”

Se cadra si que acertan estoutra referida ao macho da anterior: “Casco de grana, gran cabaleiro, capa dourada e espora de aceiro”.

Ou todas as que teñen que ver cos animais que temos dentro da casa, por exemplo estas tres:

Que animal ten bo olfacto,

cazador dentro da casa,

curruncho a curruncho repasa

e lambe se pesca o prato?

Teño un amigo
de catro patas
que vén comigo
gardar as vacas

Son animal vertebrado,
do home o mellor amigo.
Ás veces son cazador
e outras veces son ladrizo

Como deduciriades, a primeira refírese ao gato e as dúas últimas ao can. E se cadra estades pensando que “ladrizo” é un derivado de “ladrar”… Pois non! O seu verdadeiro significado é: “Correa de coiro que vai por debaixo do pescozo das vacas e se suxeita ás cangallas” Agora xa as vacas non levan o carro e non se din frases do tipo: “Non puido xunguir a vaca ao carro porque perdera o ladrizo”. Quizais na vosa zona lle chamabades pioga (coma nós), ou abrocha, ou barbela, cádiga, cadigueiro, pealla… Aí quedamos…

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Falando da lingua. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s